Non vou falar de Xulio, porque deseguido poderán ler un texto que escribín sobre a súa pintura. Eu, que non son especialista neste terreo, deixeime levar no meu escrito polas sensacións sutís, polo fermoso que resulta entrar nos cadros de Xulio, con quen o espectador se sente identificado cando pousa a súa ollada nos seus lenzos. Como di Xosé Luis de Dios no tríptico da exposición sobre a súa obra son "pinturas de lírica abstracción, non pretenden dominar ou apropiarse da natureza figurada ou imitada, senón talvez captar o seu alento etéreo, a levidade das formas, sen perfís e acoutacións, sutileza de ritmos e cadencias que reclaman a complicidade do espectador para completar a proposta..." Totalmente de acordo coa visión que dá de Dios que eu comparto plenamente.
Levo ben anos vendo a evolución dun mestre da pintura. Un home bo, no sentido machadiano, como dixen antes; alguén que foi evolucionando nos diversos estudios, tan íntimos, das cidades onde viviu; unha persoa modesta, sinxela, que foxe dos círculos e que fai da súa pintura a súa vida. Esa vida que leva compartindo dende hai moitos anos con ese anxo (se existisen) chamado Alicia Alonso, unha muller dunha creatividade excepcional, dun gusto exquisito, que se converte na principal crítica do artista.
Reflicto aquí unhas liñas de Luis Cochón, unha desas persoas que ama as artes por riba de todo, sobre García Rivas: "Pintor. A súa pintura, íntima, silenciosa, tan súa que se produce nos obstinados limos da creación, onde - se cadra - o que sobra no cadro son as cousas e o que queda é o ámbito, o espacio do fulgor. O territorio vougo da memoria poética. Tamén a verdade se inventa. Pintura, sábese que debería ser máis coñecida do que é, por riba dese succés d´estime que acada nos mellores entendedores: a victoria do prestixio".
Xosé María Ávarez Cáccamo diríxese ao público |
Na inauguración houbo arte. Pintura e Poesía sorriron felices da man. Sei que esta mestura a Xulio e mais a Alicia lles encanta.
Non puiden asistir a un acto no que se leron poemas (Pepe Cáccamo, Mª Xosé Queizán) referidas á pintura do mestre, palabras de loanza ao pintor e un texto poético meu, que é o que figura a continuación, a cargo da miña muller Susi Fernández.
Eu participaba noutro acto, á mesma hora, en Vigo.
Isto é o que eu escribín para un catálogo sobre a pintura de Xulio García Rivas, a quen tanto quero e admiro.
Susi le o texto de Antonio García Teijeiro |
OS
MEUS OLLOS GOZAN DO PINTOR
Levo
ben anos gozando coas pinturas de Xulio García Rivas. Téñoas na casa e visitei
os últimos estudios nos que o pintor se pecha, para acadar ese silencio, esa
calma que precisa para pousala con mestría nos lenzos, papeis ou madeiras cos
que traballa.Neses estudios, lugares máxicos onde hai decote un olor especial,
un sentaba, vía cadros de diferentes épocas, tan evocadores, tan acougantes que
non quería abandonalos, porque temía perder o feitizo que o envolvía.E segue a
pasarme así. Pero non só a min, como persoa. Non.
Quizais
non se vexan entre as mesturas de cores nas súas paisaxes, entre o negro resistente
da súa arquitectura pictórica, entre a delicadeza dos vexetais, flores e
demais. Quizais non se vexan nos seus fermosos e xigantescos dípticos ou trípticos,
nin nesas pequenas marabillas nas que
hai un encanto especial, pero nos orixinais de Xulio viven os meus ollos. Si,
dende o primeiro día que me deixei enfeitizar pola obra do pintor, os meus
ollos non quixeron saír dese silencio provocado polo artista e nel conviven cos
seus trazos,cos vaivéns do pincel sobre a superficie na que pinta, coas teimas
lóxicas do creador, con esa concepción da pintura total que Xulio García Rivas
posúe. Non quedei cego porque eles, os meus ollos, non deixan de dotar de cores
as miñas miradas sobre o mundo. E niso Xulio é un mestre. A súa evolución
creativa, as súas inquedanzas como ser humano fusionadas coas de creador, así o
demostran.
Xulio ten, hai xa ben tempo, un estilo recoñecible, pero a
repetición non forma parte do seu esquema artístico. Xulio García Rivas pescuda
no seu interior, sen esquecer o que o rodea. Deste xeito, os novos elementos
aparecen e a súa obra engaiola. Unha obra que parte do intimismo e do talento
do pintor e bate no corazón de todos
aqueles que se emocionan diante da arte auténtica. E aí seguen os meus ollos,
emigrantes nun espazo enigmático, asomando á fiestra da vida que Xulio abre no
seu estudio, porque precisa dela.Os meus ollos, felices, compartindo os bos e
os malos días co artista. Convértense, en silencio, en testemuñas fieis das
súas dúbidas, das correccións e dos seus logros. Talvez xa formen parte da
esencia do pintor.
O
espazo pictórico de Xulio ten que ver moito co seu espazo vital. Os meus ollos
fálanme da marabillosa chegada á natureza do creador. E viven entre a néboa
mesta, ou non, dos seus golpes de inspiración co pincel. Ven a vida dende
dentro, cando a luz se deixa ver. E voan cos ventos, atordan coas treboadas,
camiñan pola cidade.
No
espazo de Xulio García Rivas atópanse os meus ollos, e así mo din, coa pintura
de auga, pintura de luz, pintura de aire.
Xulio
non esquece os ocres que tanto gustan aos meus ollos. Non perden vixencia.
Forman parte da substancia do artista,
do seu espírito anovador dende a primeira pincelada que deu.
No
espazo de Xulio, hoxe mesmo, vive un feitizo que invade os que pousan a súa
ollada nos seus lenzos e papeis. Dinme os meus ollos, sempre en contacto cos
acrílicos, coa tinta chinesa ou coa acuarela, sen esquecer o óleo, que Xulio
foxe dun clima abafante que pode afogar a un artista, para crear un clima
sensual e lírico. Xulio García Rivas sempre rachou as cadeas que, demasiadas
veces, oprimen o pintor. Intentou e conseguiu ser dono das súas sensacións para
plasmar aquilo que desexaba comunicar e facernos partícipes da súa creación.
Dentro
deste novo período creativo, ese que os meus ollos chaman o silencio das delicias, estes papeis fanche sentir o olor da
brisa, a frescura dos verdes que visten os xardíns. Xardíns sen valados.
Xardíns que se espallan ao longo dun espazo aberto ateigado de flores e cores. Aparece
o mar coa súa enigmática beleza.E iso emociona aos meus ollos e a min.
Xulio
García Rivas sente o concepto de liberdade, cando fai da delicadeza pintura. Esa pintura que non quere ancorarse
na superficie, senón que esvara ata o fondo da alma do pintor sen ningún tipo
de rasgos inútiles.
Os
meus ollos voan cunhas andoriñas que se albiscan entre manchas ben controladas
polo pintor. Controladas, pois Xulio procura o equilibrio entre o que imaxina e
o que peta insistentemente na súa man de creador. Xulio presenta un discurso
que, de cando en vez, permite rebordar as súas expectativas e a obra toma outra
vertente. Unha vertente que vai permitir que esa liberdade flúa polos poros da
súa alma de pintor.
Por
iso a súa obra emociona. Por iso os seus cadros enfeitizan.
Fluír
é un verbo axeitado en relación con todo o que estou a dicir.
A
través da acuarela, a pintura chinesa e o acrílico ben utilizados polo pincel
do artista, non os meus ollos, senón eu mesmo, son feliz nese pouso acougante
da pintura chinesa, taoísta que me transporta a un parque con luz, delicado,
suave e suxestivo.
Nese
parque atópase a fusión da idea e do resultado. Se tapo os oídos e non escoito
as verbas dos meus ollos enfeitizados, pérdome nas treboadas azuis e grises,
soño nos xardíns que arrolan os meus sentidos, teño forzas para fuxir dos
negros e dar coa luz que preciso para respirar e que o pintor me brinda
xeneroso. E, sen dúbida, déixome atrapar polas cores tan variadas (os amarelos,
os rosas, os malvas,os vermellos, os xa mencionados ocres…) para que sigan a acariñarme, para que non
deixe de percibir os sentimentos que se agochan ao noso redor e que, en
demasiadas ocasións, encrespan a miña pel.
Os
meus ollos seguen nos lenzos de Xulio. Vixían a súa pintura arquitectónica.
Falan con seres que se adiviñan fundidos cos elementos ingrávidos das súas
pinceladas. Aplauden o recendo salgado
do seu mar. Xogan entre as flores e as plantas, buscan algún pendello antigo
que Xulio lles ensinara noutrora, fan unha escapada á cidade que o artista tan
ben plasmou nos seus cadros e diríxense cara aos horizontes que Xulio vai
perfilando co seu pincel.
Non
podo facer que os meus ollos volvan. E, ademais, para que?
Onde
se pode estar mellor que na obra dun pintor reflexivo e honesto?
Onde
se pode estar mellor que gozando da sensibilidade estética dun artista que
domina a arte do milagre pictórico?
Que
sigan no seu mundo de manchas informes, que continúen gozando desa relación tan
directa entre pintor e pintura. Iso si, que non me rouben as cores, e os trazos
cos que Xulio García Rivas vai subindo os banzos que levan ata o cumio da gran
pintura.
ANTONIO
GARCÍA TEIJEIRO