Páginas

viernes, 22 de marzo de 2013

A luz das palabras (19): Xabier P. DoCampo



Xabier P. DoCampo. 2013
Xabier P. DoCampo ten un corazón grande, moi grande que, ás veces disimula, cando afirma cousas que doen. E doen porque dá na diana cos seus dardos. Claro que, coma calquera persoa deste mundo, non sempre acerta, pero é tan xeneroso que sabe desculparse. Xabier, o meu amigo, é un ser sensible e comprometido co mundo. Tras esa apariencia algo brusca, que pode asustar os que non o coñecen, Xabier ten un corazón enorme, onde vivimos os que nos consideramos próximos a el e o queremos. Home inquieto, intelixente, crítico co con aquilo que considera inxusto, abre os brazos con agarimo ás persoas que precisan do seu ánimo.
Para min, cando comezaba neste mundo da escrita, sempre tivo palabras eloxiosas cara á miña poesía e animábame, ademais, a escribir en prosa. Canto lle agradecín esas palabras!
Xabier contaxia. Xabier é unha das persoas máis simpáticas, irónicas e enxeñosas que coñezo. É un gran conversador que, dicindo cousas moi serias (ou non tan serias, se cadra) fai que chores coa risa. Cando deixas de rir, pensas no que dixo e reflexionas sobre o seu discurso.
Hai unhas semanas quixo estar comigo, despois de enviarme correos cheos de afecto, e estivemos con Agustín, co quen xantou, nunha cafetaría falando, desta volta, principalmente de cinema. Porque Xabier ten o seu libro A casa da luz, en filme. Que ben! Pero o malo é que non está distribuída. Vaia desperdicio!  Agora, anda mergullado noutro proxecto cinematográfico que é do máis interesante. Agustín e mais eu escachamos coa risa escoitando algunhas anécdotas de Xabier. Eu agradecinllo profundamente, pois había ben tempo que non ría tanto. Coa súa voz tan peculiar, os seus acenos e a cara de pillabán que pon, Xabier mete no peto a xente. Quero moito a Xabier. Non di nunca nada por dicir. E Xabier, para quen non o saiba, quere moito os demais. Este chairego, nado en Rábade (Lugo) e que fixo maxisterio  n´A Coruña, leva sobre as súas costas unha morea de proxectos dignos de admiración. Traballou en varias escolas e en Preescolar na casa. Pertenceu aos Movementos de Renovación Pedagóxica. Estivo no Consello de Redacción da Revista Galega de Educación. Deu cursos, conferencias, obradoiros e fixo ponencias ben importantes sobre a lectura e a súa implicación nos medios escolar e social. Todo isto levouno a percorrer Galicia, España e, mesmo a predicar, como lle gusta dicir a el, en América. Guionista en RNE, escribiu obras para vídeo e televisión. Formou parte da directiva que constituíu GÁLIX, asociación da que foi presidente durante dous anos.
"Confesando" a Susi. Ribeira Sacra. Camiñantes. 2009

Foi galardoado en bastantes ocasións, das que eu destacaría: dúas veces o White Ravens da Biblioteca de Munich, a Lista de Honra do IBBY e, por suposto, o merecidísimo Premio Nacional de LIX, polo seu magnífico Cando petan na porta pola noite, no ano 1995, que foi publicado por Ed. Xerais, na colección Merlín, e hoxe figura na colección Fóra de Xogo, da mesma editorial.
Xabier P. DoCampo é un gran narrador oral e, iso, convérteo nun gran escritor de narrativa.  O segredo está en que sabe equilibrar ambas facetas e darlles aos seus libros unha intensidade especial, ademais dunha calidade e dunha frescura fóra de calquera dúbida. Resulta fascinante perderse entre as súas páxinas. Aínda lembro o primeiro libro que lin del: O misterio das badaladas (Vía Láctea). Resultoume apaixonante. Foi unha auténtica descuberta. Hoxe, por fortuna, esta magnífica obra está reeditada en Edicións Xerais de Galicia, na súa colección Merlín. Está a ter un éxito impresionante. O bo permanece sempre. O bo mantén a súa vixencia malia o paso dos anos.

Cando a colección Merlín tiña unha parte final chamada Cando o autor fala de si, Xabier escribiu no seu Cando petan…  moitas cousas ás que lles tiña medo. Eu collín algunhas para rematar esta introdución.

Xabier tíñalle medo, e seguro que segue a terllo, a:

A estar só cando non quere estar só.
A non morrer nunca.
A morrer pronto.
A os que quero que non me queiran.
A que non haxa  flores.
A que non haxa troitas nos ríos.
A non poder mirar as estrelas pola noite.
Ao mar (desde o mar).
A mirar un día para o ceo e non ver un paxaro.
Á guerra, aínda que non teña que ir.
Ás almas miserables.
Cando pasa moito tempo sen que ninguén pete na miña porta…


Grazas, Xabier, por seres como es. Grazas polo teu texto e pola consideración con Versos e aloumiños.  A túa luz, as túas palabras aluman moito máis este proxecto.
Leamos o que nos deixou con todo o seu agarimo.




Despois de ler un poema de Antonio García Teijeiro
Hai voces que nos cobren
Con Antonio. Homenaxe a Xavier Senín. 2012
e nos ensanchan.
Fan máis larga
a nosa alma
e máis longo
o camiño noso.
Vagaroso
camiño de verán,
de caxato e chapeu.
De fonda verba
e ollada ao chan.
De silencio e espreita.
De feliz espera.

Xabier P. DoCampo
No día de San Brais de 2013



Dedicatoria 1ª edición "Cando petan na porta pola noite".