Páginas

martes, 26 de febrero de 2013

CADERNO ÍNTIMO (III)



                                                        Páxina terceira

 



Que ninguén  me pregunte cal é a miña postura no mundo. Xa se ve, e con iso abonda. Iso si, hai uns días atravesei a Nada, que me abafa por momentos,  rumbo ao espazo vital e estético dun pintor que me engaiola. Unha desas persoas que se aferran a un pincel e pintan baixo a súa pel  para, despois, acender a lanterna dos seus sentimentos e alumar lenzos e lenzos para provocar sensacións a todos aqueles que senten o tremer das obras de arte. Fun no tren.  Sen música. Simplemente o ruído do ferrocarril avanzando entre paisaxes grises e verdes. Co mar á beira en certas ocasións. E deume por escribir un poema, deses que non enxordecen, para un neto dun amigo meu. Baixadas do aire, bicos de nubes  e tantas imaxes que me ía provocando o camiño de ferro que estaba a percorrer. Imaxes dedicadas a un neno.  Cústame escribir algo creativo. Déixame ben canso. Dicía que voaba en tren. Había moito tempo que non o facía. Ai! os trens, coas súas estacións encanastradas, reflexos fieis de idas e vindas, de soños sen cumprir, de alegrías desbordantes ou falsas, de enganos e desenganos, de apertas e bágoas. Apareceron lembranzas de todo tipo que vou gardar para min. Unicamente deixar constancia dunha viaxe marabillosa, xa distante no calendario, coa miña filla á capital disto que chamamos país. Leveina ver os lugares típicos e tópicos da cidade, monstro que devora soños e loucuras. Tiña unha representación entre teatral e poética no Retiro. Leveina comigo. Facíame moita ilusión. E atopamos un amigo galego, ilustrador recoñecido que nos acompañou ao Prado. Foinos destripando cadros, cunha mestría extraordinaria, pois non dispoñíamos de moito tempo. Foron dúas horas máxicas. Entre o amigo, Bob Dylan e os cadros de Goya ou Velázquez pagou a pena a viaxe. Eu fun feliz. Ela, tamén. Hoxe loita nesa cidade na procura dun traballo digno. Corren malos tempos, pero ela non claudica. Resiste. Bótoa de menos e faime soñar con flores distintas ás que vexo ao meu redor, cuns talos que golpean a terra que os sustentan.

Xulio G. Rivas e Alicia Alonso
Volvo á viaxe de hai uns días. Baixei do tren algo confuso. Mais logo me envolveu o incenso que flotaba nas catedrais da alma do pintor, que tanto me gusta. Na súa casa e no seu novo estudio. Neste negror que me afunde, sentín os seus ocres vivos, os seus azuis suaves, os seus amarelos que me recordan un sol que vivín noutrora , e os seus grises que me distancian, grazas ao seu enxeño, das caídas no chan. Os seus cadros penetran no meu corazón de vidro feito anacos e fan sentirme mellor. Semella que os xenerais de tantas guerras, case perdidas, esvaecen diante da arte de Xulio García Rivas. E acendín, coas sensacións que plasma co seu pincel no meu interior, un chisquiño  este meu mundo, demasiadas  veces poboado de parasitos que negrean a miña ollada.Esa ollada que ficou  serena diante da placidez das pinturas dun pintor amado. Serenos e felices os meus ollos porque os seus trazos e as súas cores anestesiaban dores vividas. Pinturas que eran quen de abrir certas fiestras normalmente pechadas por ameazas covardes.  O peor foi que os reloxos funcionaban con regularidade exasperante. E percibín que os seus efectos martelaban as miñas vivencias nidias entre sensacións pictóricas e sensacións afectivas. O roubo do pracer voltaba estar presente.  A., a muller amada polo pintor, pousaba o seu pulso de seda diante deses reloxos traidores. Por que non se detiñan? Marabillosa A., sempre de viaxe polos camiños do agarimo aloumiñando os demais. A tiranía do tempo deu por rematada a ledicia. De novo, a estación con trens que chegaban e saían en distintas direccións. O noso, un deles. Unha estación de ferrocarril. Uns corpos 
apreixados pola emoción.  A subida ao vagón, o número do asento e a xaneliña marcaban a fin dunha estadía case no ceo.  E o asubío do tren significaba o afastamento. Que lonxe comezaban a estar as pinceladas dun pintor inmenso.  Cubríamos  quilómetros de vías a través dun bosque escuro con árbores estrañas, sen pólas, sen paxaros, sen sangue. De novo, a Nada aí mesmo. De novo, de costas ao mundo. Menos mal que a calor da muller que me ama pon preto de min anacos pequenos de lúa e de aire.  Mais a sombra que me cega pinta de negro o meu ceo particular.

                                                                          O VELLO SOÑADOR