Páginas

domingo, 15 de febrero de 2015

"BUCINAS" UN TEXTO DE PACO MARTÍN QUE FLÚE COMA AUGA LIZGAIRA.

Paco Martín


   Unha nova entrega da súa Auga Lizgaira que fluía incansable polas páxinas do diario lucense El Progreso.
     
    Un novo texto para reflexionar, para evocar, para entender mellor a vida.

     Paco Martín fálanos das bucinas , da súa evolución no uso a través dos anos, da onomatopea po-pó, das situacións que se producen cando imos en coche, as reaccións e todo iso que forma parte do acontecer diario.
      
     Coa súa prosa aguda, retranqueira e entrañable, o escritor lugués volve deleitarnos.
      
     Nel, coma en poucos, o pracer da lectura faise evidente.
      
     De novo, en Versos e aloumiños.
      
     De novo, o pracer da súa escrita.
      
     Congratulémonos de que a súa palabra non deixe de correr polas augas deste blog-revista, cuxos compoñentes tanto o admiran.




                        
                                                   BUCINAS


                                                                                                                                                                 PACO MARTÍN


     Segue vivo entre as nenas e mais os nenos neofalantes, se cadra inducido en bastante medida por avoas e avós, de se referir  ó automóbil dicíndolle popó, supoño que como cómodo atallo no complexo camiño do correcto falar, algo que para o que sempre se precisa tempo, esforzo –aínda que , polo que nos é dado escoitar un día si e outro tamén, poida parecer que quedando instalado para sempre no atallo sexa posible chegar até as máis altas instancias políticas e sociais- e bastante práctica.
      
     Non creo que sexa demasiado arriscado aventurar a orixe onomatopeica da expresión, baseada no son producido pola bucina coa que veñen pertrechados os coches para poder con ela advertir de presenza e proximidade e en evitación de posibles perigos para outros usuarios de rúas e estradas.
      
     Houbo un tempo no que o seu uso era moitas veces necesario e mesmo, en ocasións, obrigado: había que facer soar a bucina con toques curtos e seguidos cando se marchaba cara atrás, era preciso avisar con ela da chegada próxima a unha curva de escasa visibilidade ou a unha intersección de rúas ou camiños e, por suposto, utilizala sempre para poñer en garda a peóns, ciclistas, carreteiros, pastores e calquera outro ser vivo co que puidese un bater. E o son emitido correspondía, case sempre, ó popó que dera lugar a forma infantil de nomear á máquina que o producía. 


     Despois –debeu ser cando xa se lle comezou a chamar claxon –apareceron novos modelos de bucina, algúns deles en exceso requintados e chocalleiros, que pretendían diferenciar no posible a uns condutores de outros e que, case sempre, o único que conseguían era outro tipo de uniformidade, este moito máis estridente. Os cativiños seguiron usando a fórmulas súa.
      
     Co paso do tempo e coa mudanza que se foi producindo nas vías de comunicación a utilización da bucina nos automóbiles foi quedando limitada a casos moi determinados: para apresurar ó coche que está por diante cando muda a cor no semáforo, para dirixir un saúdo  á amiga que camiña pola beirarrúa, para participar no festexo nocturno e colectivo co que se celebra a consecución do título de Liga polo equipo de fútbol do que se é seareiro, para mandar unha airada chamada de atención ó chofer novato que, na nosa opinión, marcha polo carril que non é o del  e, sobre todo, para entrar a formar parte do coro que protesta impaciente en embotellamentos e outros incómodos incidentes diso que chaman circulación rodada, como o que estoutro día tiven ocasión de ver –e, sobre todo, escoitar- nunha céntrica rúa de Lugo e que me permitiu oír como a nena loura que ía no colo de seu pai dicía o de popó sinalando divertida ó BMW azul do que proviñan as máis estridentes e continuas trompetadas e de cuxa ventaíña emerxeu case medio corpo dun home groso e bastante calvo para preguntarnos: Por que estamos parados?

Xa ves, para ter unha desculpa para poder tocar o pito, contestou o pai da pequena. E eu daquela entendín moito mellor o da onomatopea.