Elvira Riveiro Tobío |
As casualidades da vida fixeron que
coincidísemos na Universidade de Vigo, durante unhas xornadas dedicadas á
literatura infanto-xuvenil. Encantoume coñecela. Pero o mundo, como se di en
tantas ocasións, é un pano e, un tempo máis adiante, substituíume no centro
onde eu daba clase (e sigo a dala), durante unha baixa que se prolongou máis
tempo do que eu agardaba.
Coincidimos por última vez nunha mesa
redonda en Compostela, a finais de 2013, falando de poesía e ensino (e moitas
outras cousas) na compaña de Carlos
Negro e Fran Alonso.
Interésame o que escribe Elvira. Hai en
todo o que expresa unha reflexión profunda do papel que xoga, como ser humano,
nunha existencia que, ás veces, a supera. Elvira non escribe poesía amable,
pero vive a súa vida dunha maneira moi profunda. Todo exerce sobre ela unha
presión intensa, moi intensa. Para Elvira Riveiro, penso eu, a escrita
convértese nunha necesidade para rachar muros, para acadar a luz que precisa
para sentirse mellor. Elvira, sigo pensando eu, sabe que coa poesía non pode
cambiar o esencial, pero si sabe que lle aporta as forzas necesarias para vivir
cos ollos postos nun horizonte necesario, aínda que este se atope máis lonxe do
desexable.
En Compostela (2013) con Antonio G. Teijeiro, Carlos Negro e Fran Alonso. |
Con Carnia Haikai, gañou a sexta edición
do Premio de poesía erótica “Illas
Sisargas”. Un poemario valente no que leva o amor e o erotismo polas canles
máis profundas: Je suis la voyeuse: / quero ver como comes, /
como nos comes. / Non deixes nada, /
dicíanche de nena… / Como aprendiches! / Je suis la voyeuse: / quero vervos
comer / a sobremesa.
Ou este poema dun erotismo sublime e explicitamente
fondo:
Mordo os teus labios,
cada un dos teus
labios:
doce abanqueiro.
Intensamente
téñote a lume lento…
e insanamente.
Métoche os dedos
en cada boca, alí,
onde tes fame.
Xa dixen que me interesa o que escribe
Elvira Riveiro Tobío. Paixón, amor, desencanto, loita por sobrevivir.
Había tempo que lle pedira un texto para
Versos
e aloumiños.
E cumpriu.
Estivemos hai uns días en La Cuchufleta, unha cafetaría que está
preto das nosas respectivas casas (outra casualidade: vive na mesma rúa onde eu
nacín), e conversamos. Hora e media que pasou a fume de carozo. Falamos de poesía,
do que nos rodea…Intercambiamos libros. Un pracer, a verdade.
E esta muller inqueda, con incursións
na videopoesía, que crea espectáculos poético-musicais, performances; que
recita en moi diversos lugares, tróuxome os seus últimos libros. O poético e entrañable, As redes de Inés,
publicado na colección “Merliño” de Edicións Xerais e a obra gañadora do Premio Avelina Valladares de poesía, na súa XVII edición,
Corpos transitivos,editada por
Edicións Fervenza. Estes dous poemarios aparecerán proximamente nas nosas
seccións “Catavento de poemas infantís” e “Escaparate poético”.
Para Versos e aloumiños,
Elvira Riveiro enviounos un impresionante poema, que recita habitualmente e que non pasa desapercibido. Non é un máis.
Quen o escoita pregunta onde o pode atopar. En ningures. É inédito.
Por iso é unha honra que vexa a luz no
noso blog-revista. faloume del. Recibino. Fiquei emocionado. Pedinlle que nos
falase algo arredor del.
E Elvira fíxoo. Expresa a complicación
que para ela supón volver sobre o poema de amor. Pero ela regresa unha e outra
vez porque (é certo) acredita no amor.
Compostela. 2013. |
Volver ao poema de amor significa,
sobre todo, “non intentar caer na cursilería, achegarse ao tema de xeito non
convencional, que non soe a repetido, tentar transmitir autenticidade e un
pouco da emoción que o sentimento provoca”, segundo as súas propias
palabras. E engade: “Pareceume que o tratamento máis clásico do
tema incide no amor eterno, no amor para sempre, na celebración do amor que
durou moito tempo… Entón, un pouco para poñer o contraste fronte a boa parte da
tradición literaria occidental, quixen facer un canto celebrativo dun amor que
leva 3 anos (unha data aparentemente insignificante e, por insignificante, co
engado das cousas pequenas)”.
Discurso clarificador e emotivo, que
cativa. E continúa a poeta dicindo: “A partir de aí o poema requiriu un pouco de
investigación arredor de toda caste de sucesos históricos, míticos,etc. que
tivesen que ver co 3. Afortunadamente, a listaxe que saíu da miña pesquisa foi
tremendamente evocadora, fermosa, variada… e deu lugar a un discurso que aúna o
sorprendente e/ou ocorrente co propiamente emotivo”.
Que marabillosa maneira de expór que
certos espazos dos sentimentos non teñen límites!
Que magnífico discurso poético para
amosar as sendas tan variadas que existen para relacionar emocións dende
diversos puntos de vista!
E remata Elvira Riveiro Tobío con estas
palabras: “Por outra parte, non quería caer de ningunha maneira no concepto de
amor eterno (para min o amor é eterno exactamente mentres dura), por iso ese
final, un final un tanto sorpresivo no que procuro xusto iso: referirme á
caducidade do sentimento amoroso, caducidade que pode ser de 3 anos, de 30 ou
de 3 días”.
Sobran as palabras. Unha delicia ler esta
exposición.
Así que, unicamente, nos queda ler o
poema e gozar dunha poesía de enorme nivel.
Non sabes, Elvira, o moito que che
agradecemos estas palabras e estes versos sublimes.
amor
métrico decimal
febreiro
ten trampas delicadas
que
poden deixarte de improviso
poñerte
no couzón e vas e entras
e
ficas 3 anos suxeita no amocelo desa boca
mais
ben mirado 3 anos non é tanto
á
fin e ao cabo que pode pasar en 3 anos
á
parte duns labios polos que ser atravesada?
se
aínda un supoñer fosen 30
30
anos dan (é sabido) para unha guerra en Europa
con
todo o que iso implica e non é grato facer patente baixo este título
30
para unha paz en Grecia
(digo
da antiga Grecia)
comparado
co trienio 30 anos xa son algo
algo
aínda pequeno
limitado
pero
3 centos é outra cousa
3
centos anos xa dan para unha lúa de mel
para
pouco máis en realidade
entón
que son 3 anos?
apenas
a centésima parte dunha lúa de mel
unha
lilaina (eine Nichtigkeit mein Schatz para que entendas)
en
3 mil anos dálle tempo a un imperio
(exipcio
por exemplo) a estender o seu poder
presenciar
o seu ocaso en todo caso
durante
un imperio hai ocasión para entreterse un chisco
se
tal construír unhas pirámides
descubrir
as bondades da escritura
facer
dun río o centro do universo
por
iso (en anos) 3 son un tris
algo
ínfimo se pensamos en Prometeo e os 30 mil de condena coa aguia devorándolle as
entrañas
Prometeo
si que tivo tempo de ficar aborrecido da rocha da cadea e por extensión de toda
a caste dos minerais metamórficos e aínda dos falcónidos
30
mil anos coitado Prometeo
30
mil a Idade da Pedra
todo
pedra nin un único metal
fronte
a 3
3
ínfimos anos coa pel estremecida
de
pedra de metal de barro ardente
que
pouca cousa 3 anos!
que
pouca confrontados cos 3 centos mil para que xurda e se extinga toda a estirpe
dos mamuts
toda
a dos neandertais
deixando
só rastros nos glaciares
fronte
a 3 anos do teu tan luminoso
e
quizais non saibas que son 3 millóns
3
millóns de anos
milenio
arriba milenio abaixo
o
que abarca a extinción masiva do Devónico
bota
contas
3
anos son un sopro
3
anos non son nada
se
30 millóns de anos é o que dura unha breve idade de xeo
dime
daquela que veñen sendo 3 anos
cos
seus 3 centos e pico días cada un?
se
en 3 centos millóns de anos é normal que retrocedan os océanos xurdan
continentes se ergan os Apalaches e o macizo da Guayana comece a vida animal e
vexetal aparezan peixes e estes incluso sexan quen de mudar as súas aletas por
patas e convertérense en anfibios e logo réptiles
se
3 centos millóns de anos dan para que as plantas poboen a terra para os
artrópodos para os insectos para a orde dos quelonios que sorte de ridícula
medida son 3 anos?
se
3 mil millóns ten a vida na terra dirías que 3 anos é un exceso?
3
anos debruzada na pradería solleira dos teus bordos
3
anos pondo nomes á brancura da tona acesa que te cingue
aínda
non me doen as trampas de febreiro
e
dáme o corpo que sería quen de estar
quizais
non 3 mil millóns pero
polo
menos
3
anos máis
gozando
do orbe intenso que se incendia neses labios
(ou
3 días)