Páginas

jueves, 21 de abril de 2022

ENCONTROS 2022 (3) No IES "Ribeira do Louro" (Torneiros, O Porriño)

 



Onte, 20 de abril, tiven o pracer de visitar o IES “Ribeira do Louro” en Torneiros, O Porriño.

Agardábame o alumnado dos segundos da ESO para falar e compartir cos rapaces e rapazas certa traxectoria poética e que lles falase da miña Triloxía do mar.

 


Así que parolei da importancia que a poesía tivo e ten na miña vida, como me axudou a rebelarme contra o que me oprimía, os mundos que fun descubrindo a través dela e a necesidade de que estea presente nas vidas das persoas.

 

Linlles poemas de Rafael Alberti ( o seu poemario Marinero en tierra espertou a miña paixón polo mar literario), dos meus libros e fíxenlles un xogo poético.

 


Eles prepararon unha bonita presentación de min e recitaron poemas dalgúns dos meus libros.

Na parte final do acto houbo preguntas ben interesantes. 


Preguntáronme pola relación persoal entre ser poeta e ser mestre (“estar entre nenas e nenos fixo que eu me dedicase a escribir literatura infantil e xuvenil”), canto tempo me levaba escribir un libro (“tempo indefinido, porque eu comezo a escribir na cabeza antes de pasar ao papel”) ou que lle diría a alguén que quere escribir poesía (“insisir en que lea moita poesía para acadar a voz de seu e escribir todos os días para que, como me dixera Cunqueiro, non me limitase a ser un escritor de ocasión”).

 


Un encontro moi rico, co profesorado presente, na biblioteca do centro, un respecto total ás miñas palabras e un desexo profundo de que a poesía poida entrar nos seus intereses persoais, actualmente como adolescentes e, nun futuro próximo, como adultos.



sábado, 16 de abril de 2022

UN ACHEGAMENTO A "O CREPÚSCULO E AS FORMIGAS", DE X.L. MÉNDEZ FERRÍN


Un dos primeiros libros de Xosé Luís Méndez Ferrín que Antonio García Teijeiro tivo ocasión de ler foi a colección de relatos O crepúsculo e as formigas, e iso é algo que ambos os dous temos en común, pois eu tamén entrei na literatura ferriniana a través deste mesmo libro. 


     Cando saíu á venda a comezos da década dos sesenta, cun limiar a cargo de Ramón Piñeiro, esta obra trouxo novos aires á narrativa galega, achegándoa a expresións literarias por entón de moda noutros lugares de Europa. Porque os contos que compoñen este volume beben do existencialismo, pero tamén dunha concepción narrativa que é propia de Ferrín: ese gusto polo estilo directo, lacónico, espido, ás veces mesmo coloquial; eses personaxes que son case sempre vítimas dunha realidade coa que non son quen de se compatibilizaren, caendo irremediablemente nas gadoupas duns acontecementos que non poden controlar. 

     

Neste vídeo que veño de publicar na miña canle 

de YouTube comento polo miúdo O crepúsculo e 

as formigas, tentando poñelo dentro do contexto 

histórico e literario que fixo posible a súa creación.

     Por se interesa á audiencia de Versos e aloumiños, déixovolo aquí abaixo, agardando que sexa do voso agrado.

 




ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ


lunes, 11 de abril de 2022

REMUÍÑO DE LIBROS (78): "O bosque do duque (´s-Hertogenbosch)", de Fran Fernández Davila.

 



TÍTULO: O bosque do duque (´s- Hertogenbosch)

 AUTOR: Fran Fernández Davila

 EDITORIAL Galaxia

 

 Hai unha certa caste de novelas de fantasía que removen as entrañas e marcan tendencia cara ás inquedanzas que, como seres humanos, precisamos posuír. Non me gusta a fantasía porque si. Ás veces é moi baleira e fica ancorada en foguetes artificiais que non conducen a nada.

      Un dos exemplos que sempre seguín como lector de libros fantásticos comprometidos coas persoas foi, é e será Michael Ende.

Na literatura galega interésame o universalismo das historias. Que sexan moi nosas e que, á par, poidan ser entendidas por persoas doutros lugares. Literatura aberta ao mundo.

Isto é o que me atopei cunha novela magnífica de Fran Fernández Davila.

      Editada por Galaxia, O bosque do duque (´s-Hertogenbosch), conta unha historia a cabalo da realidade e da fantasía que nos atrapa e nos induce a sentir todo aquilo que os protagonistas senten.

Sabine, Wilko, Jeroen e Anja son catro amigos inseparables. O día do seu décimo aniversario Sabine recibe un agasallo misterioso. Un agasallo -ou dous, co lapis de bolboretas- que os vai levar por terreos descoñecidos nunha aventura frenética, delirante e que poñerá patas arriba as súas conciencias de xente nova.

      Absorbidos tras un furacán pola porta máxica do concello, os catro amigos emprenden unha viaxe incerta ateigada de situacións descoñecidas para eles, con reivindicacións varias (entre elas a palabra galega) e personaxes incribles, que os van axudar e, por outra parte, outros que lles poñerán unha chea de trampas para que non acaden un dos obxectivos: chegar a un castelo e salvar a raíña.

      Quen son os rozadores? Quen Quercus, Chrys, a rapaza-peixe? Que queren dicir esas palabras galegas que aparecen nalgunhas árbores? Quen son Canilonga ou Amaro? E un tártalo?

        Unha novela de aventuras que sinala. Detrás da fantasía está unha realidade que é criticada: o mal uso social do galego, o concepto de “mercado” que todo o quere xustificar, a queima das fragas para lograr maiores beneficios, a amizade ben entendida, a solidariedade, a importancia da familia ou  a capacidade de chegar a coñecer a fortaleza que os personaxes posúen e non eran conscientes…

Todo se desenvolve entre unha cidade dos Países Baixos e o mundo que se atopa tras as portas máxicas. Un mundo descoñecido e misterioso.

       Novela en 44 capítulos todos eles encabezados polas definicións de árbores que, á súa vez, levan pequenas lendas arredor de cada especie arbórea que enriquecen o texto. Un sinal da loita por preservalas da destrución das fragas. Un sinal de supervivencia da natureza.

       Fran Fernández Davila é un escritor que manexa o seu oficio con enorme sabedoría. Gañador de premios literarios tanto en narrativa coma en poesía, resulta un pracer ler os textos que escribe. Faino dunha maneira precisa, moi correcta tanto no emprego das palabras coma no seu desenvolvemento sintáctico. Unha linguaxe rica e un ritmo pausado nalgún momento fronte a outros, sobre todo no desenvolvemento da aventura que chega a ser vertixinoso.

      Os personaxes, reais ou ficticios, moi ben construídos, aparecen cunhas tinguiduras de humanidade que se agradecen. En ningún momento O bosque do duque (´s-Hertogenbosch)  devén en algo frío nin perde as súas raíces galegas, moi ben suxeridas e moi ben desenvolvidas.

       Unha novela que non ten idades recomendadas como ten que ser a boa literatura

                                                                                                         Antonio García Teijeiro

                                 

 


viernes, 8 de abril de 2022

DARDO POÉTICO (LXXXII) "NO XARDÍN DO POETA, conversando cos SEIS POEMAS GALEGOS de Federico García Lorca" (Vídeo)

 




Cheguei a Librouro,  a miña libraría de referencia, e alí estaban moitos exemplares de No xardín do poeta, ilustrado maxistralmente por Víctor Rivas e editado por Edicións Xerais na súa colección Merlín.

 Sentei nunha cadeira onde a miúdo sento a follear libros e decidín ler uns poemas do libro.

 


Non adoito ler os meus versos unha vez están publicados, agás cando teño que facer unha lectura pública dos mesmos.

Pero, sen saber por que, algo me impulsou a lelos e, posteriormente, a gravalos en voz alta.

Decidín que lería os poemas que dialogan cos versos dese libro fermoso que é Seis poemas galegos de Federico García Lorca.



Pedinlle a María, unha persoa querida dende hai ben anos, e referencia para min neste lugar, que me gravase a lectura.


Ilustración de Víctor Rivas

Fíxoo encantada e este é o resultado.

Agardo de corazón que vos gusten estes poemas, nacidos do amor pola poesía e, neste caso particular, pola obra do escritor de Fuentevaqueros.

 





                                                                                                                                              ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

lunes, 4 de abril de 2022

"CREPÚSCULO", un cambio necesario na pintura de Benito Pérez Fernández

 

Benito Pérez Fernández


Deixando atrás as formas xeométricas que durante algún tempo foron as protagonistas da pintura de Benito Pérez Fernández, aparece nesta nova mostra, que se inaugurou na Casa da Cultura de Cangas, un xiro importante e necesario no quefacer pictórico do artista.



Baixo o título de “Crepúsculo”, o pintor amósanos unhas pinturas moi vivas, en formato pequeno, cunha magnífica combinación de cores que agrada contemplalas.

Son acuarelas moi ben traballadas que nos levan ao pracer de imaxinar tardes de moi diversos tons recollidas pola faceta máis poética de Benito Pérez Fernández.

 



Este poema, escrito por el, recolle moi ben o espírito da pintura que nace da lírica, porque no máis profundo do pintor bule un estrato poético que non quere nin sabe disimular.

 

Só a luz achega

a visión dun mundo inabordable,

a esencia do nada

convertida en obxecto tanxible.

Si, só a luz achega

o son dos espazos que se perden

cara ao crepúsculo

para adentrarnos na noite.

 

E si, abofé que as moitas persoas que nos achegamos a esta exposición fomos adentrándonos na noite que nos di o poema, pero nun ambiente crepuscular tinguido de cores que acariñaban o noso camiño.



viernes, 1 de abril de 2022

ENCONTROS 2022 (3) "Primaletras", un proxecto cultural das Bibliotecas municipais da Coruña. Encontro de Antonio García Teijeiro con tres clubs de lectura.

 




Primaletras é un proxecto das Bibliotecas Municipais da Coruña no que se festexa a Primavera dos libros e das Letras. Encontros diversos, teatro, poesía, conferencias, animación musical, obradoiros, cómic etc. están representados dende o 21 de marzo ata o 21 de maio na cidade coruñesa.

 

E ata alí fun eu para ter un encontro/obradoiro con tres clubs infantís de lectura: o da Biblioteca Municipal Castrillón, o Club Miúdo da Biblioteca Municipal Durán Loriga e os compoñentes do Punto de Servizo Bibliotecario do Mesoiro.

 


Foi un acto lúdico e agradable no que os rapaces e rapazas destes tres clubs amosaron distintas tarefas arredor dos meus poemas, leron creacións feitas por eles, mostraron ilustracións e fixeron moitas preguntas sobre a miña obra e a miña persoa.

 


Eu, como non, faleilles da importancia da poesía nas súas vidas, conteilles como comecei a escribir as miñas obras, xoguei con eles coas palabras e faleilles da xénese da miña Triloxía do mar.



Máis dunha hora a palabra poética foi o centro de atención nun lugar fermoso (aínda que non con moi boa acústica) na entrada na Casa da Cultura coruñesa.

Alégrame que os clubs de lectura para os nenos e nenas rachen o xeo e fagan da poesía, de cando en vez, o centro da súa actividade.


O acto rematou cun vídeo no que algunhas nenas e nenos leron poemas meus con moita graza e coidado.




Velaquí o poema conxunto que escribiron os compoñentes do Punto de Servizo  Bibliotecario de Lectura de Mesoiro.



                  E agora o libriño que  fixeron no Club Miúdo da Biblioteca Durán Loriga: