Páginas

jueves, 11 de abril de 2013

COMO ME ACHEGUEI AO GALEGO E ALGÚNS DOS MEUS POEMAS.



Que duro resulta que te eduquen en castelán contra o galego! Que inxusto que che agochen a historia do teu país, como se non houbese historia!
Que tristura que saibas dos poetas do Rexurdimento sen que ninguén cho explicase antes! Que os coñeceses só de nome!
Que desilusión ao descubrir que houbo varios séculos cunha lingua na que non se podía escribir!
Que marabilla que o pobo falase e conseguise que non desaparecese!
Pois ben, eu fun educado en contra do galego. “É unha lingua de pailáns”, dicían na miña casa. “Mamá,” dicía meu pai dirixíndose á miña avoa, cando se lle escapaba disque. “ no hable como los badocos”. E á miña avoa escapábaselle o célebre disque que a min me chamaba a atención. E outras expresións, afogadas pola imposición do castelán, coábanse nas súas conversas baixo a presión do meu pai. Agora que o penso, sinto que a pobre muller se sentía cohibida cando o seu fillo estaba diante.
Cando a miña revolución interna se produciu, sentín noxo e moita rabia ao reciclar tanto desprezo amosado perante unha lingua tan nosa. Os primeiros textos que eu lin en galego foron: un de poesía Os soños na gaiola, naquela primitiva edición de Edicións Celta e outro de narrativa que, como o anterior, levei á escola, Memorias dun neno labrego editado por Ediciós do Castro.
Liamos fragmentos da novela de Neira Vilas na clase de oitavo de E.X.B. Recitabamos os poemas de Manuel María, os nenos e nenas debuxaban, copiaban os versos e completaban poemas aos que eu lles borraba dous, tres ou catro versos finais. Eramos uns illotes no inmenso océano da lingua galega.

Aí empezou o meu primeiro compromiso co galego.
Aí comecei eu a falar. A eles, curiosamente, lles custaba moito, tiñan vergoña, malia ter todos aldea e falar un castelán galeguizado. Foi unha dura batalla para que se soltasen. Coido que nunca o conseguín plenamente, pero comprobei que lles gustaba a clase de galego. Intentaba eu que fose unha clase amena para cambiarlles  a súa mentalidade. Nos seus fogares escoitaban os pais e avós expresarse na nosa lingua mais eles non eran quen de facelo.
E foron os poemas de Rosalía de Castro, de Celso Emilio Ferreiro e de Luís Pimentel os que foron sostendo o meu compromiso inicial. A lectura da obra de Cunqueiro foi un feito definitivo para decatarme da importancia da literatura galega. Despois viñeron outros como Carlos Casares, Manuel Antonio, Méndez Ferrín, Ánxel Fole (como me gusta o seu libro “Á lus do candil”), Blanco Amor, Castelao, etc. A miña inmersión na lingua e na literatura galegas foi total. Non concibía o meu mundo sen esa necesidade de seguir lendo,falando e levando o galego ás aulas. Antes tiña que perfeccionalo eu.
Na casa, unha desfeita, Ese idioma ridiculizado era asumido agora polo fillo maior. Ese que debía ser avogado e quedaba, simplemente, nun “maestrillo de mierda” que, aínda por riba, falaba e escribía en galego. Así, e por outras causas, comezaron os conflitos co meu pai (miña nai morrera cando eu tiña nove anos) un día si e outro, tamén. Meu pai non soportaba que o seu fillo rachara o esquema que tiña pensado para el.
Non baxei a garda endexamais. Pero, malia as invectivas, meu pai queríame e foi aceptando de non moi boa gana as miñas decisións. Custoume suor e bágoas. Sangue, evidentemente, non. Porén, ese “maestrillo de mierda” seguía doéndome moito. Era moi inxusto. Houbo desgustos porque “los libros te volvieron loco, hijo mío, como a don Quijote”. Que barbaridade! Eu sufría, respondía, berraba. As discusións aparecían en calquera intre. Non cesaban.Foi ben duro para min.
E así comezou a desenvolverse a miña historia. Non habería marcha atrás.
Había unha hora en 3º de Primaria que non quería coller ninguén. Eu brindeime a impartir galego nesa clase. Acostumado a dar clase aos alumnos maiores (era titor de 8º), quixen probar a receptividade dos pequenos. Que fermosa experiencia! Eu tiña claro que ía ser unha clase diferente. Liamos a Manuel María, algúns poemas de Helena Villar/Xesús Rábade e pouco máis. Os nenos e as nenas debuxaban, pintaban, recreaban versos, cantaban. Tamén os introducín na literatura de tradición oral.
Voaban as adiviñas, cantaban, collidos da man, cantigas de rolda na aula arredor das mesas, trabucábanse cos trabalinguas e ficaban pampos cando eu lles lía algún conto popular.
Andaba eu xa metido na literatura tradicional, porque sentía a necesidade de escribir para o meu alumnado. Os textos que había eran poucos. Eu coidaba que algo podería aportar. Para iso, procurei a miña base nesa literatura fresca e viva que se vai transmitindo de xeración en xeración como ocorre en todas as culturas. Veume de marabilla. Foi o meu primeiro contacto con mostras de literatura que aos nenos lles gustaban. E moito, ademais.
O milagre produciuse un día. Estaban os rapaces facendo unha ilustración a un poema de Os soños na gaiola. Eu, sentado na mesa escribindo palabras e algún verso. E case sen pensalo, houbo algo que me empurrou a coller o xiz, erguerme e principiar a escribir no encerado un poema, cuxos primeiros versos levaban na miña cabeza dende quince minutos antes.
E fun escribindo ata completar este poema:
                       
                       Tres pombas chegaron cansas,

                        tristeiras preto dun neno.

                        O neno deulles un beixo;

                        as pombas non se moveron.

                        O neno con aloumiños

                         deixounas case no ceo.

                         O neno de brancas mans

                         as pombas non esqueceron.

    

Cando rematei, parecía que estaba tremendo interiormente. Díxenlles aos nenos que copiasen o poema. Eu tamén o fixen. Era a miña primeira mostra literaria en galego para os cativos. Todos copiaron os versos. Puxéronlles debuxos ao seu redor, intentaban cantar e fixeron nas súas casas paxaras de papel (algo que eu non sabía nin sei facer) e trouxéronas á clase á semana seguinte. Unha verdadeira festa.
Este foi o primeiro poema para rapaces que escribín na miña vida. É moi difícil de explicar pero pasou. Logo, incluiríao no meu libro Nenos (Ed. Galaxia. Col. Tartaruga)

A poesía gustaba aos nenos e nenas. Aos adultos, non.
Dende ese intre sabía que non ía deixar de escribir poemas para os rapaces e rapazas. Foi un claro aviso. E así leva ocorrendo ata agora mesmo.
Que gran descubrimento fixen nesa hora que ninguén quería!
E dende aquela, meus queridos amigos, sigo no meu compromiso con eles/as. Os nenos non poden formarse de costas á poesía. Sería un erro imperdoable se así fose. Os mediadores e mediadoras teñen que ser conscientes diso. Eu non vou deixar de insistir na necesidade de contaxiar o entusiasmo do mediador aos seus alumnos. Se un non é consciente diso; se un o fai sen convicción non acadaremos resultados. É un compromiso común que debemos asumir docentes, bibliotecarios/as, pais e nais, administracións, etc.
Aos nenos, repítoo, gústalles a poesía.
E agora vou poñer uns poemas meus en galego como agasallo e recoñecemento a esas persoas, que as hai, que levan ben tempo convencidas do que estou a afirmar.


VANSE

Vanse
Vanse
as andoriñas
Voan
Voan
sen parar
Na procura
outras terras
máis aló
aló do mar
Todas xuntas
pequechiñas
Todas xuntas
e da man
sucan ceos
de colores
Andoriñas
           de
               cristal.



GAMELAS

Gamelas durmidas
no berce das ondas,
arrolos de vello
nun manto de noiva.

Gamelas durmidas
á beira das rochas
por non espertalas
o vento non zoa.

Gamelas durmidas
na luz das raiolas
por non amolalas
as nubes non choran.

Gamelas durmidas
nun leito de louza,
lunares de escuma
pintados na sombra.



VENTO, VENTIÑO

Vento, ventiño,
que vés do Norte,
sabes de todo.
Tes moita sorte.

Vento, ventiño,
que vés do Norte,
voas ben alto
voas ben lonxe.

Vento, ventiño,
que vés do Norte
na nosa terra
berran moi forte.

Vento, ventiño,
que vés do norte,
durme comigo,
fíxose noite.

Vento, ventiño,
que vés do Norte,
dános un beixo
cálido e doce.


 
A CHOIVA PEITEA

A choiva peitea
      as ondas do mar
        con peites de escuma
        e bicos de sal
        e pousa os orballos
                    na face do mar.



PASPALLÁS

Paspallás
      Pallas pas
      Pas adiante
      Pas atrás
Llas pas pas
      Pallas pas
      Pallas colles
      Pallas dás
Paspas llas
      Llas llas pas
      Llas ti vés
      Llas ti vas
Paspallás
      Llas llas pas
      Pelagatos
      Pela-ras.




TOMA ESTA CHAVE

Toma esta chave.
Abre os meus beizos
pero non raches
o meu silencio.
Abre os meus labios,
tes moito tempo.
Ti ben coñeces
a voz do vento.
Faino con calma.
Faino con xeito.
Quero vivir
nun beixo eterno.

ARPA

Unha man
bica a arpa
na procura
dunhas notas
delicadas
que me encantan.
Arpa azul
cordas brancas
tremen tolas
soben   baixan.
Cala o vento
na distancia
sobe a man
a man baixa
medran notas
delicadas
que me encantan
que me encantan.



TRAS LER UN POEMA DE LUZ POZO GARZA

Voz sen verbas:
silencio.
Mar sen auga:
deserto.
Sol sen raios:
misterio.
Luz sen brillo:
coitelo.
Man sen man:
un berro.
Dor sen laios:
o tempo.
Eu sen ti:
Inferno.



QUIXEN
 
Quixen
           inventarte
para non
            cruzar
a raia
que separa
  a soidade
   da loucura
e, cando me decatei,
       inventárasme
                       ti  a  min.



 


Que gocedes coa palabra poética.
            E como afirma Jacqueline HELD : “O neno será receptivo á lingua poética na medida en que sinta e viva a linguaxe coma un motivo  con vitalidade propia e non como un conxunto de estruturas preexistentes e invariables: en definitiva, na medida en que teña liberdade fronte ás palabras”.
E remato coa afirmación do meu amigo e admirado Gabriel JANER MANILA que nos di"que nas culturas tradicionais foi absolutamente normal utilizar a lingua coma instrumento de xogo, de diversión e de pracer”.

                                                                  





                                                                                  ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO