Páginas

martes, 2 de junio de 2020

PACO IBÁÑEZ NO LICEU DE BARCELONA, 2007






Foi no Liceu de Barcelona o 23 de abril de 2007. Paco Ibáñez daba un concerto moi especial de tres horas de duración. Resultou espectacular. E, para min...ufff! Nese concerto Paco cantaba por primeira vez "Que ocorre na terra?" e quería facer desta canción unha arma de construción masiva, máis ou menos. Dende ese concerto, nos múltiples recitais do noso trobador, a canción forma parte do seu repertorio habitual. Non deixou de cantala en ningún momento. Leva trece anos con el e tiven a satisfacción de subir ao escenario para recitar outros poemas en galego e cantar (se a iso se lle chama cantar) as cancións que creou a partir dos meus poemas. Toda unha honra.
Na palestra no Liceu

Por outra banda hei de dicir que ese 23 de abril, participei nunha palestra sobre a obra de Paco no propio Liceu, que foi retransmitida a diversas universidades que estaban interesadas na súa traxectoria e no seu repertorio poético-musical. Unha serie de persoas, claros admiradores do artista, debatemos sobre o que Paco Ibáñez significa no panorama cultural deste país e a influencia que a súa obra tivo nas diversas xeracións en España.
Un acto de reivindicación dun artista excepcional que sementou a poesía nos corazóns e no ánimo de milleiros de persoas en tempos difíciles e que nos agasallou razóns abondas para resistir.
Con Paco despois do concerto

Aquí tedes o concerto completo. Un concerto que paga a pena escoitar e volver a escoitar, porque nel está contida toda unha vida dun ser honesto que fixo da ética e da honestidade unha bandeira para andar pola vida.

Cantou dúas cancións en galego: "Que ocorre na terra?" e "Chove", do meu admirado Celso Emilio Ferreiro. Unha auténtica preciosidade. Podedes escoitala a partir das 2h e 23´

Desfrutade deste marabilloso concerto.