Páginas

miércoles, 10 de abril de 2013

ESCAPARATE POÉTICO (III) Medos Romero






MEDOS ROMERO   (As Pontes, 1959)


NADA NOS PERTENCE…

Nada nos pertence. Abandonamos
a profundidade das horas, o alcance de toda a redondez
e as súas beiradas. Unha chaira gris e cincenta segue a ser
o territorio e a súa estirpe. Sobre
terra firme inzou a maleza
da quietude, aquí, no oco deste
corazón asolagado de silencio.
Ollamos a vertixe brutal, o seu último latexo,
o cráter e a súa boca inmensa desafiando o ceo
e o horizonte. Toda tarefa ha de ser inútil.
Orfos da casa matriz e primixenia, sen remedio
admitimos o despece da cova, con todo o seu letal
derrubamento.



ESA É A DESORDE…

Esa é a desorde das grandes ganancias,
a desorde das desgrazas
que van penetrando moi sixilosamente de novo.
Pregúntome: que foi de todos nós?
Mágoa que nin sequera cavilemos
que foi e que ha de ser de todos nós.
                                      

        (Do libro A ansia do lóstrego, editado por Follas novas.2012)