Páginas

martes, 27 de septiembre de 2022

As miñas columnas en A NOSA TERRA (1) "O verbo contaxiar"

 



Hai uns anos tiven a honra de escribir unhas columnas no histórico xornal A Nosa Terra.

Nestas columnas tocaba eses temas que a min me preocupaban en relación coa escola e a lectura fundamentalmente.

Sempre me sentín moi cómodo e encantado de colaborar cunha publicación que endexamais debeu desaparecer.

Por iso, aquí e agora, vou recuperar algunhas delas e vostedes xulgarán o meu punto de vista e a vixencia das mesmas.

 

E comezo coa visión persoal que teño sobre o verbo contaxiar.

Agardo que lles guste.

 

 

           

Antonio G. Teijeiro (Foto Ricardo Grobas)

              


                                       O VERBO CONTAXIAR

 

                                                                                 

 

Contaxiar é un verbo que ten diversas connotacións, non todas positivas. Contáxiannos a gripe ou algunha doenza máis ou menos molesta. Contáxiannos o fervor relixioso, as forzas para realizar algo ou as ganas de non facer nada. Tantas cousas! Pero deixando isto á marxe, gustaríame dicir que contaxiar é un verbo que pode/debe ser conxugado para achegar ou introducir os nenos na lectura. Eu creo na súa conxugación para seducir con textos, rimas, xestos, pausas, silencios, etc. os cativos no eido da literatura. Pódese contaxiar o desexo de ler dende o entusiasmo por aquilo que apaixona: a lectura por necesidade, por pracer, pola beleza, pola función que pode cumprir e, mesmo, pola falta de función que a lectura pode ter. Pódese contaxiar dende o exemplo, poñendo á vista o noso hábito lector, falando de libros cos rapaces, e amosándolles como gozamos coa palabra escrita.Contaxiar para que imiten e, nalgún momento, cheguen a ler en liberdade e sen prexuízos. Contaxiar lendo versos en voz alta, escribíndoos na pizarra ou lendo contos á beira da cama.Contaxiar hábitos, entusiasmos, costumes ou desexos permitirannos vivir o fascinante mundo do libro dun xeito grato e ousado á vez. Se espertamos a curiosidade pola letra impresa, abriremos portas á esperanza duns nenos máis felices e formados. Se contaxiamos a ilusión de saber que hai tras o título dunha obra literaria, estaremos abrindo ventás a esa aventura interior que nos presenta o acto de ler.Contaxiar, en fin, é conxugar o verbo dos soños acochados nas palabras.

      

                                                                                                                   Antonio García Teijeiro