Páginas

martes, 16 de junio de 2020

DARDO POÉTICO (LXVI): TRES POEMAS NO 79 ANIVERSARIO DE BOB DYLAN (Petando nas portas de Dylan)





Bob Dylan
Bob Dylan cumpriu o pasado 24 de maio  79 anos. Que xa son anos, se temos en conta esa “Never ending tour” que o levou a dar un mundo de concertos sen interrupción dende hai ben anos. O COVID-19 obrigouno a parar. Entanto, o xenio de Duluth agasallounos con tres temas, verdadeiramente excepcionais que facían presaxiar un novo traballo discográfico: “Murder Most Foul” (de case quince minutos de duración), “I contain multitudes” e “False prophet”. Intuíamos algo excepcional os amantes do vello Bob e produciuse. Non tardou en anunciar un novo disco, que sairá á venda o día 19 de xuño. Leva por título "Rough And Rowdy Ways" e supón unha nova alegría para os que amamos a música e a traxectoria do músico máis influente do século XX.

     
     


     Co gallo do seu 79 aniversario, quixen homenar a Bob Dylan recitando tres poemas do meu poemario “Petando nas portas de Dylan” (Editorial Galaxia). Penso que a ocasión o merecía.
     
     En Versos e aloumiños podedes ler os tres poemas e, ademais, escoitalos e velos no vídeo que hai deseguido.


                 TRES POEMAS DE "Petando nas portas de Dylan" e un vídeo


e foron aparecendo preguntas sen respostas,

preguntas e preguntas que chegaron a cubrir
o ceo,
ese ceo xa sen pombas brancas que o atravesasen.
pombas substituídas por balas de canóns.
preguntas e preguntas
que ninguén foi quen de contestar.


...daquela, a voz do vello Bob comezou a escoitarse dicíndonos que 

quizais a resposta estivese soprando no vento.
                                 
                                 (tras escoitar Blowin’ in the wind)




    



underneath the sky of blue



Baixo o azul
                       do ceo
invento camiños
                       sen medo
Baixo o gris
                       do fume
percorro carreiros
                       de lume
Baixo a cor
                       dun manto
              debuxo facianas
                                sen pranto
Baixo as ás
                                das aves
              eu peto nas portas
                                sen chaves
Baixo o son
                                do río
              eu pinto as enrugas
                       do frío
Baixo o van do fento
                       eu douche de bicos
                                          un cento








don’t send me no more letters no



Non me envíes máis cartas
porque as sinto moi frías;
xunto ás medias verdades
se cadra hai cen mentiras.

Non me envíes máis cartas.
Son verbas ben distintas
a aquelas que noutrora
quenceron os meus días.

Repaso esas palabras
baleiras, fuxidías.
Son restos dunha historia.
Son aves moi feridas.

Non me envíes máis cartas.
Son ansias esquecidas.