Páginas

martes, 14 de mayo de 2013

RAQUEL PAZOS GARRIDO. O COMPROMISO ÉTICO E POÉTICO

Raquel Pazos Garrido
Cando te enfrontas a unha clase, neste caso de oitavo de EXB, e ao rematar o curso os teus alumnos e alumnas  marchan para facer o bacharelato aos institutos e outros para facer FP, tes que pensar en moitas cousas ao longo do período escolar.
Sei que estou falando de hai ben anos, pero agora sería o mesmo.

Unha desas cousas é o que lles queres achegar aos rapaces e rapazas que tes na aula, non ensinar, se da clase de Lingua se trata. Non fago distincións entre o galego e o castelán, neste caso. Es consciente de que deben coñecer o máis importante da gramática, da morfoloxía e da sintaxe, por exemplo.Van necesitalo para os cursos seguintes.

Pero hai algo, se cadra, máis necesario se nos importa a súa formación como persoas. A lectura e a escritura deben estar presentes nas túas clases. Sempre pensei e, cada vez máis, que os rapaces non poden deixar o ensino obrigatorio sen acadar un nivel axeitado en ambas facetas. Así o fixen, en tempos moi duros, cando era mestre de EXB co meu alumnado, e así continúo a facelo, tamén nestes tempos miserentos, cos alumnos/as que rematan cuarto da ESO.
Sei que os temarios, as programacións e demais, non facilitan o labor. Mais eu loitei dende hai moitos anos para que a lectura e a escritura fose algo atraínte. Saltei temas que non eran, precisamente, importantes, roubei minutos de onde non os había e, mesmo, cheguei a crear un Club de Amigos da Poesía (CLAP), fóra do horario lectivo. Escolliamos ben os libros, creamos bibliotecas de aula e fundamos a Biblioteca de Centro. Eu quería que lesen, que escribisen e que gozasen da palabra literaria. Ben sabían eles que eu era un apaixonado da literatura y que había que ler para poder escribir o mellor posible.E, deste xeito, fun contaxiando (ou polo menos o intentaba) a rapaces/as que tiñan un enorme potencial creativo dentro deles.

Escoitar poesía.

Logo, chegado xuño, marchaban facendo o camiño da súa vida. Dalgúns tiñas boas noticias. Ás veces viñan polo colexio para saudarte. Doutros, o que che contaban era moi triste. Doíache profundamente. E dos máis, non volvías saber o máis mínimo. Era como se desaparecesen do mapa. Ao mellor, pasado un tempo longo, atopabas alguén (isto segue a ocorrer) que te saudaba. Ti facías memoria e decatábaste de quen era. Así é a vida dos docentes. Traballas a conciencia sen ver os froitos do teu labor.
Os anos seguintes, veñen outros e outros e moitos máis. E a historia repítese. Xa vedes que falo en pasado e en presente porque as situacións, neste sentido, non varían moito.
Un quere deixar unha pegada neles, para que lembren os pequenos feitos da vida, a través da literatura ou da música. E, polo que a min respecta, a poesía, tan maltratada por unha sociedade tan ignorante, convertíase e convértese nunha das protagonistas do meu traballo coma mestre.
Non sempre acadas os teus obxectivos, por suposto, pero mantés a esperanza de que, aínda que non o chegues a ver, o teu esforzo prenda nalgúns dos que foron os teus alumnos. Do que si estou seguro é de que eses alumnos nunca verán a poesía como algo ridículo e cursi.

E chegado a este punto, quero falar de Raquel Pazos Garrido. Raquel foi unha das miñas alumnas máis queridas. A miúdo, viña con papeis escritos por ela. Ensinábamos e eu animábaa. Amosábamos, case ás agachadas, e neles había poemas ou pequenos textos que xa bulían na súa mente.Raquel, deime de conta enseguida, tiña verdadeira paixón pola poesía. En oitavo xa escribía ben. No instituto, mellor. E na súa vida faino moi ben. É unha muller que cre, como Gabriel Celaya, que a poesía é unha arma cargada de futuro. E ten razón. Raquel Pazos Garrido converteuse nunha loitadora coa poesía preparada decote para disparar.
Preocúpalle o rumbo desta sociedade cuns problemas que nos feren. Preocúpalle  a situación da muller e o seu papel neste feo, feo mundo. E loita coa palabra poética a prol dos traballadores castigados por un capitalismo atroz. Raquel sente o que escribe e mantén a procura constante de si mesma. Vai directa ao corazón de quen le ou escoita os seus poemas.Sabe ser intimista no seu discurso poético e tamén dura contra a inxustiza. Baléirase de palabras para que estas penetren no corazón dos demais. Participa nalgún círculo poético moi auténtico, como é ela, fai vídeos dos seus recitados e un emociónase ao escoitala recitar por esa fondura que vén da raíz humana.
Pasaron os anos. Xa o creo. Eu xa vou tendo moitos. E Raquel é unha persoa comprometida coa poesía, pero, non o esquezamos, sobre todo co ser humano.
Estou moi orgulloso de Raquel Pazos Garrido. Sinto como meu, ese sentimento poético que lle dá vida.
Por iso quixen que estivese aquí, en Versos e aloumiños. Pola súa autenticidade. Porque sente os detalles da vida fondamente.
Non o podemos esquecer: nestes tempos que estamos a vivir/sufrir, precisamos persoas como Raquel.



                                                                                      ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO





FUNDAS OBREIRAS



As fundas dos obreiros están colgadas
a imaxe se repite incesante e incisiva
a cidade é un tendal coas fundas colgadas
as fundas dos obreiros que están na casa,
Con motivo das mobilizacións feitas polos traballadores do naval en Vigo
Pepe, Xoán, Elixio,

e non sei …
que facer con elas

no tendal da rúa moumean
ondean ao vento coma espantallos
fundas novas, fundas sucias
vellas fundas azuis con parches
sacuden tantos soños
na noite, sen cabeza,
sen pés
onde pousar.


ALEIVOSÍA


As ameixas maduras
penden da póla
ata que baten no chan,
resgan a pel,
amosan a carabuña
e fican entre as follas
coa doce fenda húmida.

Hoxe levo postas as túas bragas
sucias


ENTRE NOLAS DUAS

descoñecía
que a túa cara oculta
é a que máis sofre


















cada noitiña
reflites a silueta
do que non es

















imperturbábel
no teu mundo aínda
brilla o sol