Páginas

domingo, 1 de septiembre de 2013

DARDO POÉTICO (VIII) DANME GANAS DE...



-          ¡Cuánta estupidez! – dixo alguén en voz alta.

Eu non o podía crer. Ata pensei que escoitara mal. Pero non. Tiven que dirixirme a el:

-          Que está a dicir, tío?

Era un home duns cincuenta e tantos anos, relativamente ben vestido e falaba para que o oísemos.

-          Así no hay país que vaya para arriba. No leen lo que firman y luego vienen los problemas.

Eu estaba a sublevarme. Deixei o libro que estaba a ler, mirei cara a el e díxenlle:

-          Pero como pode dicir iso? Non se pode ser tan insensible. Isto non ten nome – sentín que me estaba anoxando e perdendo as formas.

O individuo fita para min con cara de poucos amigos e debuxa no seu rostro un sorriso cínico.

-          Y además quieren que…

-          Cale, non o consinto. Non quero escoitar o que vai dicir. – berrei case perdendo as formas.
  
Notei que a carraxe me invadía.

Estaba a poñerme frenético. Case agresivo. Os meus nervios podían comigo.
  
O individuo aínda tivo o atrevemento de afirmar:

-          Estos de izquierdas, siempre con su cantinela.

E comezou a afastarse amolado polo ruído dos manifestante e as miñas palabras.

Déronme ganas de afogalo.

Eu estaba sentado nun banco de pedra da Gran Vía lendo a  Antón Tovar. Concretamente este fermoso e triste poema:


A miña liberdade é
unha ringleira de formigas.
Cada formiga leva no seu bico
unha frangulla de desexos
que a voz da terra lle donou.
Unha cadea de formigas,
e a derradeira o acto inevitable,
xustamente necesario, inevitable,
tal coma espiga de centeo que florece
alegremente inevitable,
gozosamente necesaria,
e enche a miña boca triste co seu pan.



Gran Vía abaixo avanzaba paseniño, con moito ruído, a manifestación dos xoves dos afectados polas odiosas e vergonzantes preferentes.
Asubíos, bater de tambores, pancartas,voces desesperadas berrando xustiza, ruído, ruído, bendito ruído produto da impotencia diante dun roubo manifesto.
A xente observa. Normalmente, cala a boca.
Os vehículos case detidos non deixan fuxir un son das bucinas.Talvez os seus condutores e condutoras comprendan.

E eu dou en pensar nesta pobre xente enganada vilmente pola voz , os ollos e o rostro duro deste capitalismo cruel. Sinto unha picada no meu interior que me desconcentra.
Segue o rebumbio amarelo dos chalecos descendendo pola rúa, como cada xoves, cunhas voces que semellan perderse no deserto.
Quen lles devolve o seu diñeiro? Quen repara un acto tan ruín, un roubo tan desvergonzado coma este?


Tremo con só pensar que toda esta movida tan necesaria, se perda no aire. Pero confío na súa teimosía para acadar a xustiza que merecen.
Rebélome diante do sentimento de que non poidan acadar os seus obxectivos. Non podo crer que este asoballamento remate sen un final feliz. Sería unha máis das fendas deste sistema chamado democracia. Outra puñada deste capitalismo salvaxe que nos leva á deshumanización dos pobos.

E, inda por riba, ter que aguantar un tipo coma ese, a quen non sei que nome poñerlle  nin que adxectivos botarlle na súa face.Estou seguro de que os  adxectivos se esgotarían se comezase a listaxe. Que alguén poida facer comentarios coma eses alporízame moi fondamente.
Non o podo remediar e digo en voz alta: “ Escoura de sociedade. Escoura de tío. Danme ganas de…”

Segue o rebumbio amarelo.

Doulles ánimo en silencio.

Aplaudo a súa actitude incansable.

Vaia exemplo que están a dar!

Daquela, volvo abrir o libro Berros en voz baixa (Ed. Sotelo Blanco) de Antón Tovar e leo, algo nervioso, o seguinte poema:


De ter que ser algo
nesta terra maligna,
de ter que ser algo
quen dera se-lo vento,
ou unha pedra no camiño,
ou unha árbore insensible.

O vento non é nada,
coa súa túnica invisible
atravesa a esfera do planeta
Antón Tovar
e nunca chora.

A pedra está queda no camiño
e tamén nada sente.
Vén un rapaz, cóllea na mao,
guíndaa polo aire e a pedra
cambiou de sitio e de tempo
e segue sen saber nin sentir nada.

A árbore presa á raigaña da terra
ergue a súa copa verde á chuvia, ó sol.
Un día vén o machado do labrego
tállaa e é madeira de carro,
ou madeira de moble con vetas e deseños
que non sofren, que nada saben
da súa fermosa existencia.

E, mentres agardo a unha persoa, sigo lendo a Tovar, métome na súa poesía dura e esquézome do altercado que non hai moito me tocou padecer.


ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO