Páginas

viernes, 22 de noviembre de 2024

UNHA CONVERSA CON JORGE L. BUENO ALONSO SOBRE AS TRADUCIÓNS DE POESÍA MEDIEVAL DE J.R.R. TOLKIEN


O inglés J.R.R. Tolkien é ben coñecido por obras súas coma The Hobbit ou Lord of the Rings, que se teñen levado en máis dunha ocasión á gran pantalla e que forman xa parte da cultura popular, ata tal punto que mesmo quen non leu os libros coñece os nomes de moitos dos personaxes creados polo autor. O que quizais sexa menos coñecido é a súa labor coma tradutor de textos poéticos medievais ingleses, unha tradición literaria que tivo unha influencia senlleira na propia creación poética tolkieniana.


Un dos meirandes especialistas tanto na obra de Tolkien como no eido da poesía anglosaxona e da época medieval inglesa é Jorge Luis Bueno Alonso, profesor titular de literatura inglesa na Universidade de Vigo e director ademais do Servizo de Publicacións desa institución tan querida para min, pois no seu campus vigués estudei eu Filoloxía Inglesa hai xa moitos anos. De feito, fun alumno de Jorge nese tempo de tan boas lembranzas persoais, e ao longo dos anos, intereses comúns coma a literatura, o cine ou o Celta mantivéronme en contacto con el. Recentemente tiven a oportunidade de parolar con Jorge nun novo episodio do podcast El Envés de la Página, na miña canle de YouTube, e durante hora e media conversamos sobre un novo libro que vén de publicar na editorial Minotauro. Trátase da tradución ao castelán por parte de Jorge da versión ao inglés actual que Tolkien fixo de tres importantes poemas medievais ingleses (Sir Gawain and the Green Knight, Pearl e Sir Orfeo) e que ficou inédita ata despois do seu falecemento. A tradución de Jorge amosa o típico rigor que atopamos en todos os seus traballos e presenta en castelán tres textos imprescindibles da tradición literaria medieval británica cos que gozarán tanto os lectores de Tolkien coma os amantes da poesía en xeral. Na conversa temos tempo tamén de tratar as traducións de Jorge ao galego de diversos textos coma Beowulf, o propio Sir Gawain ou as adiviñas do Exeter Book, todos eles publicados pola excelente editorial canguesa Rinoceronte. Déixovos aquí a conversa completa por se vos interesa e recomendo que procuredes calquera de estes deliciosos libros traducidos por Jorge, a quen agradezo a súa participación no programa.




ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ