Páginas

martes, 5 de noviembre de 2024

CONFERENCIA DE ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO NA ESCOLA DE EDUCACIÓN E TRABALLO SOCIAL EN OURENSE

 

Antonio García Teijeiro nun intre da conferencia



Sempre me gustou ir falar ás Escolas de Maxisterio, hoxe Facultades de Educación. Coido que o alumnado que estuda para ser mestra ou mestre debe ter un coñecemento profundo dos libros que se publican para elixir as mellores obras coas que compartir nas aulas cos pequenos a maxia da lectura.

Non é moi doado. Sinto que falta esa inquedanza cultural nas novas xeracións, que se le menos do que se debería e que hai que actualizarse nun eido tan importante.

Falándolle ao alumnado

E se falamos de poesía (e de teatro) as eivas que existen son inmensas. De aí o meu interese para enchelas de contido.

Non pode ser. A poesía gusta aos rapaces e rapazas se hai alguén que os motive. A figura do mediador/a faise imprescindible para contaxiar ese amor pola literatura.

Dáme medo que sexan as editoriais, a través dos comerciais, quen  marquen as prescricións nas escolas. A calidade debe primar sobre outros obxectivos que pouco (ou nada) teñen que ver coa paixón pola lectura.

E se o alumnado non le, estamos perdidos.

O venres, 25 de outubro, estiven na Facultade de Educación e Traballo social en Ourense.

Alí, dentro dunhas xornadas – Ciclo de Literatura infantil e xuvenil. Lecturas dende a diversidade- falei deste tema para moito alumnado e tamén lle comentei a necesidade da poesía na escola.


 

Un programa moi interesante no que estiveron escritores e ilustradores como Carlos Labraña, Érica Esmorís, María José Floriano e Pablo Otero, baixo a dirección entusiasta de Isabel Mociño, Carla Míguez e María González.

Tamén fun entrevistado por alumnas na radio da Facultade, que me preguntaron sobre múltiples temas, tanto persoais coma literarios.


Un momento da entrevista radiofónica


A miña conferencia, con lectura de poemas meus incluídos, foi gravada e Versos e aloumiños recóllea no audio que vén deseguido.

 

Outro momento da charla

 

Agardo que resulte interesante para todas esas persoas que cren na poesía como unha ferramenta de formación intelectual dende xa as primeiras idades.