Páginas

lunes, 10 de marzo de 2014

A LUZ DAS PALABRAS (39) Agustín Agra



      
Agustín Agra
A Agustín Agra coñecino persoalmente en maio do ano pasado en Santiago. Causoume unha magnífica impresión. Eu penso que por sensacións así, por coñecer a persoas que pagan a pena, entre outros motivos, xa compensa escribir.
       Coincidimos, como relatores, nunhas Xornadas literarias dirixidas a mestres e a estudantes de Maxisterio.
Estiven coma espectador na súa mesa redonda e encantoume a claridade das súas afirmacións encol da LIX.
        Saudámonos persoalmente ao rematar a súa sesión. Foi un pracer. Mágoa que tivese que marchar á présa e non poder compartir con el máis tempo tras o xantar dese día.
 Claro, eu aproveitei para pedirlle un texto para Versos e aloumiños. Prometeumo.                 E cumpriu.
       A Agustín descubrírao literariamente cando gañara o Premio Merlín no año 2006. O tesouro da lagoa de Reid´s gustárame moito. É un libro de aventuras, protagonizado por Aldara e Paula, que pasan as vacacións na Casa de Outeiro en Viladomar de Cabomundo. O avó aproveita a
estadía dos seus netos onda eles para contarlles a súa aventura na busca dun tesouro afundido na lagoa da Praia de Mardefora.

       Despois,  fíxenme con dous libros xuvenís, publicados tamén por Edicións Xerais , desta volta na colección Fóra de Xogo. Refírome a Cazaría salvaxe (2008) e Trampa de luz (2012). Libros estes de terror, medo, fantasía e, mesmo, bruxería. Unhas narracións potentes, moi ben escritas e cunha tensión literaria magnífica. Que ben escribe este home!
Neste momento, o seu libro de relatos, O recendo das mimosas, está entre aquelas obras que agardan para ler na miña mesiña de noite.
       Agustín Agra (Noia, 1966), licenciado en Bioloxía, profesor de instituto, é un home cheo de inquedanzas culturais. Colaborador da Asociación Cultural Barbantia, gañador do primeiro premio do concurso de relato curto Modesto Figueiredo do Pedrón de Ouro, ten escrito en diversas revistas literarias.
       
Agustín fala da escritura “como a recreación do universo onde non existen fronteiras para a creatividade e que nos transporta a un espazo e tempo onde todo é posible”.
        Como o fenomenal escritor que é, a lectura forma parte intimamente da súa vida. E cando se refire á ela en relación cos cativos e cativas afirma “que a lectura na infancia é unha das maiores aventuras, xa que proporciona a oportunidade de viaxar coa imaxinación como parte fundamental na formación e tránsito cara á vida adulta”.
       Agustín enviáranos un fermoso poema. Un fermoso aloumiño acuático. Uns versos con olor a salitre, a vento mareiro, a argazo, a buguina…

E nós quixemos algo máis. Seremos egoístas…!? E Agustín enviounos tres poemas, que el chama enredos, entrañables que escribiu para “entreter” o seu fillo Antón. Pois, que sorte ten Antón con eses “entretementos” cos que seu pai o agasalla!
       Son tres poemas magníficos, datados en 2012, que Versos e aloumiños ten a fortuna de publicar para que todos os lectores e lectoras gocen con eles.
      Agustín, que a túa voz sincera e intelixente, estea no noso espazo é unha verdadeira satisfacción para todos.
          Grazas, amigo.

 


Augamar (aloumiño acuático)

Marea. Mar. Beiramar.
Mar de ardentía na flor da marea.
No vento o fungar da buguina.
"Vento mareiro".12 Estampas. Castelao
Vento mareiro. Augamar.
Ondas a subir e baixar.

Auga. Area. Areal.
Augamansas arriban á praia.
Augavidas de abanar silandeiro.
Fluxo e refluxo. Augamar.
Enchente do mar.

Marea. Mar. Beiramar.
Arrecendo de argazo prendido no aire.
Resaibo a salitre no vento mareiro.
Vento mareiro. Augamar.
A ondada a petar e marchar.

Auga. Area. areal.
Auganeiras na tona do mar.
Augavidas, medusas, sereas.
Fluxo e refluxo. Augamar. 
Devalo do mar.





  
TRES ENREDOS PARA ANTÓN





Croa a ra na fonte
Croa, croa, croa
Croa a ra moi forte
Croa a ra na poza

Salta a ra na auga
Salta, salta, salta
Salta na pucharca
Salta a ra ben alta

Brinca na fontenla
Brinca, brinca, brinca
Brinca na charqueira
Brinca a ra e canta

Canta a ra na charca
Canta, canta, canta
Brinca, croa e salta
Canta na pucharca.










Sardiñas, xardas e xuras

Nadan os peixes na ría

Muxes, xurelos e xulias
Nadan atrás das anguías.

Marucas, melgas, melgachos
Navegan cos espadartes
linguados, sargos, escachos
Navegan con moita arte.

Sollas, lampreas e lorchos
Viaxan cos peixes espada
Fanecas, tranchos e congros
Viaxan a par das pescadas

Nadan os peixes na ría
Viaxan por riba do mar
Navegan pola baía
Vai mariñeiro, vainos pescar!








Peta o peto no bosque
Peta e peta na fraga
Peta a ave no monte
Peta e peta, non cala!

Dálle o peto ao peteiro
Peta e fura o seu niño
Dálle e fura o piñeiro
Peta e fura o tobiño.

Martela o meu carpinteiro
Peta e fura con brío
Martela un teito con xeito
Para cubrir o berciño

Peta o pito verdello
Peta e peta sen pausa
Peta o peto piquelo
Peta e peta, non para!






En Santiago, o día que nos coñecemos persoalmente.