ÍCARO
Federico Delicado.
Editorial Kalandraka. 2014.
Non me estraña en absoluto que “Ícaro”
de Federico Delicado gañase o “VII
Premio Internacional Compostela de
Álbums Ilustrados”. Un certame dun prestixio enorme ao que se presentaron 255
obras de 21 países cun “altísimo nivel”, segundo a opinión do xurado.
Estamos diante
dunha obra abraiante que sacode a conciencia do lector a través dunhas
ilustracións profundas e dun texto contido, claro na linguaxe e algo kafkiano no
fondo que, sen dúbida, o fará pensar, reflexionar sobre os camiños que se poden
tomar.
Direi que houbo
momentos nos que me sentín desacougado, transitando entre os dous planos da
narración (moi intelixente, por certo),pero rematei cunha nidia sensación de
esperanza, de ser capaz de rachar cadeas, de fuxir, de voar en liberdade.
“Ícaro” é unha
historia de atmosfera intensa. Unha atmosfera densa que che fai dubidar onde
está a realidade e onde, a fantasía. Golpea dun xeito insistente e ten moitas
lecturas. Chamoume a atención a estrutura, a actitude serena do rapaz
protagonista fronte á rixidez das institucións, a súa esperanza no papel que
desenvolven os pais e o equilibrio evidente entre texto e ilustracións. Non se
pode dicir que a parte plástica teña máis importancia, malia ser un álbum
ilustrado. O texto ten unha forza ben clara e o conxunto resulta
verdadeiramente exemplar.
Como as grandes
obras deste estilo, ten varios niveis de lectura, non deixa indiferente a
ninguén e provocará, estou seguro, nos lectores e lectoras sensacións moi
positivas.
“Ícaro” é un
símbolo da superación, da loita por acadar espazos libres, dos anhelos de
descubrir aquilo que se nos agocha, da inquedanza do ser humano por atoparse e
coñecer as posibilidades que a sociedade lle ofrecen.
Pero, non debemos
esquecelo, “Ícaro” é, ante todo, unha obra de literatura e arte plástica. Un
deses libros que se deben ler máis dunha vez, con persoas de todas as idades,
para compartir eses momentos entrañables que os bos libros agasallan a quen os
sabe valorar.
Unha vez máis,
este ilustrador, nacido en Badaxoz (1956) ofrécenos unha obra dun altísimo
nivel.
Federico
Delicado, que tamén escribe a historia, leva ben anos ilustrando obras dos
grandes autores (Gianni Rodari, A.R. Almodóvar, Alice Vieira, Ana Mª Machado ou
Juan Farias, entre outros). Leva participado en exposicións de pintura e de
escultura e xa se converteu nun dos ilustradores españois máis prestixiosos.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO