Páginas

domingo, 17 de agosto de 2014

NO COMEZO FORON LAURINDO E BUD : A PREHISTORIA DA FUSIÓN DA BOSSA NOVA E O JAZZ

Cando pensamos na fusión cos ritmos procedentes do Brasil que rexuveneceu e enriqueceu o jazz na segunda metade do século pasado, outorgámoslle o copyright da idea a Stan Getz, João Gilberto, Antonio Carlos Jobim e compañía, especialmente en virtude dos varios e magníficos discos deste tipo que Getz gravou nos anos sesenta. Pero xa en 1953, unha serie de sesións en formación de cuarteto lideradas por Bud Shank co seu saxo alto e Laurindo Almeida coa súa guitarra prefiguran xa o son que Getz patentaría uns sete ou oito anos despois. As devanditas sesións veñen de ser reeditadas polo selo británico Jasmine Records nun disco que leva por título Brazilliance vols. 1 & 2 e que resulta absolutamente imprescindible para comprender as raíces desa fusión que revolucionou o jazz e mesmo o pop a partir da década dos sesenta, pero que Shank e Almeida xa idearan había tempo, aínda que sen acadar o éxito de Getz e os seus camaradas. Este disco ofrécenos hoxe a oportunidade de repasar brevemente como ocorreu todo.


Bud Shank e Laurindo Almeida no club The Haig
Laurindo Almeida, guitarrista e compositor carioca de enorme talento, chegara a Os Ánxeles a finais dos anos corenta, e non lle levou moito tempo conseguir traballo coa orquestra de Stan Kenton, quen tiña sempre os oídos ben abertos a calquera son que lle parecese diferente e moderno, e que ademais estaba por aqueles anos a experimentar cos ritmos latinos. Almeida converteuse axiña nun dos alicerces da orquestra de Kenton, non só como instrumentista, senón tamén como compositor. Pouco despois, o guitarrista entrou en contacto con Bud Shank, un dos mellores saxofonistas da Costa Oeste, cuxo legado discográfico merece, na miña opinión, máis atención da que ten suscitado. Aí naceu a idea de mesturar os choros e outros ritmos tradicionais brasileiros co jazz, cousa que non sempre resultaba doada debido a que algunhas das melodías aportadas por Almeida non se prestaban con facilidade á improvisación. Entre 1953 e 1954, Almeida e Shank, acompañados por Harry Babasin ao contrabaixo e Roy Harte á batería, rexistraron unha manchea de temas que fundían o jazz e a música brasileira. O repertorio incluía revisións de standards coma "Speak Low" ou "Stairway to the Stars" dende o novo achegamento melódico, algunha canción latinoamericana coma "Acércate Más" e, sobre todo, orixinais de Almeida e outros compositores brasileiros, coma "Atabaque", "Inquietação" e "Blue Baião". O resultado deste encontro entre Almeida e Shank foi publicado polo selo World Pacific baixo o título de Brazilliance, e o grupo tocou brevemente no club The Haig, e semellaba que a cousa non pasaría de aí.


Laurindo Almeida nunha fotografía de William Gottlieb
Pero poucos anos máis tarde, en 1958 e 1959, os dous reuníronse de novo, desta volta xunto a Gary Peacock ao contrabaixo e Chuck Flores á percusión para gravar unha segunda entrega, que sería editada unha vez máis por World Pacific cos títulos aleatorios de Holiday in Brazil e Brazilliance vol. 2. O certo é que estas sesións non difiren moito das primeiras: volvemos atopar versións de standards ("Little Girl Blue", "I Didn't Know What Time It Was"), pero os solos de Shank ao saxo alto e á frauta son agora máis longos e máis jazzísticos, e a énfase recae sobre as composicións propias de Laurindo en Bud, pequenas marabillas coma "Nocturno", "Mood Antigua" e "Lonely". O propio Shank non considera que ningunha destas gravacións sexan bossa nova no senso máis estricto do termo, pero non hai dúbida de que a fusión do jazz e a música brasileira que tan prominente chegaría a ser poucos anos despois xa está aquí presente, aínda que sexa nun estado embrionario. O CD editado por Jasmine Records—que contén os mesmos temas ca unha edición anterior da discográfica Poll Winners—fai posible que gocemos cunha música evocadora e ás veces mesmo melancólica, marcada por un son anovador e experimental absolutamente atraente e irresistible. Laurindo Almeida faleceu en 1995 en California, pero a mediados dos anos setenta tivo aínda tempo para poñer unha coda a esta historia, ao xuntarse de novo con Bud Shank para formar o grupo The L.A. Four, un conxunto que produciría para o selo Concord oito novos álbums en oito anos utilizando como base a linguaxe musical que ambos os dous crearan nestas históricas sesións vinte anos antes.




                                            ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ