Páginas

jueves, 17 de octubre de 2013

SEMBLANZA DE ÁLVARO CUNQUEIRO

 
Hai xa un tempo, o PEN-Club de Galicia celebrou unhas Xornadas dedicadas a Álvaro Cunqueiro en Compostela. Foi a miña querida e admirada Helena Villar quen me convidou a ler un texto meu durante o almorzo dun dos días deste evento.


Era moita a responsabilidade a que caía sobre min, pero a paixón que sinto pola obra do gran mestre da literatura galega e a sorte que tiven de coñecelo e de que por consello del puidese publicar os meus primeiros artigos literarios no Faro de Vigo empurroume a aceptar a invitación de Helena. E non me arrepentiría.

Tiven a sorte de compartir o almorzo con Helena Villar Janeiro e coa muller de confianza de Borges, biógrafa e especialista na obra do escritor arxentino, MªEsther Vázquez. A conversa desta muller estivo chea de gabanzas sobre o mestre de Mondoñedo, de quen dixo que facía “realismo máxico” antes que os narradores latinoamericanos.Alguén máis entrou na conversa reafirmando o dito pola escritora e producíronse uns minutos engaiolantes. Eu andaba polas nubes.


Deseguido, púxenme en pé e comecei a ler o texto que figura a continuación. Teño que recoñecer que os nervios desapareceran e a lectura resultou, para min, un agasallo fermoso. Os asistentes fixeron un silencio respectuoso e os aplausos ao rematar puxeron fin á miña aventura. Respirei tranquilo.

Pero aínda quedaba un bico moi agarimoso de Mª Esther Vázquez. Estaba emocionada e valorou moito o que viña de escoitar, malia ser lido en galego. Podía eu pedir máis?

Son un adicto a Cunqueiro. Interésame todo o que escribe. Non esquecerei, endexamais, nos meus primeiros pasos literarios a descuberta da súa poesía.Non tardei en comprender  que don Álvaro era un extraordinario poeta.

Cunqueiro fixo literatura ao longo de toda a súa vida . Cada texto que escribía tiña un compoñente literario moi claro. El mesmo era literatura.
Agardo con ilusión todo o que se está recompilando sobre a súa obra. Luis Alonso Girgado, dende o Centro Ramón Piñeiro, está a facer un labor exemplar, en silencio, coa discreción que o caracteriza,  recollendo artigos de don Álvaro nos innumerables xornais e revistas nos que escribiu.
 A sombra de Álvaro Cunqueiro, afortunadamente, seguirá sendo para sempre moi longa, moi longa.

Non revisei o texto. Non quixen facelo. Prefiro que saia así como está. Aínda sinto ben dentro de min a calor coa que foi recibido e a emoción que me produciu lelo.
Xa me diredes se vos gusta.
Sede, por favor, benévolos.




                                           


                                      
                                        SEMBLANZA DE ÁLVARO CUNQUEIRO



 Facer unha semblanza, facer unha homenaxe a Álvaro Cunqueiro resulta para min unha satisfacción, unha necesidade e, dende logo, unha obriga.
         Porque nada sería igual na lingua galega, sen a palabra enfeitizada e enfeitizadora de Álvaro Cunqueiro.
         Non vou descubrir nada novo deste escritor xenial nestas miñas modestas palabras.
         Non é ese o meu obxectivo. Simplemente quero relembrar as súas verbas e que, con elas, resoen no aire os meus sentimentos cara a un home que me fixo ser escritor, que me falou do oficio do escritor e conseguiu aniñar no máis fondo do corazón dos lectores, tantas veces desorientados, na nosa benquerida lingua.
          
Artigo de don Álvaro

Cando Álvaro Cunqueiro nace en Mondoñedo alá polos días de Nadal de 1911 poucos sabían, nin tiñan por que saber, que nacía un “facedor de soños”, un inventor de ilusións. Nacía un apaixonado da vida, un observador intelixente dos problemas que rodeaban ó home galego, nun entorno duro pero tamén máxico; e ese entorno cheo de atrancos reais foi recreado e, mesmo, inventado por el con agarimo.
          
Lembremos a súa afirmación: “Porque coñezo ben o entorno máxico do galego e o habitante de Fisterra resolve a maioría dos problemas dentro dese entorno, puiden inventalo. Inventar é un método válido de coñecer”.
          
Así, tras abandonar a carreira de Filosofía e Letras polo xornalismo e iniciarse na literatura como poeta (algo descoñecido para min durante ben tempo), van aparecer toda sorte de artigos, dende o imaxinario ata o realista, dende a erudición ata a crítica artística e literaria. Álvaro Cunqueiro converterase co paso do tempo nun mestre do periodismo colaborando en numerosos xornais e revistas e chegando a dirixir durante moitos anos o Faro de Vigo.
          
Así, este mitólogo, gastrónomo, poeta, narrador, dramaturgo, articulista vai ir tecendo unha obra máxica que parte do castelán para aterrar no ano 1955 na lingua galega con Merlín e familia, o seu primeiro libro narrativo, no que o sabio Merlín e a raíña dona Ginebra, dende o seu pazo de Miranda provocarán numerosas historias fantásticas que nos vai contar un paxe do sabio cun ton certamente humorístico.
         “O señor Merlín, asegún se sabe polas historias, era fillo de solteira e de nación allea, e veu herdado pra Miranda por unha tía segunda por parte de nai; pro facía disto tanto tempo que ninguén se lembraba do feito. Soio unha vella camareira de Quintás facía algo de memoría, de que sendo nena levárona ao enterro dunha señora a Miranda, e tralo crego de Reigosa, que cantaba mui ben, iba don Merlín vestido de negro, agás unha gran bufanda colorada, e xa daquela tiña mi amo a barba branca.”                     

          
No ano 1956, aparece As crónicas do Sochantre, onde un músico de capela vive numerosas peripecias ó atoparse cun grupo de personaxes de ultratumba, fantásticos viaxeiros, que, cada un deles, contará a súa pasada vida.


         “Señor sochantre –dixo unha voz do asento dianteiro- pouco falta pra que deixemos no áer as néboas do Blavet, que sempre me fixeron muito mal e foi a causa de que tendo eu un tío a quen herdar en Pontivy, non viñera a vivir con el a esta vila, i era eu o sobriño máis querido, tanto polo gusto que me tiña meu señor tío en ouvirme relatos, canto que soio eu sabía o tempero dun parche que había que poñerlle na caluga cando lle viña a jaqueca sabatina. Son o escribano de Dorne, Jean Pleven, voso servidor.”


          
No ano 1961 preséntanos un Sinbad, o coñecido navegante das Mil e unha noites, retirado e contador de aventuras cheas de prodixios en tertulias, unha novela de personaxe que segue a presentar numerosas historias no que o real e mailo imaxinario se opoñen no canto de mesturalo. Estou a falar de Se o vello Sinbad volvese ás illas

         “Sinbad é alto, apeiteado, e ten andar de muita gravedá, aínda que teña a perna dereita un chisco máis curta ca esquerda; ten barba branca moi mesta e sin partir, e cáse tódolos xoves coa navalla de pulso faille un arredondo, e pra que se lle volva na punta pon polas noites brizadoras de pausanto.”

         Se tivese que expresar o que eu experimentei cando lin estas tres obras de Álvaro Cunqueiro non me chegarían os nomes do léxico galego. Por iso, non vou nomealos. Simplemente quero deixar no aire un efecto sensorial: a luz. Sempre lin estes libros cunha sensación de luz real, dentro do ton máxico e imaxinario dos textos; palabras inzadas de encantamento, imaxes cheas de luz brillante, perenne, que me permitían perderme por unhas historias contadas dende a sabedoría do encantador de verbas literarias. Nunca sentín a escuridade do antigo, do descoñecido; vivín liña a liña a difícil, pero en Álvaro Cunqueiro natural, sensación da maxia como algo límpido que me transportaba ó centro da fabulación cercana e intensa.
          
Mais debo recoñecer que van ser os seus libros de semblanzas, os que me van facer ser consciente de quen era Álvaro Cunqueiro. Coido que nestes tres libros (Escola de menciñeiros 1960 / Xente de aquí e acolá 1971 / Os outros feirantes 1979) tres libros de retratos breves, retratos apaixonantes de seres reais e imaxinarios, é onde se dan todos os rasgos característicos da creatividade literaria deste home. Fantasía e humor van da man, pero a min sempre me chamou a atención o coñecemento da psicoloxía do home galego e de todos os mitos populares que o rodean.
          

De aí esas palabras que antes comentei da relación entre invención e coñecemento. Como o coñece, pode inventalo.
         Eu sentín, a miúdo, que Álvaro Cunqueiro estaba moi preto do pobo. Sabía moi ben como era, por onde se movía, como respiraba, cales eran os seus temores e as súas inquedanzas. A partir deste punto, Cunqueiro decidiuse a falar dos homes e fíxoo dun xeito comprensivo, non exento de sinceridade e, sen esquecerse da caricatura que che fai sorrir e comprender mellor.
         Literatura culta, as súas grandes obras; literatura de personaxes populares do país estes tres libros de semblanzas que a min me produciron tenrura, amor ó meu entorno, inxenuidade, sorrisos auténticos e o convencemento de que cando se unen mestría narrativa, coñecemento do próximo e amor pola palabra podes crear un universo propio que se proxecte nos universos particulares dos lectores para enriquecelos co espírito que proporciona a forma artística ben elaborada.
         ¡Canto cheguei a querer eu ó xastre de Muñiz de Parada, a Somoza de Leiva ou ó cazoleiro, Braulio Costas! Historias pequenas, oídas polo autor; tipos tirados do pobo pasados pola imaxinación dun enorme fabulador.

         “Ruzos de Beiral era un gran pescador de caña, pro quería que lle crésen que tiña segredos propios, raros licores nos que pór a amolecer a miñoca, e que co seu perfume atraía a troita. Decía que llos mercara a uns húngaros nun San Froilán, e que de paso os húngaros lle ensinaran a guisar os coscos. A primeira vez que eu escoitéi que se comían os coscos foi ao señor cura de Oubelle.” (De Xente de aquí e acolá)

         Todo Cunqueiro está nestas obras narrativas (cultas ou populares) combinando realidade e fantasía, deformando tempo e espazo, impregnando as súas verbas de lirismo, humor, mitoloxía, realismo de costas ó tempo real pero creando personaxes imaxinarios que ben podían pasar ó teu carón cando vas pasear pola rúa. A literatura de Cunqueiro, non cabe dúbida, é unha literatura de personaxes.
          
Poema en castelán de Cunqueiro e ilustración do pintor Xulio García Rivas.
Non me esquezo do Cunqueiro dramaturgo co Señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca, nin do Cunqueiro viaxeiro, nin, por suposto, do Cunqueiro gastrónomo e os seus libros de cociña. Nin dos premios obtidos nin do Cunqueiro académico. Todo iso está aí. Non me esquezo, non, pero nesta breve semblanza, quero ficar uns intres na súa poesía. Con ela iniciouse como escritor e con ela remato estas miñas verbas. Coñecina tarde pero cheguei a tempo. Se dicía que a luz alumara a miña viaxe pola narrativa cunqueiriana, a cor azul (e non me digades por que) tingue a miña travesía polos versos do mestre.
          
        Tan absorbido estaba pola prosa de Álvaro Cunqueiro que cando descubrín a súa poesía a miña mente pintouse de azul: azul-ceo, azul-mar, azul-vida, azul-xogo, azul-pobo.
          

              Versos vangardistas con imaxes atrevidas, formas de lírica tradicional, neotrobadorismo, alusións mitolóxicas, literarias, históricas non exentas dun sentido lúdico (o lúdico en Cunqueiro é unha constante) e tantos outros rasgos atópanse nos seus cinco libros de poemas:
          
         Mar ao norde (1932)

         Cantiga nova que se chama riveira (1933)

         Poemas do si e do non (1933)

         Dona do corpo delgado (1950)

         Herba de aquí e acolá
          
Dos seus poemas chegou a dicir: “Eu ollaba así o mundo, as estrelas, os merlos, as noites e os menceres, e o meu propìo corazón. Na suma de poesía galega dende os trovadores antigos deica aos poetas de hoxe, ben pouca cousa son estes libros meus. Pro non poido nin debo escondelos sob o celemín”.
         Humilde o poeta. Di “ben pouca cousa son”. Nin falar. A min engaioláronme. Entrei na poesía de Cunqueiro e non saín. Aquí sigo e non penso saír; si darei unha volta, detereime en moitos outros poetas que amo na nosa e noutras linguas pero sempre volverei ó verso cunqueiriano porque me chama en voz baixa de moitos xeitos. Eu nunca saberei dicir non á súa voz poética tan intensa como xoguetona.
          
        “Agora trobo o vento e máila lúa fría,
Poemas de Cunqueiro interpretados por César Morán.

         non o cervo do monte que a ágoa volvía.



         Agora trobo o mare e máila nao veleira,

         non a amiga que canta só da abelaneira.



         Agora trobo a lúa e máilo vento irado,

         non o cervo do monte, meu amigo pasado.

        

         Agora trobo a nao e máila mar maior,

         e non aquela amiga, miña branca señor.”
                                       
                                             (De Dona do corpo delgado)
 
Texto "Haberá primavera" de César Morán.
                   E non quero esquecer nesta homenaxe ó home bo, ó home conversador que me recibiu un día no seu domicilio de Marqués de Valladares en Vigo. Non podo esquecer a súa paciencia, os seus consellos, a súa amabilidade, o seu interese.
         Non podo esquecer unhas palabras que me deixaron fonda pegada referíndose ás miñas intencións de ser escritor:
         “O oficio non é doado e hai que adestrarse todos os días.
         Digo todo isto pensando que ten vocación de escritor e que dalgunha maneira quere selo e non contentarse con ser escritor de ocasión. Que ten dotes é innegable”
         “Que ten dotes é innegable”. Isto deume folgos. Espertou as miñas ilusións. E fíxenlle caso. Con maior ou menor fortuna desenvolvo o oficio de escritor. E débollo, en gran medida, a este home que encheu de maxia a literatura galega.
          
No meu libro “Al hilo de la palabra” (Hiperión) dediqueille un poema para que os nenos soubesen que existía este encantador de ilusións.
         Con el remato:
                    
              Amaneceres mojados

Poema contido no  libro "Al hilo de la palabra" (Hiperión) 1998
         envolvían tus palabras.

                   ¡Ay, amigo!

         Y tus sueños rumorosos

        encendían la mañanas.

                   ¡Ay, amigo!

         Tus personajes crecieron

         con Merlines y fantasmas.

                      ¡Ay, amigo!

           La fantasía de un pueblo

            en tu voz limpia se hallaba.

                      ¡Ay, amigo!

             Son tus versos las cantigas,

             donde los mares descansan.

                       ¡Ay, amigo!



                                               


                                              ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO