Páginas

domingo, 12 de mayo de 2013

150 ANOS DE CANTARES GALLEGOS



Edición de Anxo Angueira

 Este ano, concretamente o día 17 de maio, cúmprense os 150 anos da aparición dun libro esencial nas letras do noso país: Cantares gallegos de Rosalía de Castro.
Esta obra, con prólogo da propia Rosalía, ten unha dedicatoria  a Cecilia Böhl de Faber, autora andaluza  xa consagrada que firmaba  os seus libros como “Fernán Caballero”, e leva a data do 17 de maio de 1863.
A dedicatoria di así:

 Señora:
          Por ser mujer y autora de unas novelas hacia las cuales siento la más profunda simpatía, dedico a usted este pequeño libro. Sirva él para demostrar a la autora de La Gaviota Y DE Clemencia el grande aprecio que le profeso, entre otras cosas, por haberse apartado algún tanto, en las cortas páginas en que se ocupó de Galicia, de las vulgares preocupaciones con que se pretende manchar mi país.  

                                                                                                  ROSALÍA CASTRO DE MURGUÍA
                                                                                                                   
                                                                                                      Santiago, 17 de mayo de 1863
  
O libro editouse en Vigo, na imprenta de Juan Compañel, na rúa Real e saíu en 1863.
Tivo dúas edicións na vida da autora ( a 2ª, en 1872) e foi loada pola crítica cando saíu do prelo.
Rosalía basea este poemario na glosa de cantares populares, refráns, ditos…, ou sexa, parte do folclore ao que tan apegada está.  Nos seus poemas trata cun grande agarimo a xente do pobo, sabedora do enorme tesouro lingüístico que posúe, malia as pésimas condicións de vida.
Neste libro, Rosalía ten como obxectivo impulsar e reivindicar a lingua galega e a dignidade das persoas do rural de Galicia, tan maltratadas fóra.  Por iso fai un emprego literario da lingua que se fala na terra, nunha loita por combater o desprestixio que tiña máis alá do país. Cantares gallegos supón a arma da palabra impresa nesa dirección, porque a Rosalía lle doía moito Galicia .

Nos poemas do libro, mozos e mozas monologan con relación ao amor. Tamén hai diálogos amorosos, poemas satíricos, costumistas, sociais, que dan ao poemario un carácter de conciencia cívica.  A emigración e o menosprezo aos galegos que saen da terra están moi presentes nesta obra. Só hai que recordar ese Adiós, ríos, adiós fontes  ou a muller que chora por Galicia estando lonxe e di Airiños, airiños aires.
Un poemario vivo, cuxo galego está influído polo castelán. Unha linguaxe que a autora recolle da terra gris de Galicia. Non é unha lingua depurada, pero como di Ricardo Carballo Calero: “ É a lingua, tomada directamente do pobo, con todas as súas vacilacións fonéticas, morfolóxicas, sintácticas e léxicas. Escribe as glosas dos cantares na mesma lingua na que  estes estaban compostos. Limítase a recoller o galego falado.”
Con relación á métrica, Carballo Calero e Aurora Marco afirman que “utiliza formas de orixe popular tradicional, como a muiñeira, os romances de arte menor, as triadas e as seguidillas. Pero tamén emprega formas tomadas da literatura culta: espinelas, septinas, quintillas, cuartetas e redondillas. Como verso de arte maior emprega o endecasílabo, en octavas reales”.

Nun estudo ben interesante realizado por Xavier Rodríguez Baixeras, este fai fincapé en determinados factores poéticos e salienta, entre outros, os seguintes:
-         
A familiaridade da autora coa canción popular, tanto na música coma na letra.
-          O auxe, durante o Romantismo, das culturas populares e locais e, por conseguinte, a reivindicación  romántica da poesía tradicional.
-          O especial desenvolvemento da balada en España, procedente da Europa de finais do XVIII e  que confluíu na Península coas imitacións do Romanceiro tradicional. O resultado foi  “unha composición breve, de carácter lírico-narrativo, con diálogos ou outros elementos dramáticos e xeralmente escrita en estrofas regulares de rima consoante ou ben en forma de romance”.
-          O descubrimento d´O cantar de Antón dos Cantares, isto é, de Antonio Trueba, consistente nunha narración, que será a balada, como eco dun cantar. Ás veces, o elemento narrativo ten un carácter lírico, e o cantar popular, na súa totalidade ou en parte, vai insertado nel como se se tratase dunha única composición. (Cantares Gallegos. Rosalía de Castro. Ed.  de Xavier R. Baixeras. Biblioteca das Letras Galegas. Ed. Xerais de Galicia. 2012. 12ª edición)


Acaba de aparecer, hai unhas semanas, unha nova edición, tamén editada por Edicións Xerais de Galicia (Xerais Clásicos. 2013), cun estudo, notas,  comentarios e edición de Anxo Angueira. Un magnífico  traballo que apunta novas olladas sobre estes poemas tan importantes. E Angueira sabe do que fala. Como este texto meu non deixa de ser un pequeno achegamento a Cantares gallegos para celebrar a súa aparición, vou salientar o que Anxo Angueira escribe, tras afirmar que a obra de Rosalía e Cantares gallegos, dende logo, non nacen sen tradición.
Na páxina 15 do libro, escribe: “ No contexto de Cantares gallegos,en todo o proceso anterior e posterior á súa publicación, momento que marca o denominado Rexurdimento, ou como lle chama  Carré Aldao, a nova fase, ten unha incidencia extraordinaria a figura, o pensamento e as opinións de Manuel Murguía. Murguía era perfectamente consciente da necesidade dunha literatura nacional, literatura á forza escrita na lingua galega. E aínda que el pouco contribuíu no labor creativo, si tivo unha importancia extraordinaria na modelización desas primeiras décadas (do cincuenta ó oitenta) en que a emerxencia da literatura galega se fixo máis patente.” Interesantes estas liñas. A figura de Murguía , ás veces tan pouco clarificada, aparece  aquí como base fundamental da contorna que rodeaba o nacemento desta literatura tan necesaria e esencial para Galicia.


Ben, non se trata de afondar. Para iso están os excelentes estudos xa comentados e algúns outros.
Quedemos cos versos universais de Rosalía; co carácter transgresor da súa obra.
Quedemos con  esa decisión consciente de escribir en galego dun xeito literario; a Rosalía doíanlle moito os cualificativos de lingua ordinaria, inculta, groseira… cos que se referían ao noso idioma.
Rosalía denuncia, denuncia, denuncia…
Rosalía asume o seu compromiso coa lingua e coa sociedade rural galegas.
Rosalía considera o galego un idioma doce e harmónico.
Rosalía convértese en pioneira da nosa historia literaria contemporánea, sen discusión.
Rosalía evoca a melancolía, a morte dos seres queridos, recordos da súa infancia dun xeito lírico e intimista.
E Rosalía, a miúdo, estivo preto de persoas con ideas progresistas, na procura de novos horizontes favorables para Galicia, algo que influíu na súa maneira de ver as cousas.



Non é de estrañar, pois, que a Academia Galega da Lingua tomase como evento para crear o Día das Letras Galegas, a aparición dun libro, Cantares gallegos, porque representa o primeiro e gran paso cualitativo cara á madurez poética do noso pobo.


Leamos algunhas estrofas.
 
            
              21


Non che digo nada…
     Pero vaia!

                
               I


Pasan naquesta vida
cousiñas tan estrañas,
tan raros feitos vense
neste mundo de trampa;
tantos milagres vellos,
tan novas insinanzas,
con nome de ensaladas,
que non che digo nada…
       Pero vaia!



Meniña ben vestida,
meniña ben calzada,
que ten roupa de cote,
que ten roupa de garda;
meniña que ben folga,
meniña que anda maja,
i é probe, malpecado,
como unha triste araña.
Non che digo nada…
       Pero vaia!

 

Véxote aló entre os millos,
véxote aló nas brañas,
xa no pinar espeso,
xa na beiriña mansa
do río que correndo
vai antre as verdes canas,
e xuras que estás soia,
que nadie te acompaña…
 Non che digo nada…
      Pero vaia!  
        (…)


                                                                                                    









De Cantares gallegos





                                                                                               ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO