ESCURA IMPACIENCIA
(Pequena triloxía da incerteza)
I
Esperas que cheguen
a través dun cansazo
incubado por miserias e parasitos.
Inútil agardar por algo
deseñado / destruído
por aqueles que adoitan ofrecer aos demais
as humidades que se encistan na inxustiza.
II
Non souben endexamais
por que algúns inquilinos da miña vida
chegaron a ocupar tantas estancias de meu.
Moitos deles xa non están (mais aínda quedan algúns)
e marcharon laiándose do frío pegado nas paredes.
Non podo crer
que os seus argumentos
se acheguen máis ao cinismo que á xenerosidade
con que foron recibidos.
Portón de vida,
brazos cansos de apertar corpos con rostros de pedra,
nacidos na lama máis escura dos camiños.
III
Curvas húmidas
Fotos: Susi F.D. |
que deterioraron milleiros de horas, días e noites,
dunha existencia
que foi perdendo pouco a pouco a súa caligrafía.
Os símbolos ficaron desfigurados
e non quedou outra
que remover os prantos silandeiros da nenez.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO