MARÍA LADO
(Cee, 1979)
PAXAROS E MACEIRAS
da mesma maneira en que os paxaros
seducen as maceiras
é dicir, esforzándose en acrobacias
insinuando as caricias que saben
facer
coa punta das ás, despregándoas moito
e da mesma maneira en que as maceiras
cortexan os paxaros, tremendo
levemente
cobizando a estrema das follas
milésimas do roce dos animais en voo,
ofrecéndolles, en brazos acolledores,
apous
desa maneira, é dicir, bicando a
froita
sen descolgala tan sequera dos beizos
da árbore
só tomando o bocado xusto, o máis
gorentoso
dese modo, nos amamos.
desa maneira en que se manteñen
firmes as maceiras
botando raíces na intención
esa en que os paxaros
beliscan a froita
pero nunca chegan a comela por
completo.
O INEXPERTO
que ben sabes, amor novo,
os teus bicos son mazás do inverno,
nacidas para gardar entre a roupa
á calor da lencería
debaixo da saia
e eu devezo
por levar o teu arrecendo nas
costuras
(Do libro Amantes,
editado por Caldeirón. 2011)