Páginas

miércoles, 30 de enero de 2013

A luz das palabras (9): An Alfaya

An Alfaya
En cada acto literario estaba ela. Se había unha presentación dun libro, alí estaba ela. Se era unha mesa redonda, víala sentada en silencio e atenta ao que dicían as persoas que interviñan. Se había un recital, ela non faltaba. Sempre con humildade. Sempre discreta. Non perdía detalle do que se dicía neses actos. Un día preguntei a alguén quen era esa moza que eu vía tan a miúdo e que semellaba tan interesada no que ocorría no mundo da LIX. Pouco sabían dela. Dixéronme que escribía e facía teatro. (Máis tarde souben que fora cofundadora do Teatro Averno de Vigo.) Un día vin na colección Merlín de Edicións Xerais de Galicia, un libro. Levaba por título, O caderno azul. Fixeime na fotografía e era ela. An Alfaya. Non lembro neste intre a primeira vez que falei con ela. Pero sei que, co paso do tempo, nos fixemos amigos. Eu non lera o seu caderno azul. Un día faloume da referencia que había nesta novela ao meu libro de contos, A chave dos soños. Sentinme fatal por non telo lido. Fíxeno e encantoume o detalle. Ás veces, An pode parecer distante. Non o é. An ten un certo grao de timidez, é moi sensible, é intelixente, ten personalidade e móvese polos sendeiros da literatura con naturalidade, grazas á calidade dos seus textos.

Con Antonio
An comezou a publicar  en 1995. Foi un libro de teatro, O maquinista Antón, cheo de humor e enxeño. Anos máis tarde, en 2009, a colección Merlín recuperou ese simpático libro. An gañou algúns premios importantes, aínda que eu non a valoro por iso. An é honesta coa súa literatura e iso é o principal. Eu non a valoro polos galardóns obtidos. Si, podo dicir que fun o primeiro (ou dos primeiros) que a felicitou cando acadou o Premio Merlín, no ano 1997, con Sireno, Sireno!, un libro de calidade pero moi esixente. Como debe ser. An escribe, tamén, para adultos e non lle vai nada mal. Para min, é das narradoras máis auténticas da literatura galega sen adxectivos.

E, como dixen antes, somos amigos. Temos certas coincidencias, ademais, no eido literario: a súa narrativa é intimista, valente; as súas palabras o ser humano para que aparezan os sentimentos máis agochados, para que as emocións saian á luz. E os seus lectores sénteno. Eses lectores e lectoras que, algunhas veces, terán que facer un esforzo literario, subir un banzo necesario para gozar da súa literatura. Síntome moi identificado coa súa maneira de escribir. Eu, cando escribo narrativa, véxome, ben veces, no espello do que An escribe. Intento facer unha narrativa nunha liña semellante. An ama, coma min, as novelas de personaxes. Personaxes interesantes os dela, ben construídos e que aguantan ben a narración. E teño que loar esas mulleres que crea, nas que resalta con sinxeleza, pero con consistencia, a súa dignidade e a súa loita por facérense visibles. Un encontra esas mulleres moi próximas como lector.  Xa o dixen  publicamente  cando tiven a honra de presentar a marabillosa obra, A sombra descalza (Premio Lazarillo de Literatura Xuvenil, 2005), que está na colección Fóra de Xogo de Xerais: eu sinto debilidade por An Alfaya. Téñolle un grande agarimo, porque se foi facendo escritora dando pasos moi ben medidos. Valoro o que fai e sempre me interesa o novo libro que publique. Non defrauda. Como exemplo, valla a última obra que lin da súa autoría: O aroma do liquidámbar. É fermoso. Fai reflexionar. An non elude temas difíciles e trátaos con delicadeza.
Podería seguir dicindo unha chea de cousas desta muller, fiel aos seus principios. Como, por exemplo, a brillantísima presentación que fixo do meu libro Bolboretas no papel. Pero non.

Con Luis Eduardo Aute
Simplemente quero compartir unha paixón que compartimos: Luis Eduardo Aute. Aínda lembro o rostro de felicidade cando lles fixen unha fotografía xuntos. Era unha espiña que eu tiña cravada. Aute é un cantante que nos emociona e con razón. Ten unhas cancións espléndidas e cada día que pasa compón e canta mellor. Que An Alfaya estea presente en Versos e aloumiños era de xustiza. E aquí nos deixou un texto que vén sendo unha visión persoal da vida en verso. Grazas, An, polo teu agarimo cos teus lectores e lectoras. Eu son un deles.






INVOCO Á PALABRA


Invoco á palabra sen adornos, ao verbo de mirada limpa
para que compareza na miña casa.
Dareille unha cunca de leite e pan con azucre,
para logo falar da vida e das súas impertinencias,
desatinos e contradicións.
Entregareille a chave para que abra as portas e asome ás ventás,
e deixe entrar o vento morno de todas as lareiras postas a fumegar,
para quentar o meu peito, o teu leito e as nosas mans,
e logo pedireille que fale ao corazón do mundo sen abrigo,
que estenda os seus brazos poderosos
e poña a cuberto a quen teña sede, fame e frío,
que acariñe cos ollos e coas mans abertas
as feridas daquel que sinta medo ao descoñecido,
e que pouse un bico, un desexo, no bordo dos beizos
de quen necesite sorrisos, caricias e apertas.
Invoco á palabra oca, e pídolle que cale,
que non fera co seu son baleiro e sen eco
os oídos das xentes doentes.
Fóra panfletos, ornamentos e mensaxes ambiguas,
fóra promesas daqueles que falan sen alma, fora!
Quedo cos que rin, cos que gozan, cos que aman,
cos que aman aínda que nunca fosen amados,
especialmente quedo cos que nunca foron amados.
Invoco á palabra, flor silvestre que medra no xardín da vida,
enchendo de recendos as miradas daqueles que viven sen reservas,
e non preguntan orixe, destino ou estirpe de ninguén.
Porque todos temos corazón e non hai fronteiras nas súas liñas,
só aurículas e ventrículos conectados polo sangue e a paixón,
porque todos vivimos perdidos en illas de soidade,
e buscándonos, atopámonos nun espazo común,
aquel onde as voces son escoitadas,
onde sentimos que paga a pena a loita,
o camiño, a nosa pegada, a nosa presenza,
porque ninguén é menos, nin máis,
e todos somos miúdos no val das miserias,
mais, inmensamente grandes cando amamos.

AN ALFAYA

Con Antonio e Mar Guerra na Illa de San Simón