Páginas

miércoles, 15 de enero de 2014

TRANSMISIÓN DA POESÍA PARA A INFANCIA E A ADOLESCENCIA, SEGUNDO FRAN ALONSO





Foi un pracer participar nestas III Xornadas de Literatura e Ensino, “Versos pintados no pupitre”, organizadas pola AELGA e a AS-PG, o mes de decembro pasado en Compostela.

Fran Alonso
E foi un pracer compartir mesa redonda con tres persoas, moi queridas por min, como Carlos Negro, presentador do acto, que fixo unha das súas orixinais e agarimosas presentacións, con Elvira Riveiro e con Fran Alonso, quen este ano estivo máis vencellado a min, se cadra, debido á edición da miña antoloxía de poesía, Un rato díxolle á lúa.

As intervencións foron distintas e complementarias. Eu aprendín moito das palabras dos tres compañeiros de mesa. Dende as intelixentes definicións que de nós fixo Carlos Negro, (de quen se anuncia un poemario “xuvenil” moi potente para este ano 2014) a partir de acrósticos cos nosos nomes, ata a luz que acenderon Elvira e Fran, nas súas magníficas intervencións.
Acróstico de Carlos Negro. Presentación

Por iso, abusando da confianza, pedinlle a Fran Alonso que me enviase o seu texto para que os lectores e lectoras de Versos e aloumiños puidesen gozar coa súa palabra.

E Fran, todo xenerosidade, non o dubidou e, atento sempre, puxo á nosa disposición as súas liñas tan esclarecedoras como cheas de contido poético.

Isto é o que, amigos e amigas, podedes ler deseguido.
Non convén perder detalle. Nada sobra e nada falta.

Grazas, Fran, unha vez máis polo teu agarimo.





A transmisión da poesía para a infancia e adolescencia




Cando visito una librería por primeira vez, o primeiro que investigo é se ten algún pequeno e esquecido andel dedicado á poesía infantil. Poesía xuvenil (se é que tal cousa existe), xa nin me molesto en buscar. Case nunca o atopo. Nin en Galicia, nin fóra dela. Nin en Portugal, nin en Francia, nin en Alemaña, nin en Italia. Ese encontro pode producirse, se a fortuna acompaña, nalgunhas librarías británicas. Xa que logo, Galicia non é unha excepción, só confirma a regra.

Pero, evidentemente, tampouco resulta demasiado doado atopar editoriais ou coleccións de literatura infantil que acepten poesía entre os seus títulos.





Hai máis de dez anos eu escribía na revista Fada Morgana o seguinte: «O desenvolvemento da literatura xuvenil ata o de agora produciuse case exclusivamente no terreo da narrativa. E se ben existen algunhas trincheiras tras as que é posible atopar poesía infantil, en cambio, hoxe por hoxe é practicamente imposible dar con poesía para adolescentes».

En calquera caso, permítome a indiscreción de anunciar que para o mes de febreiro teremos un libro que creará canon na poesía xuvenil en Galicia: Penúltimas tendencias, de Carlos Negro.




Fagamos un pouco de memoria. Hai 40 anos en Galicia a literatura infantil era practicamente inexistente. Eu teño a intuición de que hoxe por hoxe estamos a vivir o comezo dunha tradición poética (e do seu desenvolvemento creativo) destinada aos lectores e lectoras máis novos, e albisco que probablemente dentro de, poñamos por caso, outros 40 anos, esa tradición estará plenamente asentada. Lamentablemente, será difícil que eu poida comprobalo.




Ora, se teño que ser franco, hoxe por hoxe interésame moi pouco entrar nun debate para determinar as fronteiras entre a poesía infantil e xuvenil. Mellor dito, non me parece, neste estado primario dunha incipiente tradición, nin relevante, nin atractivo, debater sobre a natureza da poesía que se publica como xuvenil ou infantil. O que me parece moito máis importante, en cambio, é poñer o punto de mira nos seus destinatarios/as.


Expresareime mellor: para min, a estas alturas da situación e seguindo unha corrente crítica ben asentada, un libro é de poesía xuvenil se os seus receptores o aceptan e acollen como tal. E non hai máis. Nese sentido, Poetízate é un libro de poesía xuvenil.


Permitídeme que bote man tamén do meu libro O meu gato é un poeta, publicado na colección Sopa de Libros na franxa de idade de «a partir de 8 anos». Debo confesar que nunca antes publicara un libro que, na práctica, cubrise unha franxa de lectores tan tremendamente elástica. Este poemario funciona en escolas de Educación Infantil (nalgunhas delas mesmo fixeron vídeos con poemas como «Miau») e, ao tempo, tamén está sendo empregado en Institutos de Educación Secundaria, en 1º e 2º da ESO (onde os rapaces e rapazas sinten como propio poemas como o titulado «O amor»). A verdade é que este poemario botoume abaixo as poucas fronteiras que me quedaban na cabeza.





En fin, deixemos o debate das porosas fronteiras e asentémonos no que é verdadeiramente importante neste momento: a creación poética e a súa difusión. Porque creo que non estamos ante un problema menor. Máis ben estamos ante o maior reto que temos para que a poesía arraigue nese futuro que comeza a desenvolverse.


En boa medida, o reto conduce ás aulas, pero tamén ás familias; ao fomento da lectura, que debe converter a poesía en bandeira; e aos propios creadores, obrigados a revisar o xeito en como transmitimos a nosa obra.



Para que a poesía infantil e xuvenil guste e conecte cos seus lectores e lectoras, os contidos e o tratamento poético deben ser de calidade, sen dúbida, pero, ademais, debemos saber transmitila axeitadamente. Pensemos que non hai lectores máis esixentes, sinceros e menos compracentes que os nenos,  nenas e adolescentes.




Venme agora á memoria a imaxe dun escritor nunha situación que presenciei hai anos. Ao escritor convidárano a un encontro cos seus lectores cativos arredor dun poemario infantil da súa autoría. Aquel era o primeiro libro de literatura infantil que o escritor (que ademais non tiña fillos) publicaba. Ao entrar no lugar onde ía ter o encontro observou, aterrado, que o seu público pertencía a unha franxa indeterminada de idades na que sobre todo dominaban os moi pequenos, e o seu libro, en cambio, estaba recomendado a partir dos 11 anos. El, que xa aceptara aquel encontro temeroso do difícil que lle ía resultar, sentíase agora como se o acabasen de botar á area do circo romano, entre leóns. Ese escritor era eu e pasaron xa máis de 17 anos desde aquel día. Sobrevivín como puiden e, sen dubida naquel intre, decateime da importancia de saber

mos transmitir o que escribimos ou o que lemos.




Hai once ou doce anos, nese mesmo artigo da revista Fada Morgana anteriormente aludido eu escribía: «o verdadeiramente importante é que se deixen seducir polas palabras, polos sonidos, polos ritmos, pola musicalidade e que constrúan a súa propia interpretación a partir do que todo iso lles suxire, se é que queren construíla; senón, que disfruten, simplemente. Todo o demais xa virá logo, co hábito. Ese é o auténtico pracer de gozar coa poesía».



Poetízate naceu en 2006 desa preocupación. E, once edicións despois, creo podo certificarme no acertado da idea.

Poetízate trouxome tamén a necesidade de medirme cos auditorios adolescentes, recitando e provocando a reflexión sobre a poesía. As miñas intervencións son, basicamente, recitais poéticos, nos que emprego distintos recursos, e neles falo de amor, de reivindicación, de música, e tamén de novas tecnoloxías, de erotismo, de informática, de publicidade.



Se lle lemos a un auditorio de adolescentes, por exemplo, o poema «Honrados e duros», de Pondal, probablemente non lles dirá nada e considerarano moi afastado das súas sensibilidades. Pero se lles contamos que a publicidade que ven na televisión emprega recursos que proceden da poesía e para demostrallo lles recitamos o poema enfáticamente e a continuación lles preguntamos a que anuncio de televisión lles lembra, todos, inmediatamente, se apresuran a dicir que aos de Gadis. Nese momento aprecian na poesía algo que, realmente, lles resulta molón.




Nada é imposible. Un día, hai xa anos, a profesora de infantil da miña filla cando eu xa levaba algún tempo animándome a facer recitais poéticos en Primaria, solicitoume que fose visitar os seus cativísimos das aulas de Infantil. Sinceramente, confeso que aceptei por compromiso, porque aquel me parecía un reto demasiado complexo para abordar sen medos. O meu público serían nenos de tres, catro e cinco anos, que nin sequera sabían ler. Como tranmitirlles os poemas e que os entendesen? Aquilo obrigoume a esforzarme na selección e a crear unha serie de estratexias e recursos que hoxe son a base de varios espectáculos poéticos que xa levo varios anos facendo en centros de ensino e bibliotecas. O máis difundido chámase «A poesía é un globo» e, por certo, emprega este obxecto tan infantil como metáfora da función poética das palabras.

Afortunadamente, saín victorioso daquel reto ao que me convocara a profesora da miña filla, pero a miña maior victoria foi, sobre todo, aprender dela que na trasmisión da poesía todo é posible. A profesora (o seu nome é Bea Pereiro) emprega cos cativos de tres, catro e cinco anos poemas de autores que eu nunca me atrevera a usar: Álvaro Cunqueiro, Rosalía de Castro, Uxío Novoneyra, Luís Amado Carballo, etc. A partir dese día, eu mesmo decidín incorporalos ao meu repertorio con absoluta normalidade.



O meu libro de poemas infantil Un gato é un poeta, que publiquei en 2001, constitúe un intento de transmitir plástica e ludicamente a poesía e a reflexión que esta conleva arredor da palabra. A través dos poemas convídase aos lectores e lectoras a pensar sobre o valor das palabras e o seu uso, sobre as súas potencialidades, sobre a natureza da poesía e sobre a nosa disposición a deixarnos levar polos seus xogos.

 
De esq. á dereita, Antonio, Elvira, Carlos e Fran.

En fin, existen moitos recursos e estratexias posibles para transmitir a poesía e cadaquén, desde a creación literaria, desde a familia, desde as aulas ou desde a biblioteca, debe atopar o seu propio camiño. Non vou agora facer un listado posible de recursos, pero si me gustaría dicir algo que sempre considerei importante. Ao meu ver, non se debe insistir tanto na idea de importancia, centralidade ou utilidade da poesía como máis ben na súa carencia; é dicir, debemos facer visible todo o que están a perder os que non teñen acceso a ela. Noutras palabras: debemos insistir no pracer que produce a súa dimensión lúdica, rebelde, clandestina e subvertible.



E, remato respondendo a unha cuestión sobre a que nos interrogou o moderador. Xa apuntei que, desde o meu punto de vista, estamos no incio do desenvolvemento dun xénero (o da poesía infantil e xuvenil) que no futuro será moito máis vivo e fortalecido. E, en todo caso, teñámolo claro: a poesía é poesía á marxe dos formatos ou dos soportes a través dos que se exprese. A poesía no ámbito dixital non só pervivirá senón que revivirá e conlevará cambios na concepción do proceso creativo e na relación entre autores/as e lectores/as. Só mudan as formas. Os contidos permanecen.



FRAN ALONSO