Antonio García Teijeiro lendo dous poemas da súa autoría |
“Aquela mañá o ceo en Hiroshima estaba moi despexado.
O sol quentaba con gran
forza. Os sete ríos de Hiroshima fluían silandeiros.
Os tranvías ían amodo.
Malia guerra.
Tokio, Osaka, Nagoya e
outras cidades, foran bombardeadas. Só permanecía Hiroshima.
Os seus habitantes dicían
con temor: “axiña nos tocará a nós”.
Para evitar que o lume se
propagase, derrubaron edificios e ensancharon rúas.
Colleron auga e prepararon
os lugares que servirían de refuxio.
Ninguén saía sen protexer a
súa cabeza cunha carapucha. E sempre levaban con eles unhas poucas menciñas.
Miichan estaba almorzando
cos seus pais.
O arroz tiña unha cor rosada
porque estaba mesturado con batatas que lles trouxera un parente do campo.
-Mmmm…que rico-dixo Miichan
coa boca chea.
-Está moi bo- afirmou seu
pai sorrindo.
Miichan tiña só sete anos.
6 de agosto de 1945.
8.15 horas.
De súpeto sucedeu.
Escoitouse un ruído
enxordecedor e un horrible resplandor atravesou o ceo.
Era unha luz laranxa; non,
unha luz moi branca, cegadora, ameazante, coma se cen lóstregos estralasen á
vez “ (…)
Así comeza o libro da
pintora xaponesa Toshi Maruki, o terrible e emocionante libro O
escintileo de Hiroshima, no que achega aos lectores e lectoras mozas o
sufrimento dunha familia xaponesa producido polo lanzamento da bomba atómica en
Hiroshima en 1945.
Sempre lle lin ao meu
alumnado esta dura e, á vez, emocionante historia da crueldade humana.
Así, en case todos os meus
poemarios para a xente nova fun deixando versos que describen o horror e loita
pola paz ao longo dos anos, porque as guerras nunca deixaron de producirse en
moitos lugares do mundo.
Velaquí dous deles, nun
vídeo no acto que se celebrou o pasado mércores de agosto en Vigo para
conmemorar a traxedia bélica e actuar para que non se repita endexamais.