Páginas

sábado, 15 de febrero de 2020

A ESTELA DO "FARO" DENDE A MIÑA FIESTRA (1)

Foto de Ricardo Grobas





                

                                                                      Escribir e escribir
                              
                                                        Antonio García Teijeiro                                          



Nalgún momento da súa vida o escritor Carlos Fuentes afirmaba algo así como que a escrita non comeza con calquera de nós mesmos, senón nos libros que lemos ata o intre de poñernos a escribir.
Carlos Fuentes

     Non lle falta razón ao novelista mexicano penso eu. Isto aconteceume a min. Cando sentín a necesidade de escribir, notei axiña que me faltaban ferramentas. Os meus escritos adolescentes eran berros de rabia, de ansias de liberdade, de saber quen era e o papel que desenvolvía nunha sociedade con demasiadas tebras que escurecían o meu día a día. Si, eran iso e moito máis pero non eran literatura. Por que? Porque me faltaban lecturas. Foi a partir da lectura pausada de toda sorte de obras literarias, cando a escrita lle deu sentido á miña vida. E case chegou sen avisar. Comprendín que debía facer preguntas. Que esas preguntas propiciarían unha busca. E atopei un camiño aberto que percorrer. Cos anos as voces de escritores e escritoras que eu devoraba foron enriquecendo a miña visión do cotián para ir chegando ao convencemento de que era capaz de penetrar na realidade circundante, de decatarme das moitas arestas que esa realidade tiña e, así, poder rachar certos límites que me confundían.

     A escrita, escribir dun xeito constante – como me chegou a dicir Álvaro Cunqueiro un inesquecible día en Marqués de Valladares – faría que me convertese en escritor sólido e non ser unicamente un escritor de ocasión, díxome o mestre. Escribindo acadei unha certa reivindicación persoal, coñecinme mellor e deume referencias ben ricas do que me rodeaba.
Álvaro Cunqueiro
      Quixen facer da palabra escrita un instrumento imprescindible para evocar, para sentir, para escarvar na conciencia colectiva, para reflexionar. Escribir e escribir serviume para encontrar a miña voz literaria. Esa que marca a individualidade ética e estética para desenvolver un discurso literario propio e coherente.
Escribo e escribo constantemente. Ben sexa nun pano de mesa de papel, detrás dunha factura, no meu caderno na rúa ou sentado na butaca escoitando – como agora mesmo un cuarteto de Schubert – esa música que me permite sentir a serenidade precisa para tecer narracións ou poemas nacidos para sacudir. Todo o que me rodea é unha fonte de inspiración. Sinto que o escritor ou escritora debe ir cos ollos ben abertos, ver, sentir o que a xente respira. Ten que vivir – non existir – e coñecer os sentimentos que aboian nas rúas. E ler, claro. Ás veces dubido das lecturas dos escritores. Sen elas pouco se pode achegar ao mundo da creación. Eu levo a mirada curiosa, o corazón aberto e os oídos atentos.

    
Julio Ramón Ribeyro
Síntome un poeta da rúa. E dende ela tomo conciencia do que Julio Ramón Ribeyro, escritor peruano, dicía: “Comprendín daquela que escribir, máis que transmitir un coñecemento, é acceder a un coñecemento.” E no seu fermoso libro, Prosas apátridas, continuaba dicindo “que o acto de escribir nos permite aprehender unha realidade que ata o momento se nos presentaba dun xeito incompleto, velado, fuxitivo ou caótico. Moitas cousas coñecémolas ou comprendémolas só cando as escribimos…”
E por ese espazo camiño eu.