Páginas

martes, 20 de julio de 2021

A LUZ DAS PALABRAS (89) Manel Monteagudo

 




Manel Monteagudo é unha desas persoas que paga a pena coñecer. Todo nel e bondade, agarimo polas pequenas cousas e por todo -e todos- o que o rodea.

     Da súa incrible vida dá fe nas palabras que nos agasalla a continuación. A súa obra literaria, especialmente poética, é un fiel reflexo dunha vida na que a emoción e certos sopros do destino está consagrada a querer e a expresar ese agarimo que leva dentro e que precisa partillar coa xente que se achega a el.

     Quero a Manel Monteagudo e admiro a súa obra polo que de autenticidade posúe. Converter en palabra poética o vivido non é doado. Eu gozo co que conta e como o conta.

     Grazas, Manel, pola túa xenerosidade. Imposible non valorarte.


 



                

                               POEMAS




TEÑO UN SEGREDO

 

Teño un segredo enorme

que o gardan as estrelas

pois só elas me viron

chorarte até esmorecer.

 

Nesta aposta inútil

onde todos levamos careta

e un cancro de orgullo

en fase terminal.

 

Teño un segredo enorme

que o gardan as estrelas.

Pídolles dende o meu leito

que te vaian a alumear.

 

E se esta noite sucumbo

nunha ondada de penas

escribirán sempre o teu nome

onde vaia a miña inicial.

 

Teño un segredo enorme

que o gardan as estrelas.

Un amor que me consome

bravo como o mar.

 

Mais gardo o meu segredo

como pisada sobre area

e así cando amence

xa non queda o seu sinal.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

QUEDOU DURMIDA

 

 

Quedou durmida

nos brazos de ninguén,

apoderouse de soños

que xa foron soñados,

espertou pensando

que xa non existía.

 

Percorreu as rúas

baleiras e frías,

as rúas que un día

foron testemuñas

das súas ledicias...,

cantando e sorrindo.

 

Disimulando a mágoa

que a súa alma sentía

quedou durmida

desexando estar viva...,

sentindo a vida

correr polas súas veas.

 

Espertou un momento,

respirou profundo,

lembrou o seu pasado

e viu o seu presente.

Acendeu un cigarro

e fumou lentamente,

despois dun intre

quedou durmida.  

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

A MIÑA VIDA

 

 

A miña vida é como unha planta

que co paso do tempo

se volveu hostil e amarga.

Será o paso do tempo, ou será

que nacín débil e vencido.

Quixera renovarme, pero aínda

non chega a primavera.

O cru inverno destruíu a esperanza

de que a vida volva.

Folla por folla, secarei,

sen présa, sen gana, sen alento,

até que só queden as raíces.

Xa non terei máis vida

e estarei morto.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

PARA TI, POETA

 

 

Pluma de mel que embelece papeis,

sabios versos con recendo a verdade,

retallos de luxo que fan tremer

os beizos do corazón dos teus feles.

 

Plasman os teus ollos etéreas escenas,

perfumes de monte, brisas de mar,

retratos vivos de xente normal

que acariñan almas e sedan penas.

 

Letras de luz, imaxes sonoras,

fermosos partos, froito do amor

que sempre malgastas no que adoras.

 

Se ao mundo lle negases os teus favores,

parecerías un poeta sen Lúa,

varado como un poeta sen flores.

 

 


Manel Monteagudo




Se queres saber máis de  Manel Monteagudo...


Biografía de Manel Monteagudo

 

Nacín en Cando, concello de Outes. Cando tiña dous anos trasladeime coa miña familia ao lugar de Corral de Orro, pertencente ao concello de Noia. A miña era unha familia de clase moi humilde e iso fixo que ao saír da escola, con 14 anos, me enrolase como engraxador nun buque pesqueiro-conxelador que facía a campaña de pesca en Suráfrica, na captura de pescada. Estiven nel nove meses (tempo que levou a campaña da pesca). A seguir enroleime nun buque mercante español, mais, con todo, como o salario non cubría as miñas aspiracións (14.000 ptas.), marchei para Hamburgo. Despois de estar hospedado durante catro días no Stella Maris, conseguín enrolarme, tamén de engraxador, nun buque mercante alemán: o primeiro salario que recibín superou todas as miñas expectativas, cobrei 360.000 pesetas ao cambio de marcos a pesetas. Era o ano 1974, daquela unha auténtica fortuna aquí en España. A economía no eido familiar mellorou un cen por cento. Entón eu comecei a estudar electricidade e electrónica naval por correspondencia. O 2 de marzo de 1977 tiven que me incorporar á Armada Española por mor de facer o servizo militar. Ao remate deste (17 de agosto de 1978) funme de novo para Alemaña e reincorporeime á mesma navieira en que estivera antes do servizo militar. Inscribíronme como oficial electricista nun mercante novo que saíra dos estaleiros no tempo que eu estivera facendo a mili. Quixera salientar que tiven a grande honra de ser o oficial máis novo de toda a mariña mercante alemá (tiña 21 anos). Neste buque estiven tan só cinco meses e medio dado que o 28 de febreiro do ano 1979 (ese día facía 22 anos) tiven un accidente gravísimo ao caer dende seis metros de altura á bodega do barco. Nese intre rematou a miña vida laboral, pola que tanto loitara. Por causa das secuelas que me deixou o accidente, estiven practicamente vexetal durante 35 anos até que o 15 de outubro de 2014 me deron a alta médica, aínda que teño que tomar medicación o resto da miña vida.

No ano 2015 escribín un pequeno poemario que titulei Reflexións poéticas, autoeditado. Na actualidade, alén de escribir relatos, que publico semanalmente nas redes sociais, escribo poemas e prosa poética. Velaquí a orixe dos meus primeiros libros non autoeditados, Camiño á lagoa dos bardos (2019) e De mariño a poeta (2021).


Na presentación do seu poemario "De mariño a poeta"