Un
dos primeiros libros de Xosé Luís Méndez Ferrín que Antonio
García Teijeiro tivo ocasión de ler foi a colección de relatos O
crepúsculo e as formigas, e iso é algo que ambos os dous temos en común,
pois eu tamén entrei na literatura ferriniana a través deste mesmo libro.
Cando saíu á venda a comezos da década dos sesenta, cun limiar a
cargo de Ramón Piñeiro, esta obra trouxo novos aires á narrativa
galega, achegándoa a expresións literarias por entón de moda noutros lugares de
Europa. Porque os contos que compoñen este volume beben do existencialismo,
pero tamén dunha concepción narrativa que é propia de Ferrín: ese gusto polo
estilo directo, lacónico, espido, ás veces mesmo coloquial; eses personaxes que
son case sempre vítimas dunha realidade coa que non son quen de se
compatibilizaren, caendo irremediablemente nas gadoupas duns acontecementos que
non poden controlar.
Neste vídeo que veño de publicar na miña canle
de YouTube comento polo miúdo O crepúsculo e
as formigas, tentando poñelo dentro do contexto
histórico e literario que fixo posible a súa creación.
Por se interesa á audiencia de Versos e aloumiños,
déixovolo aquí abaixo, agardando que sexa do voso agrado.