Páginas

jueves, 12 de diciembre de 2013

O MUNDO MUSICAL E POÉTICO DE PABLO DÍAZ

Séntese un moi satisfeito de que estes libros aparezan nos andeis das librarías. Si, como levo ben  anos defendendo que unha das maneiras de facilitar un achegamento agradable do alumnado ao marabilloso mundo da poesía é a través da música, son moi feliz do que está a acontecer actualmente.

Editoriais galegas como Galaxia, Edicións Xerais, Kalandraka ou El Patito Editorial, entre algunha outra, están publicando uns libros magníficos neste eido. Libros con CD, moi coidados esteticamente, con músicas variadas e letras que elevan o nivel e presentan unha feitura moi suxestiva para recitar, ler en voz baixa ou, quizais o máis importante, cantar, cantar, cantar…
É cantar un exercicio de hixiene mental imprescindible en calquera lugar, mais, por riba de todo, nas aulas.

Non podo eludir aquí o gran traballo levado a cabo polo grupo Mamá Cabra, con Gloria Roel á cabeza. Abriron un camiño moi importante, poñendo música a poemas de diversos poetas e da propia Gloria. As súas actuacións arrastran moitos rapaces e rapazas coas súas familias para gozaren cunhas cancións que saben de memoria. Un proxecto poético-musical de enorme talento.

Dito isto, o libro do que quero falar hoxe non pode ser máis axeitado.
O seu nome: Toc Toc. O seu autor é Pablo Díaz, que xa leva tempo presentando as súas propostas musicais por Galicia. Edítao a Editorial Galaxia, na súa colección Sonárbore, unha colección que ten títulos excelentes.


A letra e a música de todos os temas son do autor, agás “Mazarico” e “O piollo e a pulga”. A primeira, concretamente, ensinoulla a Pablo Díaz a avoa de alguén próximo a el, o que constitúe un exemplo claro de transmisión oral.
Pablo Díaz presenta uns poemas propios, claramente influídos no literario pola poesía de tradición oral, un xénero que deben coñecer os pequechos, pois é unha fonte inesgotable de frescura poética. Para min, ten que ser o primeiro paso do achegamento do poético ás aulas. 
 
Ilustración de  Nuria Díaz

Pero Pablo Díaz non queda aí. Aproveita o seu sentir musical para dotar de música variada, moderna, tradicional, apegadiza e rica, ás letras, e construír, deste xeito, pezas encantadoras con voces, percusión e demais instrumentos.
Nesas letras, hai desexos, personaxes entrañables, reivindicacións, lúdicas onomatopeas, o valor da amizade (mesmo un texto en prosa), o toque ecoloxista, a protección dos animais e unha chea de propostas para gozar.

Música que non cae endexamais na monotonía. Música diversa que convida a cantar. Música que, unida ás letras, arroupa os animais que falan, as estrelas bailarinas e os bos desexos que están presentes nas cancións.
 Acompañan o autor, que canta, compón e toca o clarinete e as percusións tradicionais, Álex Fente co acordeón, Antón Díaz ao baixo, Carlos Freire na batería, Diego Barral coas guitarras, Olga Kirk coa voz e Sergio Delgado, teclado e programacións no tema 6.

Fermosas e expresivas, tamén, as ilustracións de Nuria Díaz, moi axeitadas ao espírito dos temas.
Xa me gustara moito o libro anterior de Pablo Díaz, Tic Tac (Ed. Kalandraka). cunhas orixinais ilustracións de Marc Taeger, pero este en nada ten que envexalo.Ten un alto nivel de calidade en todos os sentidos.


Pablo Díaz mantén unha liña de colorido musical e literario que todos debemos coñecer e seguir. Un libro familiar, si, pero tamén un libro para gozar nas escolas. Os mestres e mestras teñen nel unha chea de posibilidades para facer máis atraente e lúdico o achegamento dos alumnos á música e á poesía.

                                                                                                                                     ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO