Non me canso de loar aquelas editoriais que se
lembran de publicar teatro nas súas coleccións importantes. Galaxia é unha
delas.
Non me
canso de animar os mestres e mestras a que prescriban libros de teatro ao seu
alumnado. Que se acostumen a ler obras teatrais é ben beneficioso para a súa
formación literaria e , de paso, para unha mellor expresión oral no día a día.Diálogos
vivos que lles van permitir fixarse nas construcións lingüísticas que, pouco a
pouco, irán utilizando na súa linguaxe común. Ademais de divertir, de facer
pensar, de amosar as diversas caras da sociedade, o teatro forma en outros moitos
aspectos da vida.
Pero, por
riba de todo, está o pracer de ler historias ben construídas e cuns personaxes
que falan tan directamente, que os lectores/as axiña os van percibir e sentir ben preto. Van acceder nun intre aos
seus sentimentos, ás súas dúbidas, á súa maneira de estar e andar polo mundo.
E isto
ocorre coa engaiolante lectura d´O achado do castro, do escritor
lucense Manuel Núñez Singala.
Editada
orixinalmente en 1991 (gañou en 1987 o Premio
Xiria de Creación Teatral), leva un percorrido longo, no cal os lectores e o
público máis variado non cesan de aplaudila.
Como ben
explica o autor nunha nota a esta
edición da Editorial Galaxia na
colección Costa Oeste, “tantos
anos obrigan a uns retoques, aínda que mínimos: o texto é o mesmo de sempre, a
estas alturas pareceríame unha especie de traizón cambialo, pero si quixen
aproveitar a ocasión para actualizalo de acordo cos estándares normativos
actuais”.
E, malia
os anos transcorridos, a obra posúe unha frescura evidente e un humor moi
actual; ese humor universal, que permite a quen le ou ve a representación sorrir pola intelixencia dos diálogos, a
tipoloxía dos personaxes e o alto grao de complicidade que o texto amosa.
Sucede na
Roma antiga, xógase coa lingua (o uso dun latín
macarrónico resulta todo un acerto), captas as chiscadelas irónicas que o
autor propón, entras na historia de amor (moi ao Romeo e Xulieta), gozas coas cómicas aparicións dos dous ladróns
antitéticos (o listo e o parvo) comoCatulo e Caleno, aprecias o escravo, un
personaxe negro, esperto e irónico e,case sen decatarte, xa formas parte dunha
atmosfera entrañable, caótica, pero decote acolledora.
O achado do castro é unha obra con dous
actos, dúas escenas no primeiro deles e unha única escena no segundo. Moitas
veces representada por grupos xuvenís e nos institutos cun grande éxito.
O humor,
as situacións intelixentemente asombrosas, os personaxes tan ben perfilados fan
d ´O achado do castro unha lectura
que enfeitiza e que non debemos deixar de ler.
Parabéns,
unha vez máis, a Galaxia porque, de novo en pouco tempo, nos permite ler
e comentar unha obra de teatro, algo que se agradece moito.
Que non
se perdan estes bos costumes.
ANTONIO
GARCÍA TEIJEIRO