Páginas

martes, 17 de noviembre de 2020

A LUZ DAS PALABRAS (74) Claudia Castro

 

                



Coñecín persoalmente a Claudia Castro, cando tiven o pracer de presentarlle en Vigo o seu poemario Galicia, o País das Marabillas. Engaioloume a súa personalidade, a súa simpatía. Notei axiña que toda ela desprendía poesía. Tiña un concepto poético baseado na expresividade lingüística e na riqueza cromática dos seus versos. E iso gustoume.

     Claudia Castro, decateime ao momento, tiña moito que dicir. E así é. Por iso, a súa palabra, que ten luz, debía estar nesta sección de Versos e aloumiños. Pedinlle un texto e ela, coa súa xenerosidade habitual, accedeu á petición.

     Aquí está para deleite dos lectores e lectoras deste blog-revista.

     No nome de todos eles, moitas grazas.



Claudia Castro


Claudia Castro naceu no barrio compostelán d’O Castiñeiriño o 30 de decembro de 1972. É licenciada en Periodismo e Filoloxía Inglesa pola USC e diplomada en Socioloxía pola UNED. Leva traballando no eido da comunicación dende 1995. Dende 2011 reside coa súa familia (Toño, Darío e Xulia) no lugar de Penelas, en Teo. Boa parte do seu tempo transcorre en Corme, na Costa da Morte.

En 2003 obtivo o I Premio Duck Fin de Poesía e o accésit do I Certame de Microrrelatos da Lonxa Literaria de Moaña. En 2005 os seus versos acadaron un recoñecemento no V Concurso de e-poemas do diario “La Vanguardia”. En 2017 foi galardoada co segundo premio do Certame de Poesía María Mariño, así como co primeiro premio no Certame de Poesía Xosé Manuel López Ardeiro.

En decembro de 2005 publicou o seu primeiro libro individual “Adagio para unha viaxe silente”, da man da editorial Follas Novas, dentro da colección Libros da Frouma. En 2007 participou co poema “Soños de tubérculo” na edición colectiva Letras Novas, da Asociación de Escritores en Lingua Galega. En 2018 publica o seu segundo libro individual “Ser, corazón e boca”. En 2019 sae do prelo “Galicia, o país das marabillas”, primeiro libro de poesía para a cativada incluído na Colección Árbore da Editorial Galaxia.

O compositor Fernando Vázquez Arias vén de pórlle música a catro poemas seus: Amor é mar, Corme, Camiño dos faros e Azul.

 





A AGULLA DO PALLEIRO

 

Un ano máis o outono aterrou na nosa aldea interpretando unha sinfonía de ocres, amarelos e vermellos a ritmo de brincos de auga e refachos vento. Dende a fiestra do meu cuarto propio descifro a silueta dun Pico Sacro co cumio envolto en néboa, tenro e poderoso coma volcán inofensivo.


A revista Luzes publicaba hai unha semana unha entrevista con Olga Novo tras saberse gañadora do Premio Nacional de Poesía pola súa luminosa e lúcida obra Feliz Idade. Nesta entrevista emotiva e profunda, realizada por Manuel Veiga, a autora afirmaba que non vai xurdir unha poética da terra porque é un mundo en descomposición.


Se ben concordo con Olga en que galegas e galegos estamos a ser testemuñas da decadencia do rural, tamén coido que o agro forma parte do noso ADN e nin podemos nin debemos desprendernos del. En Galicia o rural é o alicerce sobre o que nos construímos como individuos e como sociedade, a vella semente sobre a que agromamos como país. Coma galega síntome profundamente atraída pola forza telúrica da aldea e coma poeta síntome profusamente inspirada por todo o que a rodea. O rural é instinto e estímulo, condición indispensable para amar esta terra de noso.


Se ben nacín nun barrio de Compostela, as tardes de domingo da miña nenez eran visita obrigada aos avós da aldea nun Renault 12 granate con fútbol en directo. En Gastrar tiven unha avoa que viviu noventa anos e un afillado que viviu dezaoito. Pablo quería ser granxeiro. A aldea eran fines de semana, festas patronais, cerimonias relixiosas, xuntanzas familiares, xogos entre alpacas, leite con tona, ensalada da avoa con algún verme despistado.


Uns cantos anos despois resido no lugar de Penelas, en Teo, nunha fermosa xanela con vistas ao Pico Sacro. Na nosa aldea conviven veciños cuxas familias levan aquí varias xeracións con outros coma nós, os recentemente chegados. Moitos formamos parte da Asociación Trinxidoiro e campamos orgullosos do labor que estamos a levar a cabo para manter viva a memoria da aldea, a historia deste lugar onde os veciños se reunían a carón dunha pena, onde a auga era vida encorada nos corgos. En Penelas celebramos o magosto e o San Xoán, vellas e vellos contan contos, nenas e nenos xogan xuntos, comemos e bebemos, tocamos música tradicional e recitamos poemas buscados para a ocasión.


Cando escribo entendo o mundo, e para comprender o mundo hai que pararse a observalo e escoitalo. Coas súas luces e as súas sombras, coa súa música, os seus ruídos e os seus silencios.


Para min a poesía é unha maneira de entender a vida. De saber de onde veño para decidir cara onde quero ir. Porque moitas veces a beleza se escribe con V, con V de casas vellas, de paisaxe verde e acuática, de vínculo e amor á terra. Con V de savia sabia, de mans con callos e aroma a lixivia. Non debemos resignarnos ante un universo que esmorece cando este é o compás que nos guía.


Cando atopo un lector de poesía sinto que dei coa agulla do palleiro. E cando escribo versos soño con construír palleiros de palla e palleiros de agullas. Porque no outono e na aldea nacen os máis fermosos días solleiros.


Falando con Claudia Castro o día da presentación do poemario en Cartabón