María Canosa inicia o acto do relatorio |
Os días 15 e 21 de febreiro
tiveron lugar as “Xornadas GÁLIX. Desfacendo a raia”, desta volta
dedicadas á poesía que se fai para as nenas e os nenos en Galicia.
Co nome de Poesía
cargada de futuro para as futuras xeracións, reunímonos en varias
palestras mulleres e homes que levamos xa un bo tempo escribindo para as crianzas
e a mocidade.
Eu tiven a fortuna de ser
presentado e conversar coa escritora, querida e admirada, María Canosa, con
quen sempre é un pracer compartir un acto calquera.
O meu relatorio, A
poesía dende a miña voz, consistiu fundamentalmente en falar de como descubrín
a poesía, tras unha formación de costas a ela, como comecei a ler poetas que me
deixaron pegada dende o principio e como todo iso marcou a miña vida. Contei,
tamén, a introdución dos versos nas miñas clases e a diferente evolución da
poesía castelá á galega e a necesidade que me levou a escribir poesía infantil
a partir da utilización nas aulas de Os soños na gaiola, de Manuel
María.
Tras o relatorio, iniciamos
María e mais eu unha conversa sobre os temas tratados, todo salferido por
poemas meus e alleos.
Moi necesarias estas
xornadas de GÁLIX, porque se a literatura infantoxuvenil precisa visibilidade,
non digamos a poesía e mais o teatro.
Un acerto, pois, da direccción
desta asociación que traballa firmemente a prol da literatura galega.
No vídeo que segue a esta
información, podedes atopar a miña intervención completa.