Páginas

lunes, 18 de julio de 2022

FIESTRA ABERTA (10) Un poema de Lara Boubeta

 


Se hai algo polo que me gusta dirixir obradoiros de poesía é pola  sorte que teño de partillar experiencias cos e coas asistentes aos mesmos.

O meu obxectivo é animalos a escribir, darlles uns principios poéticos nos que creo e poñelos en situacións diferentes de creación para que eses puntos de vista os axuden a ampliar os abanos literarios  dos que parten.

Son consciente de que o acto creativo se produce en soidade. Que precisa tempo. Pero tamén creo que certo impulso, certa espontaneidade é boa para adquirir axilidade á hora de comezar un poema.

O traballo posterior xa o farán nas súas casas.

E abofé que se crea un ambiente de entusiasmo e de enorme intensidade poética.

Despois len os seus inicios e as palabras voan por riba de todos e todas nós para facérmonos máis felices. Poesía, moita poesía.

Versos e aloumiños reserva sempre esta fiestra aberta para que poidamos ver e ler mostras que van facendo en silencio para encher as súas inquedanzas literarias. Son moi suxestivas.

Isto encántanos e fainos muy felices neste blog-revista.


Lara Boubeta


Sen máis publicamos aquí un poema de Lara Boubeta, que asistiu ao obradoiro da Escola de Letras da Deputación de Pontevedra e da Editorial Galaxia e que me resultou moi atractivo.

Gocemos, pois, dos seus versos e grazas:



Autopsia

 

Hai un cadáver pousado no meu peito

exercendo presión sen confianza

facendo de cada respiración

un barco afundido

coa esperanza á deriva

un corpo inerte que aperta

unha nena que xoga

botándolle un pulso á vida.

 

Hai unha oportunidade perdida

unha decisión non tomada

un fin sen medio

a sorte desbotada

rexeitada coma min

por min mesma

cada vez que intento

comezar de novo.


                                                    Lara Boubeta

                                                               Xuño 2022