Páginas

lunes, 22 de septiembre de 2014

DARDO POÉTICO (XVII) O LIBRO INFINITO DE WISLAWA SZYMBORSKA





     Hai veces, non sempre, que o Premio Nobel de Literatura resulta non só un acerto ou un recoñecemento aos méritos literarios dun autor ou autora, senón que consegue descubrir alguén que, doutro xeito, sería moi difícil coñecer. Se esta descuberta nos achega a unha obra excepcional, temos que sentirnos moi felices.
    
    
Wislawa Szymborska
Non sempre, xa digo, o galardón cobre as expectativas que se lle supoñen. Pero cando en 1996 se lle outorga á poeta polaca Wislawa Szymborska, os que cremos na poesía coma un alimento indispensable nas nosas vidas, sentimos que o ceo (físico, claro) está máis preto.
    
     Si, porque esta muller excepcional que fuxía da vida pública, nacida  no ano 1923 en Bnin, nas inmediacións de Poznan (Polonia), conseguiu que a poesía gañase adeptos e que os lectores habituais deste xénero (non estamos tolos, nin somos cursis, nin vivimos na lúa) nos emocionásemos coa grandeza da súa obra.
    
      Wislawa Szymborska converteuse axiña en poeta de cabeceira para os amantes da poesía, entre os que me atopo, pola súa proximidade, pola súa mirada aguda, chea de ironía, sobre os comportamentos humanos; polas sombras do cotián, a través dunha escritura intimista, sinxela en apariencia que vai da sutileza ata a clarividencia sen facer excesivo ruído.
    

      Unha poesía, a de Szymborska, infinita á vez que próxima, foxe do superfluo. Poesía exacta, precisa, cunha sinxeleza lingüística que, segundo os tradutores Abel Murcia e Gerardo Beltrán, “tivo que provocarlle un grande esforzo ao escribila, algo que se traslada ao tradutor cando se enfronta á súa obra”.
     E explican que “se engadimos os xogos de palabras, os xiros fraseolóxicos e o seu desdobramento posterior, as rimas, as aliteracións e outros moitos recursos formais que teñen que pasar inadvertidos, a complicación é evidente”.
    

      
      Como moi ben se advirte na súa obra, o ton adversativo que contén dálle á poesía de Szymborska un inconformismo conformista.
     Abel Murcia afirma que “a súa obra é conformista no sentido de que as cousas son como son, pero iso non significa que son como se di que son, senón como esencial, azarosa, casualmente son”.
     Certo, porque o contraste vén sendo unha das constantes na poesía da polaca. Hai quen di dela (da obra) que posúe unha reiteración temática e un mesmo ton ao longo dos seus poemarios. E coméntase, ademais, como unha crítica.
    

     Non me atrevo a apoiar esta opinión, coido, algo lixeira. Penso que Wislawa Szymborska creou unha  obra non moi extensa, os seus poemarios son un único libro nos que expresa os seus sentimentos que a preocupan con relación ao ser humano.  Unha obra ben pensada e  homoxénea. Ela foi sempre moi autoesixente co que creaba, moi coidadosa, e non todo o que escribía pasaba pola peneira que ela mesma puña diante. Os seus libros non son longos. A súa poesía é moi contida. E, como di Javier Rodríguez Marcos: “Non hai progreso nin retroceso en cada poemario seu, senón unha nova volta na espiral dunha  presada de temas”.
    
      

      Acaba de caer nas miñas mans o libro Hasta aquí (Bartleby Editores, 2014) que contén 13 poemas completos, presentados cronoloxicamente e que foi publicado tras a súa morte en 2012. Podemos dicir que é o derradeiro poemario de Szymborska. Volvín emocionarme e gocei, por enésima vez, desta autora incrible.
       


     Despois de ler, alá polo 1997 a antoloxía Paisaje con grano de arena (Lumen), El gran número, Fin de principio y otros poemas (Hiperión, 1997), Poesía no completa (Fondo de Cultura Económica, 2002), Instante (Ígitur, 2004), Dos puntos (Ígitur, 2007) e Aquí (Bartleby Editores, 2009), perderme polos versos de  Hasta aquí (cunha formidable entrevista aos tradutores) resultoume unha auténtica delicia. Un material, o que  o libro contén, que nos permite coñecer de primeira man (os tradutores eran amigos seus) as súas preocupacións e obsesións sobre a vida e sobre o tempo no que viviu e escribiu.
      
Recollendo o Premio Nobel de Literatura. 1996.

     Falar de Wislawa Szymborska en Versos e aloumiños era unha débeda dende había xa ben tempo. A lectura deste poemario póstumo foi a excusa. Un non poderá esquecer endexamais esas olladas poéticas á memoria, ao paso do tempo, á beleza, ao amor e ao desamor, á dor , á esencia do ser humano, en definitiva. E non o esquecerá porque a súa obra está aí para ser lida, relida e asimilada unha e outra vez.
     Ese é a excelencia das obras de arte.
     Son infinitas e perviven.


HAY QUIENES

Hay quienes llevan a cabo la vida más hábilmente.
Tienen orden en su interior y a su alrededor.
Para todo la manera y la respuesta adecuada.
Adivinan inmediatamente quién a quién, quién con quién,
con qué objetivo, por dónde.
Ponen el sello en las verdades absolutas,
arrojan a la trituradora los hechos innecesarios,
y a las personas desconocidas
a las carpetas destinadas  a ellas de antemano.

Piensan justo lo debido
ni un segundo más,
porque tras ese segundo acecha la duda.

Y cuando los dan de baja de la existencia,
dejan su puesto
por la puerta señalada.

A veces los envidio;
afortunadamente se me pasa.


 

A MI PROPIO POEMA

En el mejor de los casos
serás, mi querido poema, atentamente leído,
comentado y recordado.

En el peor de los casos
sólo leído.

Hay una tercera posibilidad:
aunque escrito,
un instante después arrojado a la papelera.

Puedes optar aún por utilizar una cuarta salida:
desaparecer no escrito
ronroneando satisfecho algo para tus adentros.

                                 
                                                                              (Do poemario Hasta aquí. Bartleby Editores. Tradución de Abel Murcia e Gerardo Beltrán).

   
                                                                                                                                     ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO