Páginas

domingo, 5 de abril de 2015

ESCAPARATE POÉTICO (XLVII) Ramón Neto







RAMÓN  NETO  (A Illa de Arousa, 1975)




ATENCIÓN AO PÚBLICO


Os vasos de tubo que se foron aliñando ao longo da barra
forman agora un casting de testemuñas para a coartada perfecta
dese mundo que teimades en perepetuar coméndovos as bocas.
Ramón Neto

Quero enchoupar a lingua de ti
até o piercing
                       (din os subtítulos do poema)

nese mundo case feliz pegañento de saliva
a base de aixadas de limón fedorentas
de martini con vodka  -batido, non mesturado-

aixadas que zugades longamente
ao rematar.
                    (mentres o lector comeza xa a pasar páxina)






NUNHA FLOR


Teñen que ser nós non corredizos.

(asente levemente)

Comeza pois por inmobilizar
pernas e mans.

(dubida e precisa refacelo
para aliñar ben as voltas)

De seguida contorna os peitos,
pásalla sobre as nádegas
e enrólalla aos cadrís.

(a trenla –tirante
nas parénteses e nos cortes
de cada verso)

Segue enrolando até levarlla pola boca.

Entón xa non haberá máis nada que dicir.
Ti improvisas
                       (o poema é teu)






HAI  VIDA ALÉN DO CINTO DE KUIPER


Belíscame,
belíscame sen medo,
para que non deixe
de volver aos meus
sentidos espertos.


Belíscame,
belíscame insistente,
mentres fago
tempo ás portas
do paraíso perdudo.


Belíscame,
belíscame até a ferida,
para así lembrarme
que tamén hai algo
de ti penetrándome.


Belíscame,
belíscame de mala hostia,
e fai saltar a fibela
para que a fricción dea forma
a un novo corpo celeste.
 





 
                                                                     (Do libro Dominio público. VIII Premio de poesía erótica “Illas Sisargas”. Caldeirón, 2014)