Páginas

viernes, 19 de septiembre de 2014

PROXECTO PEDAGÓXICO A DISTANCIA DE PACO MARTÍN.




      
Paco Martín
Con este artigo punxente e  con esa retranca tan propia do autor, remata aquí a segunda quenda de colaboracións do noso querido e admirado
Paco Martín.

       A súa auga lizgaira flúe sarcástica polas páxinas deste Versos e aloumiños que medra coa palabra do escritor lugués.

       Sempre en presente, non esqueceremos os textos de Paco Martín, tan ricos, tan irónicos e tan atinados, capaces de espertar nos lectores ese sentido crítico, ás veces demasiado adormecido.
       Un luxo e un pracer.
       A nosa admiración e mais o noso cariño por Paco Martín aumentan día a día.
       Grazas, prezado amigo, pola túa xenerosidade con este blog-revista. Conseguiches facernos máis ricos, máis abertos e, xaora, máis auténticos.







Didáctica da escaleira
                                                                                                
                                                                                                              Paco Martín

  Habería que procurar a maneira de implicar no proxecto que hoxe pretendo propoñer aquí aos diversos colectivos que se moven no mundo da pedagoxía: as Facultades de Ciencias da Educación, as Escolas de Formación do Profesorado –co Ministerio e mais a Consellería de Educación non sei eu se se podería contar visto o pouco atinado dalgunhas das súas actuacións- e mais a todos cantos profesionais do ensino e outras artes e disciplinas estean en disposición de colaborar na súa posta en marcha e posterior funcionamento. Trataríase de instituír, en Lugo por exemplo, unha Alta Escola Técnica de Correcta Interpretación Direccional nos Relanzos das Escaleiras dirixida a eses profesionais da política, da información e da tertulia que, contumaces no tópico do galego e a escaleira, non dan saído desa pobre mediocridade na que se veñen movendo con sospeitosa naturalidade.



O ensino que nela se impartise sería dese que chaman a distancia, debido ao espallamento xeográfico dos posibles alumnos e mais á súa proverbial aversión a estar presentes en lugares nos que se traballe e non haxa fotógrafos que dean fe publicitaria do evento. A matrícula sería gratuíta e mesmo poderían concederse algunhas Matrículas de Honra en casos moi significados e e, co fin de estimular ao alumnado e ante a imposibilidade de ofrecer futuras reconversións e outros incentivos, faríase todo o posible por desenvolver o programa a través das distintas emisoras de televisión, medio este que, como é ben sabido, posúe un irresistible atractivo para estas persoas. 
Epi e Blas
O ideal sería poder contar con aqueles entrañables Epi e Blas para que o primeiro, convenientemente vestido de gaiteiro con mestura de pailán con zocas, faría de galego mentres que o outro, paciente como corresponde ao bo mestre que está a traballar cun discípulo non moi agudo e situados todos nun punto estratéxico dunha escaleira, iría explicándolle ao político, ou política, alumno, ou alumna, os movementos que o galego realizaba. “Agora Epi baixa! Dise que baixa cando se despraza pola escaleira indo en dirección ao portal...!” “Agora Epi sobe! Dise que sobe cando se despraza pola escaleira en dirección ao sobrado!”

Tamén aproveitaría para aclararlle outros conceptos que esta xente parece non soen ter moi definidos: arriba e abaixo, diante e atrás, antes e despois, tarde e cedo e, sobre todo, dereita e esquerda...


Isto, claro, non é máis ca un sinxelo bosquexo do que a A.E.T.C.I.D.R.E. podería ser, pero por algo se empeza...