Páginas

miércoles, 8 de enero de 2014

DE VOCES CEIBES A MILLADOIRO, UNHA VIAXE POLA MEMORIA PERSOAL DE ANTÓN SEOANE



Que Milladoiro supuxo na música galega un antes e un despois, penso que ninguén pode negalo. Que Antón Seoane, peza fundamental deste grupo, é un dos nosos músicos máis importantes, penso que non resulta una afirmación gratuíta, nin moito menos. Pero que houbo antes desta formación? Isto cóntanolo Antón no volume De Voces Ceibes a Milladoiro (Unha memoria do movimento popular da canción galega, 1973 – 1978).

Maxistral cos múltiples instrumentos que domina, tamén o é coa prosa empregada neste libro-disco que todos deberiamos ler polo seu significado na historia socio-musical deste noso país. Un documento de primeira man, a través da escrita, dunha persoa decidida a contar os trazos dunha traxectoria musical de gran magnitude.

De Voces Ceibes a Milladoiro é un libro pracenteiro. Un libro escrito cunha prosa dinámica, espida de floreos, que fai as delicias do lector.
Por medio dese pulso narrativo, achegámonos a un período fundamental da sociedade e da música galegas, cos intentos de reivindicación social, da evolución a partir duns cantautores comprometidos (Voces Ceibes) ata que apareceu o primeiro disco de Milladoiro. Revisión dunha época convulsa e tamén dunha épica, resultante de ir salvando todos os atrancos que a ditadura impuña.
Tempo no que o ditador daba as últimas sacudidas (sempre terribles) e en Galicia, tamén epicamente, botaba a andar un proxecto definitivo pola consolidación dunha música propia.

Antón Seoane
Polas páxinas do libro circulan una chea de nomes que nos emocionan. Referencias esenciais aos tres grandes (Perfecto Feijóo, Avelino Cachafeiro e Faustino Santalices), ao “Festival de Folk galego”, que reuniu a máis de cinco mil persoas e foi un reto nas infaestruturas de son e luces, ao estilo de Dylan cos americanos universitarios, dos irlandeses con Chieftains, dos occitanos con Mont Joia, dos portugueses con músicos tan importantes como o Zeca Afonso, Fausto, Cilia…etc. Xa o di Antón Seoane: “aquel encontro quería ser a representación do novo tempo”.

E non faltan na obra as referencias a Rodrigo Romaní, persoa básica no percorrido musical de Seoane, a Batallán, ás  Pandeireteiras de Mens, a Miro Casabella, Benedicto, Pepe Ferreirós, Bibiano, Pilocha, Emilio Cao, Fuxan os Ventos e aos poemas de Celso Emilio Ferreiro. Tampouco esquece o autor, outras referencias que poden sorprender a moitos coma os Beatles,  Jimi Hendrix, Eric Clapton,  Traffic, Bob Dylan,os Kinks ou Leonard Cohen. E, tamén, nos fala dos músicos da Provenza, de Faíscas do Xiabre; narra a viaxe a Bretaña para falar con Alan Stivell e fálanos  de Roi Xordo (primeiro grupo galego de canción social), entre tantas outras curiosidades de enorme interese. Os músicos desta época bebían de todas as fontes posibles. Unha maneira de enriquecemento, que permitiría atopar as canles precisas para que o seu talento chegase ao público coa paixón e as forza necesarias.

Neste coidado volume podemos gozar con  fotografías moi significativas, retallos dos xornais, discos como “Fonte do araño” ou “Ti, Galiza”, listaxes das cancións aceptadas  e denegadas pola censura da época, instrumentos como a cítara, a zanfona, a ocarina ou o requinto, o primeiro disco de Vicente Araguas que abría a década dos setenta, o Festival de Ortigueira… Un ve as fotos de Santa Margarida e evoca, salvando as distancias, o ambiente do Festival de Woodstock. Aparecen os primeiros discos de Milladoiro e aquí deixa Antón Seoane tan interesantísima viaxe.

Si, unha viaxe que o lector realiza interesado e feliz. Unha viaxe visual e narrativa que amosa situacións impensables  hoxe en día. Excelente o ton empregado polo autor. Un ton próximo, cun discurso moi ben fiado, tendo en conta que é un exercicio de memoria persoal. A memoria dun home intelixente, cheo de inquedanzas e que tanto leva aportado (e segue a aportar) á cultura galega. Unha memoria que, aínda persoal, chega a se converter na memoria colectiva dun pobo que procuraba a identidade de seu, nunhas circunstancias hostís.

Un libro que todos aos que nos preocupa o país deberiamos ler. Lelo foi para min un acto pracenteiro. E  o disco, que acompaña o libro, significa recuperar  a banda sonora daquela mocidade que loitaba por unha Galicia libre de cadeas . Ten o CD cancións fermosas e representativas, auténticos emblemas do período 1973-1978, algunhas delas rexistradas para este ambicioso proxecto por vez primeira. Temas como “Tecín soa” co texto de Rosalía ou “Espranza” de Celso Emilio, cantadas por Pilocha, a “Cantiga do amante preso” de Méndez Ferrín, na voz de Romaní, “O meu país”, á que considero unha das cancións máis emocionantes  da música galega, cun texto de Xoan M. Casado e que canta, como no disco “Ti, Galicia”, o gran Miro Casabella, compositor da música . Un total de 18 cancións cuns músicos de enorme categoría como Antón Seoane, Pilocha e Rodrigo Romaní, e a participación de Nando Casal, Bibiano, Miro, Quintas Canella, Roi Casal, Manu Conde, Anxo Pintos, Laura Amado, Quico de Cariño e algúns máis.

Unha alfaia, este proxecto. Necesario, imprescindible. Importante coñecer a viaxe musical e vital  que magníficos artistas realizaron nunha Galicia que os necesitaba. Aquí non houbo “nova cançó catalana”, pero si, as mesmas inquedanzas para reivindicar unha lingua e unha cultura maltratadas dende sempre. Música e literatura, da man, para facer visibles as pulsacións dun pobo que latexaba con forza e que estaba disposto a facerse oír.
 
Un momento da presentación en Vigo do libro.
Antón Seoane revélase como un narrador  solvente, ameno e claro,que nos permite entrar nun proxecto que debemos agradecer á Editorial Galaxia e a PAI Edicións, S.L., auténticos impulsores do mesmo.

                                                                                                                               ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO