A Escola de Letras que promoven a Deputación de
Pontevedra e a Editorial Galaxia é un proxecto formativo arredor da literatura
e a escrita literaria, pioneiro en Galicia e sen moitos precedentes no conxunto
de España. A Escola de Letras da Deputación de Pontevedra é un proxecto que
pretende constituirse nun motor de actividades centradas na Literatura, na
Escrita Creativa e no goce da palabra.
Así se explicaba o nacemento da Escola de Letras promovida pola Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia.
E así foi, sen dúbida, na
súa primeira xeira. Eu tiven a sorte de impartir un obradoiro de poesía en Vigo
(en xuño dareino en Pontevedra) e a paixón poética do alumnado foi marabillosa.
Dúas sesións ateigadas de poesía, de creatividade e cunha acollida marabillosa por
parte do alumnado.
Noa García Garrido foi unha das
asistentes ao obradoiro. Notábase que amaba a poesía, que a vivía e escribiu
dun xeito marabilloso.
Así que lle pedín uns poemas para a nosa Fiestra
aberta e ela, moi xenerosa, envioume unha fermosa reflexión sobre a
poesía e varios poemas que reproducimos aquí cunha enorme ledicia.
REFLEXIÓN SOBRE A POESÍA
A poesía non é só o uso estético da linguaxe. Non pode quedar
reducida a unha simple enumeración de recursos literarios, nin se pode limitar
o seu alcance a unha serie de características exclusivas dunha época concreta.
A poesía é un discurso que amplía o noso coñecemento do humano e que nos
permite ler ou escoitar aquilo que sempre sentimos pero que nunca dixemos. A
través da musicalidade dos versos, das sorpresas agochadas neles, desciframos a
orixe dos nosos anhelos e entendemos tamén a sensibilidade allea. En tempos
coma os actuais, nos que padecemos a ausencia das apertas, a poesía permítenos
afastar a esa amante inoportuna que é a soidade. Ademais, a linguaxe lírica,
como certos himnos musicais, cura as feridas da nostalxia. Os acordes poéticos
pulsan as teclas dos recordos impedindo que a ledicia e o amor queden
soterrados baixo o manto do esquecemento.
Noa García Garrido |
POEMAS
Poema incluído
en Tes cinco minutos
“Aloumiño
musical”
A
Luis Eduardo Aute, o poeta
que soñou a destrución do esquecemento.
As balas da melancolía
convértense en apertas consoladoras,
cando a túa voz meliflua
ispe os segredos da miña memoria.
O teu canto nostálxico resucitou
as historias de amor
cosidas nos teares do pasado.
Invocaches cos teus versos
o poder dese latexo
que esperta os tímidos anhelos
cinguidos ás saias do vento.
Imaxinaches o intrépido Ícaro
voando por lácteos universos de licor.
Cantaches a súa libido extremada,
afastada da tiranía do pudor.
Evocaches a lembranza
dos slows que levan no seu ritmo
o tesouro agochado
nas fontes do Nilo.
A beleza do teu lírico furor
apagou as silenciosas danzas
da parasita ambición.
As túas cinzas namoradas
abandonaron xa esta absurda realidade,
pero eu, que sinto a música
dende as cadeas da saudade,
sei que nunca poderei olvidarte.
Poemas compostos a partir das sesións do obradoiro
1. Poema libre (primeira sesión)
“Falar a fala nai”
Fuxir da soberbia ignorante;
revivir a voz censurada;
loitar pola herdanza;
rescatar as sombras caladas.
Educar na rica sabedoría
dos ilustres devanceiros;
escoitar as súas historias
e os seus cantos feiticeiros.
Sentir a caricia do fol;
respirar os acordes da muiñeira;
identificarnos co amor á terra.
2. Poema inspirado noutros versos (segunda
sesión)
“No es bueno
quedarse en la orilla
como el malecón o como el molusco que quiere
calcáreamente
imitar a la roca Vicente Aleixandre
Mergúllate nas selvas máis remotas;
atrévete a desenredar os prexuízos;
esquece o sixiloso paso das horas.
Non escoites a traizoeira voz do perigo;
imprime a túa fonda mensaxe nas follas.
3.
Cal foi a derradeira?
Esa que demos con forza,
sen medo, sen présa.
Non podemos devolver xa esa aperta,
ese doce refuxio
que apagaba o inverno,
que afastaba as meigas
e suspendía o tempo.