Non sei se estou de paso
simplemente;
se esta viaxe, arredor de min mesmo,
ten data de caducidade.
Síntome agardar pola luz
dos contos amarelos,
polo gris das tormentas
presentidas,
pola maxia que producen
os beizos en movemento
cando teñen algo que bisbar.
Síntome fóra deses sismos interiores
que semellaban os galopes
de cabalos cegos e negros.
Escoito as voces
daquelas cortinas rabuñadas
polas dúbidas
que agochaban o cascallos
dos invernos incubados
polas xeografías imposibles.
Non sei se estou de paso
simplemente,
pero quero escribir ao pé
das esfinxes
esas palabras anoadas á intemperie
que endexamais puiden pronunciar
sen sentirme un impostor.
* * *
Ver paxaros queimados polo ceo
lévame a unha rebeldía sen rostro
que me vai permitir
borrar os laios covardes
e facerme forte
perante os ollos húmidos
do medo.
* * *
Fotos: Susi F.D. |
Hoxe non é pasado
pero onte tampouco o foi.
No medio dun mar sen ribeiras
nin límites
e co equilibrio agonizante das mentiras
sinto que a vida
nos pertence sen escusas
no presente.
No principio e sen asombro,
tecendo sen preguntas a nostalxia,
está a observarnos ameazante
o espectro do futuro.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO