REFLEXIÓN SOBRE A POESÍA 
Adoitamos preguntarnos que é a
poesía. Investimos moito tempo e esforzo en tentar definila, analizar as súas
características, clasificala e explicala. E case sempre sen éxito, na miña
opinión, porque ou ben teorizamos sobre conceptos vagos e abstractos, sen dar
atopado as palabras precisas para nos facer entender e afastándonos da súa
verdadeira esencia; ou ben, no mellor dos casos e aínda sen pretendelo,
rematamos por facer poesía.
Talvez a cuestión sexa que resulte imposible
falar de poesía sen crear poesía a un tempo. Ou quizais o que ocorre é que a
nosa teimosía en querer domeala, etiquetala e escudriñala carece totalmente de
sentido, cando o único que deberiamos facer sería ler, escoitar, compartir,
cantar, xogar e respirar poesía. 
Permitírmonos sentir e máis nada.
Entregármonos, sen reservas, libres de todo prexuízo, deixándonos levar pola
musicalidade e a beleza das palabras, pola emoción da nosa propia voz,
dispostos a atrapar coa nosa ollada a poesía que vive en todo o que nos rodea.
E deste xeito, converternos, nós mesmos, no máis fermoso dos poemas.
                                                         
                                                                                     Ana
Facchini
| Ana Fachini | 
Todo iso e moito máis.
          Un gran berro no silencio. 
            Un ramallo de lembranzas.
Un oasis no deserto.
       Un pedazo da túa alma.
    Asomarse a un precipicio.
 Escalar altas montañas.
  Un encontro inesperado.
         Sementar cantos de infancia.
A beleza feita ollada.
Unha bóla de cristal.
       A tormenta das entrañas.
     Conxugar o verbo amar.
Un sorriso azul no ceo.
Darlle ás ao teu maxín.
   Baleirarse por completo.
  Pensamentos danzaríns.
Malabares de palabras.
          O máis grande dos misterios.
  Apostar a todo ou nada.
      Atreverse a non ter medo.
Un latexo acompasado.
Unha meta que acadar.
Atopar o teu espazo.
Aprender a camiñar.
         Un papel que cobra vida.
Arrepíos na túa pel.
     Bolboretas na barriga.
    Levantarse tras caer.
              Comprender que nada sabes.
     O universo na túa man.
    Un pastel de chocolate.
 Espertar cada mañá.
   Ir descalzo pola area.
     Bicos con sabor a mar.
      Perfumarse de alegría.
 aprender a camiñar.
  Todo iso e moito máis,
      cen mil cousas pode ser.
 Se ti a queres atopar,
   mira ben ao redor teu.
    Dime logo que será     
  se comeza por un P.