Marcos Calveiro |
Marcos
Calveiro é un deles. Marcos Calveiro é un escritor cun discurso narrativo
claro, comprometido. Un discurso de alguén que cre no que escribe (algo que se
agradece) e faino a través dunha linguaxe coidada e viva.
Así que agardaba expectante a nova novela
xuvenil do escritor de Vilagarcía. As palabras poden matar é o seu
título e está editada por Edicións Xerais de Galicia na súa
colección Fóra de Xogo. Non me
defraudou.
As palabras poden matar é unha
novela valente. Pon o dedo na chaga nesa parte da sociedade na que morren
moitas persoas cada ano vítimas da violencia. Homes, mulleres e nenos que
semellan mudos, cegos, xordos, porque viven entre a miseria, o medo e baixo un
estado de terror constante controlado por un cacique cruel e asasino que ten ao
seu mando uns sicarios obedientes ata o límite.
Pero, tras a lectura desta historia, creo
que é a colonia de Seavia, situada nun dos outeiros da cidade de Santa Clara, a
verdadeira protagonista da novela. Seavia, dominada por Chibo e os seus sicarios,
convértese nun espazo no que os seus habitantes forman parte dun todo que non
ten fisuras. Cada un dos personaxes do barrio está atado a el e séntese
mimetizado coa dura realidade sen marxe de manobra. Perderon hai tempo os soños
de fuxir de alí e malviven aceptando a dura realidade.
Ao longo do relato aparecen algúns
intentos de rebeldía mais fican
sufocados polo medo e o terror que sofren. Todos son conscientes de formar
parte dun tecido case uniforme debido a
ese control asasino que exercen sobre el.
A min doeume Seavia cando lin este libro.
Sentín os personaxes impotentes con case ningunha posibilidade de superar esa
situación angustiosa. Decateime de que Seavia contiña eses personaxes e que a
estes lles resultaba imposible rachar as cadeas que os afogaban. Sentín moita
tristeza, moita impotencia. A inxustiza, que está presente en todo o relato,
chegou a oprimirme. E dentro desta atmosfera móvense rapaces e rapazas como
Efrén, que garda algún soño e é algo rebelde, o seu irmán Marcelo, Alexandre, o
seu amigo, que cae nas gadoupas do Chibo, Abimael, o mestre que lles conta
historias aos que acoden ás aulas. E tamén Daiara, unha moza que traballa de
costureira; Maisa, unha loitadora, nai de Efrén e Marcelo, que ten o seu home
no cárcere, dona Rosa, á que o cacique eliminou os seus fillos.
Hai neste relato un personaxe curioso,
Silencio, un guedellán mudo, que fala con xestos, con expresións da súa
faciana. Un personaxe que semella doutro mundo en Seavia, cuxa presenza no barrio
servirá para remover espíritos e mudará, dalgún xeito, a dinámica dos
habitantes da colonia.
As palabras poden matar é a novela
do fracaso da política, do abandono dos seres humanos, dos nenos e nenas sen
esperanzas. A novela da humillación, da miseria física e moral incrustadas no
máis fondo das persoas. A novela que pon no mapa os “meninhos da rúa”, as
favelas, o sometemento. A que nos fala desa parte da sociedade escura,
invisible, que amola e sofre. Da violencia agochada e, a miúdo, presente en
múltiples lugares do mundo nos que prevalece a desigualdade permanente e sen
trazas de solución. Lugares que son noticias nos xornais, nas imaxes de
televisión ou motivo das películas de denuncia.
Meniños da rúa (Fonte: Uol) |
Marcos Calveiro relátanos todo isto – e máis – en case cento trinta páxinas e dezasete capítulos. Uns capítulos que seguen un desenvolvemento lineal e outros, moi ben intercalados, a xeito de monólogo. Neles o autor dá voz a certas persoas que conforman o tecido social de Seavia. O Chibo, Maisa, Efrén, Marcelo, Dona Rosa, Daiara, Alexandre e Abimael pensan en voz alta e cóntannos as súas preocupacións, os seus soños apagados e, mesmo, as súas xustificacións.Eles falan e son os elos precisos dunha cadea que empurra a historia. Unha maneira de afondar nas entrañas duns seres castigados pola vileza dos que ameazan ou, como no caso do Chibo – a quen ninguén coñece, pero todos temen e odian-, escoitar da súa boca as viles razóns para constituírse no “pastor do rabaño”. Un recurso ben elixido que permite coñecer as reflexións dos personaxes e que encaixa perfectamente co desenvolvemento da obra.
Certo desacougo produciume a lectura d´As
palabras poden matar.
Cando rematei, fiquei pensativo. Deilles
voltas aos feitos relatados. Unha dobre sensación apoderouse de min: a ledicia
por ler boa literatura e a tristeza de saber que o lido está a suceder na
actualidade sen que se lle poña remedio.
Ai, a palabra literaria!
Tamén poderá matar?
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO