Lembrar a María Victoria Moreno resulta un pracer
e, á vez, provócame unha certa tristura.
Pracer porque foi unha experiencia moi
rica para min estar en contacto cunha gran muller. Tristura porque se nos foi
dun xeito cruel e inxusto.
María Victoria foi sempre unha muller
forte, aínda que podía aparentar unha certa debilidade. Non, en absoluto. Era quen de camiñar polos camiños
máis difíciles coa convicción de estar facendo as cousas que os seus desexos
profundos lle ditaban.
María Victoria creou espazos de afectos e
neles, coma algo inherente, estaba a súa literatura. Foi creadora e foi tamén
unha muller adiantada ao seu tempo a nivel social e humano. Participou en
proxectos de loita a prol dunha lingua que amou axiña, dunha literatura á que
deu brillantez e dunha maneira de estar nesta sociedade en continuo compromiso.
María Victoria, sen sabelo, foi unha activista cultural a prol do galego e da
nosa cultura.
Coñecela foi un deses feitos que fan da
túavida algo gratificante. Derrubou barreiras co convencemento de que era
preciso derrubalas.
Eu aprendín moito dela. Porque María
Victoria tiña unha concepción da literatura moi clara: que estivese pegada á
xente, que fose moi coidada lingüísticamente, que emocionase e que fose lida. O
seu respecto pola escrita foi admirable. Cría na necesidade literaria pero
sempre dende a dignidade.
María Victoria Moreno foi unha muller que quería moito. Si, quería moito a súa
familia, quería moito o seu alumnado, quería moito os animais, quería moito os
lectores e lectoras, quería moito a literatura. Si, quería moito.
Compartir con ela a creación da colección Árbore
foi unha experiencia impresionanate. Axiña sentín o seu agarimo. Decateime sen
tardar que era unha muller moi estrita á hora de valorar os orixinais que
chegaban. Era estrita e rigorosa dende o cariño. Pero dicía as cousas ben
claras. Co seu pito na boca, coa ollada firme e tenra á vez, ía debullando o
seu criterio sobre a publicación (ou non) dos textos que nos chegaban. E
provocaba o diálogo. Deixaba falar. Escoitaba. Tanto David Otero coma Carlos
Casares, Manolo Janeiro, Pilar
Sampil coma min, respectabamos moito
as súas opinións, porque nunca carecían de argumentos. Non sempre estabamos de
acordo mais iso provocaba un debate fermoso do que todos saïamos moi contentos.
María Victoria animoume moito a escribir
prosa. Dábame consellos e valoraba o que eu facía. Ela propúxome presentar Versos
de agua cando viu a luz en 1989. Foi unha presentación marabillosa
polas palabras que dixo aquel día, polos versos que leu, pola sensibilidade
poética que posuía.
A súa opinión sobre A teima de Xan foi
decisiva para que eu non rachase o orixinal ao ser rexeitado polo meu admirado
Casares. Dixérame Carlos que había pouca separación entre o contado e a miña
persoa. Nunca comprendín esa opinión pero acepteina , iso si, algo defraudado.
María Victoria leuno e encantoulle. Impediu, xunto coa miña muller e un
libreiro, que me desfixese del. Máis adiante Xosé
Antonio Perozo e Carlos Lema
publicaría no na editorial Sotelo Blanco. Eu fun feliz. Ela, moito máis.
A obra de María Victoria Moreno é unha
homenaxe á literatura e ao ser humano. Toda ela está envolta en emoción
literaria. Ela, coma min, non concibía a arte en xeral sen o lado emotivo. A súa obra ten un estilo pulcro e delicado.
Emprega un léxico coidado e o seu discurso móvese sempre entre o rigor e a
exposición clara para que poida ser saboreado polas lectoras e lectores e así
acadar o obxectivo da reflexión e da beleza por parte destes.
A tenrura coa que dota os seus escritos é
outra das características de María Victoria. Porque ela era unha muller tenra e
os seus personaxes están envoltos nesa tenrura. Ela amaba o ser humano e,
xaora, amaba eses personaxes que circulan polos seus textos.
María Victoria veu cear á nosa casa moitas
veces. E nós, estivemos tanto na súa en Pontevedra, coma no apartamento que
tivo en Sanxenxo. Os meus fillos adorábana. Ela tamén a eles. Por que? pois porque María Victoria despedía un afecto
que te cegaba. Todo o afecto que enche as liñas que escribía. Que ben escribía
novelas, relatos, contos en verso, tan auténticos, tan próximos á xente, porque
se basean na xente, nos seus conflitos, nas súas dúbidas, na necesidade que
teñen de ser eles mesmos, no amor…
Ler Mar adiante, Leonardo e os fontaneiros,
Guedellas de seda e liño ou Anagnórise, entre outros, resulta un
gozo difícil de expresar. Está a súa vida de soñadora, de muller en loita, de
compromiso nas súas liñas. Pero está porque zumega autenticidade, porque nace
dos seus soños. porque, en definitiva, conxuga literatura e vida coma ninguén.
E se lemos os contos rimados contidos en Eu
conto, ti cantas ou ¿E haberá tirón de orellas? a
emoción, a calidade e o amor polos animais e polos pequenos lectores e lectoras
chega a engaiolarte.
Eu entendín o amor aos animais – aos cans
en especial- á beira de María Victoria. O que ela sentía por eles facíache
pensar. Contaxiaba a súa ledicia de telos, de acariñalos, de facelos partícipes
principais da súa vida. Debo admitir que tardei ben tempo en ter un can. Porén,
afirmo que cando Dark chegou á nosa
casa, pensei en María Victoria.
E, coma María Victoria, escribín un conto
a ese animal tan agradecido. E Dark apareceu
nalgún libro máis. Coma Nica, coma Alma…
Mais
logo a canseira puxo
as
patas febles de Alma
daquela
se entumeceron
á vez que as plumiñas
teixas
a
axilidade perderon (…)
(de ¿
E haberá tirón de orellas? Ed.
Galaxia.
Os
olliños de Nica
poñíanse
tristes
e
de acibeche.
Ás tres e media,
cando volvía da escola,
choraba ela.
-Orellas
de veludo,
¿que
estás pensando?
Agora
teño clase,
mais
logo saio.
(De
Eu conto, ti cantas… (Ed. Xerais)
Así
era María Victoria Moreno. Unha muller que soñaba e facía soñar. Unha muller
dunha firmeza impresionante. Forte e sensible. De reaccións bruscas se a
situación a amolaba, que axiña trocaba en calma.
Unha muller que respiraba humanidade e tenrura polos poros da súa
pel.
Que feliz
decisión a de dedicarlle o Día das Letras Galegas!
Canto
fixo pola nosa LIX cos seus libros e coa súa actitude en momentos escuros e
difíciles!
Oxalá os seus soños pousen en nós e nos
permitan seguir loitando.
Cuberta de Fino Lorenzo para o libro "María Victoria Moreno. A muller que durmía pouco e soñaba moito". |
E non me resisto a rematar este texto sen
poñer esta reflexión da propia María
Victoria e a súa relación con Galicia:
A miña relación con Galicia e a
miña opción pola súa lingua é simplemente unha historia de amor, na que non
falta ese compoñente de sufrimento que é consubstancial a todas as historias de
amor.
En Pontevedra. Presentación do monográfico sobre MVM con Susi, Begoña e Pedro Ferriol.2018 |
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO