Paco Ibáñez |
Mais iso resulta imposible.
Paco vive.
Paco respira cando canta e faino moi a miúdo.
Si, Paco Ibáñez está vivo.
E segue a sacudir conciencias ao longo de España, Europa e América.
Ao longo de 2013, Paco deu unha morea de concertos.
Non saen na prensa nacional, claro. A súa dignidade, a súa voz, as súas cancións emocionan a moitos, pero amolan a demasiados "personajillos", eses que, normalmente, teñen o poder político, o poder económico; a eses que manipulan a xustiza, a eses que viven mergullados na corrupción con todo o descaro do mundo. Ladróns de sentimentos. Magos ruíns que pisan todo aquilo que o pobo reclama. Desnaturalizadores da sociedade, queren títeres e non cidadáns que pensen, cidadáns con iniciativas, reflexivos, loitadores. Son os que dormen o paso dos días e afogan todo intento de reivindicacións xustas.
Paco diante dunha foto dun campo de concentración. Argelès-sur-Mer |
Con Paco Ibáñez non poderán. Leva moitos anos resistindo. E milleiros de persoas ateigan os seus concertos, xa sexan en Uruguai, Chile ou Arxentina, coma en Francia, Bélxica, Túnez ou o territorio español que percorre coa súa guitarra na man e a poesía na súa gorxa, saíndo do seu corazón rexo e xeneroso.
Ben, pois o día 28 de decembro no Auditorio Felip Pedrell, de Tortosa, un dos enclaves históricos da guerra civil, Paco Ibáñez dará o "Concerto 75 aniversario da batalla do Ebro", con todo o orgullo de pertenza aos ideais derrotados naquela encrucillada.
E Paco Ibáñez, artista comprometido, representante dos poetas, humanista, cantará as súas cancións nun concerto de conmemoración e testemuño para lembrar os republicanos españois e os membros das Brigadas Internacionais, eses homes que o deron todo no nome da liberdade.
É unha chamada democrática. Estamos cansos de escoitar a historia, a deles, e, como dicía León Felipe, de"que nos duerman con cuentos". Pero somos moitos os que espertamos, e non aceptamos nin o esquecemento nin falsas versións dunha historia que se debe coñecer en toda a súa dimensión e, xa que logo, en liberdade e con rigor.
Trátase da dignidade humana.
Fotografía de Llibert Teixidó |
Que moitos outros e outras tomen nota do que este home fai, resiste e non permite que ninguén o domestique.
Podedes picar nesta ligazón para entrar na súa páxina, saber algo máis do concerto e ver tres vídeos do noso trobador cantando a Luis Cernuda, Rafael Alberti e Pablo Neruda.
www.aflordetiempo.com/concierto-ebro
Batalla do Ebro |
Menos mal que, ademais dalgunha que outra cousa, nos queda a súa palabra.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO