Contra
finais do pasado ano recibín o último número da prestixiosa revista Peonza correspondente ao mes de outubro
de 2014.
Un monográfico interesantísimo sobre a
novela gráfica. O seu título: “La vuelta al mundo en 90 novelas gráficas”.
A ninguén se lle escapa o auxe da novela
gráfica resulta un fenómeno editorial que non ofrece a menor dúbida.
Hai quen non lle gusta esta denominación,
pero ninguén nega que a presenza deste xénero nas librarías, nos medios e cun
público emerxente que as le, é unha realidade.
Podemos dicir, sen ningunha dúbida, que a
calidade é algo patente nun bo número delas.
As novelas gráficas (nós imos chamalas
así) posúen unha evidente diversidade temática e estilística. Así o deixa claro
o editorial deste monográfico de Peonza e
estamos totalmente de acordo con esta afirmación.
Nestes
libros podemos atopar toda clase de temas: dende os problemas e conflitos
sociais ata os políticos e persoais do noso tempo e do pasado.
E o xeito de
presentalos ao lector pode ir da reportaxe periodística á investigación
histórica, das crónicas autobiográficas ás reconstrucións colectivas.
Explica o
editorial da revista moi ben estes aspectos,e fai fincapé “na pluralidade de estilos e propostas estéticas, non todas acertadas,
pero en moitos casos innovadoras”.
Neste número (o 110 de Peonza) coméntanse case un centenar de
obras creadas e ambientadas en países diferentes dos cinco continentes.
Están
representados autores/as de países tan diferentes como Cuba, Afganistán, Corea
do Sur, Paquistán, Grecia, Groenlandia, Italia, Palestina, Marrocos, Ruanda,
España, Tíbet, Vietnam, Turquía ou os Estados Unidos entre moitos outros. Así,
unha obra por país ata 90.
A selección
é ampla e variada. Dá unha visión moi rica das creacións gráficas que se están
a producir neste ancho mundo. Isto indica a grande expansión a nivel
internacional da novela gráfica e a gran difusión destas obras. Unha viaxe
suxestiva polo planeta da narración gráfica.
Nas páxinas
da revista encontramos artigos dunha calidade incontestable.
Yexus,
especialista e crítico de cómic, fálanos da evolución recente do cómic español
dende diversos puntos de vista: o do artista, o do lector, o das empresas
editoriais, o da consolidación cultural do medio, o das canles de venda, o dos
formatos ou a repercusión nos medios de comunicación.
Gerardo Vilches
escribe sobre a novela gráfica e o cómic de autor contemporáneo. Este especialista
e crítico aclara o sentido da denominación do xénero a partir dun punto de
vista expresivo e sitúaa no contexto da evolución da industria, dende unha
perspectiva histórica, ademais de presentarnos unha ampla nómina dos autores
máis salientables do fenómeno.
Juan Gutiérrez Martínez-Conde, do
Equipo Peonza, expón o contido do
número e xustifica a decisión do equipo de redacción de dedicar este espazo a
un fenómeno tan significativo coma o da novela gráfica no século XXI.
Tras unha presentación ben argumentada,
especialistas do xénero comentan esas noventa obras, engaden unha pequena
biografía do guionista do título e do debuxante, se non é o mesmo, e acompañan estas liñas con senllas reproducións
dalgunha páxina da obra.
Unha marabilla.
Un verdadeiro luxo.
Unha guía de valor incalculable.
Salientar, ademais, o artigo “Un silencio elocuente” do meu querido e
admirado José Luis Polanco, no que puntualiza, a partir dunhas lúcidas
palabras de Julio Ramón Ribeyro, que a tarefa dos creadores –xa sexan
escritores, artistas, pensadores, poetas- é escrutar o misterio do noso ser,
ordenar as pezas dispersas do complicado puzle, axudarnos a entender o mundo e
a nós mesmos.
Reflexións
estas que se producen por mor dunhas imaxes que Polanco estaba mirando en “La ciudad” (1925) de Frans Masereel,
un libro que é unha viaxe pola cidade; unha viaxe que vai mostrando ao lector as
diferentes facianas da urbe: dende a ostentación das zonas ricas ata a sórdida
negrura da miseria.
Un paseo por
rúas e prazas, por teatros, museos, centros comerciais… da man do autor que nos
empurra a pensar sobre a realidade da vida.
Atinado,
coma sempre, José Luis.
Interesante, xaora, a entrevista de Juan
Gutiérrez Martínez-Conde e Yexus, a un dos mellores debuxantes europeos, Rubén
Pellejero, autor de libros coma “Aprendiz de detective”, “Blues et autres
récits en couleur”, “Loup de Pluie” ou “Dieter Lumpen”, entre outros, e de quen
son os debuxos que forman a Galería
da revista. Beleza para os sentidos.
Un número, este de Peonza, imprescindible para todos aqueles (que son moitos)
seguidores deste xénero tan florecente e tan presente xa nas nosas vidas. Un
número, dende logo, para saber máis e para gardar.
Unha vez máis Peonza demostra a súa categoría como revista. Demostra os seus
obxectivos cunha claridade evidente. Toda unha referencia para os que amamos a
LIX.
Unha verdadeira xoia.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO