Páginas

sábado, 13 de abril de 2013

Rosalía de Castro e "Negra sombra" en Tennessee

O pasado mércores, día 10 de abril, tivo lugar na Universidade de Tennessee, na pequena vila de Martin, onde a miña muller, Erin, e mais eu somos profesores, un recital poético titulado "Literature around the World". Este recital celébrase anualmente no Writing Center da nosa universidade e, como o seu propio nome indica, busca achegar diferentes tradicións literarias aos estudantes. Diversos alumnos de intercambio, procedentes de varios países, xunto a profesores de diversas nacionalidades, escollen un poema para leren, primeiro na súa lingua materna e despois nunha tradución ao inglés.


A directora do Writing Center, Anna Clark, púxose en contacto comigo este ano e pediume que participase. Eu díxenlle que estaría encantado de facelo se me permitía ler un poema en galego, unha idea que a ela lle pareceu excelente. Polo tanto, decidín escoller un dos textos de Rosalía que máis me gustan, esa "Negra sombra" que asombra a voz poética, que ao mesmo tempo a inqueda e a atrae. Un poema que fala, se cadra, do noso fado, ou quizais desa parte de nós mesmos da que non nos é posíbel escapar. Un dos poemas que máis me emocionan entre os moitos que compoñen Follas novas, un poemario publicado en 1880, pero escrito principalmente entre 1869 e 1870.

Aproveitei o acto para falar un pouco da diversidade lingüística de España—algo do que non son conscientes aquí a meirande parte dos estudantes—, da historia do galego e tamén da figura ineludíbel de Rosalía, da súa presenza icónica na literatura galega, da súa fixación co destino e a saudade pola terra natal, do seu feminismo avant la lettre, da súa melancolía romántica inspirada pola súa propia traxectoria vital moitas veces amargurada e de tantas outras cousas. Despois, lin "Negra sombra", primeiro na versión orixinal galega, seguida dunha tradución ao inglés que eu mesmo fixen para a ocasión e que podedes ler aquí deseguido:

NEGRA SOMBRA

Cando penso que te fuche,
negra sombra que m'asombras,                    
ó pé dos meus cabezales
tornas facéndome mofa.

Cando maxino qu'es ida,
no mesmo sol te m'amostras,
i eres a estrela que brila,
i eres o vento que zoa.

Si cantan, es ti que cantas;
si choran, es ti que choras,
i es o marmurio do río
i es a noite i es a aurora.

En todo estás e ti es todo,
pra min i en min mesma moras.
Nin m'abandonarás nunca,
sombra que sempre m'asombras.



BLACK SHADOW (Translation by Anton Garcia-Fernandez)

When I think that you are gone,
Black shadow, you who always astound me,
Right to my bedside
You return to taunt me.

When I imagine that you have left,
You appear even in the sun,
And you are the star that shines,
And you are the wind that blows.

If someone sings, you are the one who sings;
If they weep, you are the one who weeps,
And you are the babbling brook
And you are the dusk, and you are the dawn.

You are in everything, and you are all,
You live for me and within me,
And you shall never leave me,
Black shadow, you who always astound me.


Así mesmo, distribuín tamén un díptico co texto de “Negra sombra” en galego e en inglés, para que os máis de sesenta estudantes e profesores que se deron cita no Writing Center para asistir ao recital puidesen seguir a miña lectura e visualizar a ortografía do orixinal galego. Co obxecto de amosar o lugar senlleiro que ocupa Rosalía na historia da literatura galega e española, ilustrei o díptico con algunhas fotografías da autora, así como coa imaxe dun selo e dun billete de 500 das antigas pesetas coa súa efixie, e por suposto, coa cuberta dese magnífico álbum de mediados dos anos setenta, no que Amancio Prada puxo música a varios dos poemas de Rosalía. Tras a miña lectura das dúas versións de “Negra sombra”, lembrei de súpeto que o poema fora musicado polo compositor lugués Xoán Montes Capón, un fermoso e melancólico alalá que sempre me ten gustado moito, especialmente dende que o escoitei na voz de Luz Casal nese excelente disco de Carlos Núñez que se titula A irmandade das estrelas. Polo tanto, decidín, sen pensalo dúas veces, rematar a miña participación no recital, interpretando a cappella as dúas primeiras estrofas do poema, algo que sorprendeu e gustou moito a todos os asistentes.



Ademais do galego, escoitáronse neste curioso e emotivo recital outras linguas, entre as que se contan o alemán, o chinés, o xaponés, o indonesio, o francés e o coreano. Todos aqueles que me coñecen saben da miña paixón polas linguas, non só por estudalas, senón tamén simplemente por escoitalas, por gozar da súa musicalidade, do seu ton, das súas inflexións. Pouco importa comprender o que o falante di, porque na miña opinión e na dos meus oídos, todas as linguas do mundo teñen a capacidade case máxica de convertiren as palabras e os sons en poesía, independentemente do significado desas verbas. E, mentres escoitaba os diversos sons das palabras poéticas escritas e pronunciadas en linguas que xamais chegarei a falar, sentín que algo (a poesía) me unía a aquelas persoas vindas a Tennessee dende puntos afastados do planeta. E sentín o sorriso nos meus beizos e tamén nos de todos os alumnos e profesores que enchían o Centro de Escritura da University of Tennessee at Martin.

ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ