Páginas

sábado, 11 de mayo de 2013

MIGUEL ÁNGEL ALONSO DIZ E LUZ BELOSO, NA PORTA VERDE DO SÉTIMO ANDAR


Miguel Ángel Alonso Diz
Ás veces, atopas persoas que sabes que senten fondamente todo o que fan.
Ás veces, ves que podes falar con esas persoas e intentas ver todo o que teñen de honradas (literariamente falando, claro) e se poden ou fan cousas interesantes.
E, ás veces, sabes que están loitando por expresar o que levan dentro. Recibilos na túa casa é un deber.
A min, tamén me abriron as portas de casas impensables.E eu correspondo o mellor que sei.
Unha vez que entran con toda a ilusión, e conversamos sinceramente, non apartan os ollos dos moitos recordos que un ten de persoas queridas e que están colocadas por toda a sala.  Pero o deber, dá paso, axiña, á satisfacción de compartir un tempo, que voa, falando de literatura para rapaces/as, da súa importancia, dos proxectos a levar adiante, da actual situación literaria e da vida. Resulta todo un pracer.
E así me ocorreu con Miguel Ángel Alonso Diz. Persoa encantadora, ilusionada, con talento, que está a desenvolver, coa ilustradora Luz Beloso, un proxecto en común de LIX, verdadeiramente atraente.
Pouco o podo eu axudar. Pero quero estar aí, preto.Para o que precise e estea nas miñas mans. Miguel tráeme os seus libros dedicados, cun agarimo especial.Son luminosos.
Paga a pena coñecer a empresa que están levando a cabo estas dúas persoas, polo cativadora que resulta, ademais de como están a desenvolvela para que dea os froitos desexados.Realizan un esforzo enorme e bótanlle unha ilusión difícil de describir.
Eu felicítoos dende aquí. Versos e aloumiños quere ser unha fiestra máis para que Miguel Ángel Alonso Diz nos conte o proxecto, a súa visión da LIX, e todo o que lle apeteza dicir.
Versos e aloumiños sempre estará aberto aos proxectos que queiran acadar a solidez precisa para que funcionen. E se están dirixidos aos pequenos, con máis razón.
Moita sorte, amigos.

    
Velaquí a Historia da lingua da fraga (fragmento)



Os vellos contan 
Miguel Ángel e Luz Beloso
que houbo unha serea
que tiña peixes no cabelo
e prata na pel
que dos seus beizos nacían
fermosas historias
nunha lingua
que non lembraba ninguén.


Contan os vellos
que estaba triste por non
facerse entender, e que por
mor disto fuxiu río arriba
buscando morrer.

Que foi dela?  ...
 


Agora, cómpre ler o texto de Miguel Ángel Alonso Diz, para comprender os desexos deste proxecto compartido con Luz Beloso.




Observo as fotos, os cadros, os debuxos, os libros;  respiro o latexar do tempo pasado, da música, da poesía. Sinto que estou na casa dun poeta e pecho os ollos coa intención de fixar este intre na miña alma.
Ergo as xanelas despois duns segundos e comprobo que segue aí, sentado ao meu carón. Supoño que é normal,  xa que estou na súa casa.
Comezo a falar…

Por que escribir para @s nen@s?
María do Carme Kruckemberg apareceu na miña vida hai 6 anos e lembro, coma se fose  hoxe, a reprimenda que me botou ao ler uns poemas que lle entregara. En realidade foron dúas: por escrito, que gardo con agarimo, e posteriormente outra en persoa.
Eu volvera á vida había uns meses e comezaba a dar os meus primeiros pasos baixo unha luz que fería os meus ollos, tan acostumados á escuridade da morte.
Lembro os seus consellos: "tes que atopar a túa propia voz".
Tardou anos en unir a palabra poeta e o meu nome nunha mesma frase e fixo que aprendese a valorar o oficio da escrita. Todo o seu peso e a súa dificultade.
"Escolle as palabras máis bonitas e cóntalle historias a túa filla". 

E iso fixen e sigo facendo até o día de hoxe. Polo que podo dicir que ela foi fundamental nesa escolla, indubidablemente relacionada co feito de ter unha filla no ano 2009. Xa que isto xerou a necesidade de comunicarme con ela, de crear para ela, de buscar o xeito de facerlle chegar ensinanzas que eu consideraba importantes, e de facelo no noso idioma.
Non consideraba que isto tivese ningunha connotación especial nin que fose  un acto de heroísmo, resistencia, nin compromiso.  Para min era o natural. Logo a realidade demostrou ter outra face.
Hai tamén moito de análise da realidade lingüística e social actual da nosa terra na miña escolla. Asumín o compromiso de crear historias, xa fosen  poemas ou relatos, que tivesen todas elas  alma. Non quería, nin quero, caer no estético ou no xogo. Desexaba e desexo incidir na realidade social e axudar a cambiala.
E pensei:  que mellor que dirixirme aos/ás  pequen@s. Traballar con eles, crear para eles. Pensar nese 95 % de galeg@s que medran co galego como unha lingua estranxeira.
Chegado a este punto xa non pensaba só na miña filla, senón n@s fill@s de Galicia.
Escribín algúns poemas e ensineillos ao meu querido compañeiro e amigo Alfonso Láuzara.
“Tes que publicalos, son moi bos” – dixo el decidido.
E despois de falalo xunto a Alberte, decidimos apostar por eles e incluílos nunha iniciativa que puxeramos en marcha dentro de A Porta Verde do Sétimo Andar; os cadernos Q de Vian.
Falamos de Verkami e, unha vez aceptada como unha posibilidade real, comezamos a busca de ilustrador@s. Enviáronme nomes e contactos, pero eu lembreime dunha persoa da que oíra falar na homenaxe feita a Lois Pereiro en Moaña. Unha monfortina chamada Luz Beloso.
Neste vídeo podedes ver como falamos do noso encontro nun intento de achegar a tod@s como foi a nosa experiencia persoal ao redor do Cullarapo.


Só direi aquí que, ademais do enorme talento creativo, artístico, plástico, máxico que ten no seu interior, é unha das mellores persoas que teño atopado neste camiñar meu polo mundo. Dende o inicio, a química entre ambos foi inmediata. Compartimos a mesma visión sobre moitas cousas, e é frecuente estar ás dúas ou tres da mañá falando con ela sobre proxectos, comúns ou non.
Eu declárome Belosiano.
A experiencia ao redor de O cullarapo Croque foi, e segue sendo,  marabillosamente realizadora. Aprendín moito do contacto c@s pequen@s, cos docentes, cos libreiros, cos bibliotecarios e con moitos pais e nais.
Realicei actividades en numerosos centros educativos, bibliotecas… xa que esa era a finalidade do noso Cullarapo. Vivir e medrar nos colexios e bibliotecas xunto aos/ás pequen@s.
Un dos aspectos que tiven en conta foi precisamente o xeito de achegar os valores que latexan no libro aos rapaces e rapazas. Contei coa axuda de amigas como María Francelina, procedente do mundo do teatro, e de Jesús Andrés Tejada e Cecilia Martínez do mundo da música. Achegas todas elas froito da maior das xenerosidades.
Sen esquecerme de Mila Da Aira que arranxou as faltas dos meus textos.

Mencionarei aquí a unha persoa da que nunca falei antes, por non querer empregar o seu nome de ningún xeito durante a promoción do libro en Verkami e a súa posterior distribución e chegada ás librarías.
Xosé Neira Vilas.
El tivo a amabilidade de escribir o limiar de O cullarapo Croque, ademais de aconsellarme algún pequeno cambio nalgún dos versos. Lembro que chorei as primeiras veces que lin o limiar, e sempre lle estarei agradecido por esta mostra de xenerosidade. Ten a humildade dos grandes e iso é algo que non é moi común.
Teño claro que a altura artística dunha persoa non se mide só pola voz da súa obra, senón pola súa propia voz unida a esta. E isto diferencia os bos, dos GRANDES. Exemplos de compromiso e coherencia. Persoas que marcan o camiño que vou seguir.
Un ano despois nace do mesmo xeito A NENA Á QUE NON DEIXABAN SER FELIZ.
Neste caso trátase dun relato dirixido aos primeiros lectores. A Luz e a min, seduciunos esta historia que supuña un cambio de rexistro en todos os aspectos, pero sen perder a idea de facerlles chegar aos rapaces e rapazas historias dun alto contido.
Nosoutros pensamos que hai que crear de forma creativa, e atopar no propio proceso un estímulo para seguir medrando como persoas e como creadores.
O proceso foi moi similar ao seguido no cullarapo Croque.  No noso caso non se trata dunha persoa á que lle entregan un texto para que faga un número determinado de ilustracións, sen ningunha ou escasa interacción entre a parte escrita e a ilustrada.
Nosoutros falamos, discutimos, latexamos @s nos@s fill@s entre os dous. Quizais por iso o resultado final é algo diferente, especial. Aínda que isto é a opinión dun pai, pouco ou nada obxectiva.
Neste caso quixen realizar un vídeo sobre o proceso físico máis que persoal de creación do libro para achegar esta realidade @s nen@. E digo quixen, porque Luz non sabía que estaba gravando nas instalacións de Nova Galicia. Logo, de feito, desculpou a miña loucura.


Debo darlles as grazas a C.A. Gráfica e á editorial Nova Galicia Edicións por permitirme gravar.
Xa que menciono a editorial, direi que lle estamos agradecidos por realizar a reedición de O cullarapo Croque. Tamén agradecemos a súa sensibilidade ao respectar a existencia dunha próxima edición dixital con pictogramas destinada aos nen@s con autismo que será de balde, e entender a nosa negativa a publicar en castelán para Galicia.
O resto da historia está por escribir… E iso encántanos.



Ilustración de Luz Beloso para "O cullarapo Croque"