(Foto do blogs.upn.edu.pe) |
Cada achega de Manuel Veiga a Versos e aloumiños é unha
chave para falar de temas de actualidade que, moitísimas veces, se tratan dun
xeito demasiado convencional e, por iso, cunha certa inxustiza.
A este escritor e xornalista monfortino
preocúpanlle algúns asuntos que deberían ser tratados con maior seriedade e de
maneira máis rigorosa.
Desta volta, preséntanos un artigo
interesante sobre a mocidade e a súa creatividade, tomando partido a prol dos
mozos e mozas, tan inxustamente tratados nas diversas épocas.
Como se os adultos non fósemos seres en
formación e non moi distintos nos diferentes momentos da historia!
Lede, pensade e formádevos unha opinión.
Manuel Veiga (Foto de A.González-Alegre) |
Os adolescentes de hoxe son moi creativos
Manuel
Veiga Taboada
Gústame o director
de cine Jim Jarmusch. Pero non vou falar agora das súas películas, senón de
algo que afirmou recentemente nunha entrevista. Transcribo a frase: “O mundo é
dos adolescentes. A xeración que hoxe en día pasa por eses anos é moi creativa,
arriscada no cultural. Fascíname o que están a facer”. Só lles pon un pero: “Ás
veces confúndeos a revolución hormonal”.
Jim Jarmusch |
Faleino con outras
persoas e moitas confirmáronme esa paixón, no seu ámbito, a esas idades, polo
tute, o chinchón, o mus, etc., etc. Tamén
podería falar das máquinas de flipper –a esas si que xoguei bastante–, de
tirarse pedras uns a outros, pero non quero estenderme.
En todo caso, esa
memoria lévame a non crer que agora o dos xogos de ordenador ou o uso excesivo
doutras tecnoloxías poida resultar grave. Claro que se poden facer cousas
mellores, pero en todo caso non vexo aí unha traxedia nin un problema
irresolúbel.
O que si é certo é
que hoxe os adolescentes teñen moita máis e mellor información da que tiñamos
nós. O manexo de tantas posibilidades fai que lles sexa máis difícil escoller o
camiño a seguir. A mocidade de hoxe chega a formarse un criterio propio máis tarde,
é dicir tarda máis en madurar, pero a cambio faino mellor, con máis datos na
súa cabeza. Os períodos de aprendizaxe dilatáronse, de aí que sexa tan corrente
á frase: “Eu cando tiña 17 xa facía isto é aquilo. Vós parecedes abobados. Iso
é por culpa de estar todo o día cos ordenadores”.
Jarmusch afirma,
non obstante, o contrario. Como persoa vinculada ao mundo da creación, a través
do cine e a música, probabelmente sabe do que fala, ten experiencia nese
sentido.
Se eu tivese que
facer un vaticinio diría o mesmo que Jarmusch: os adolescentes de hoxe serán
máis creativos. A lóxica convida a pensar iso. Creo que deberiamos
desprendernos dalgunhas inercias e prexuízos e observalos cunha visión máis
ampla.
Sócrates |
“Á nosa mocidade
gústalle o luxo, está maleducada, búrlase dos superiores e non respecta en
absoluto os anciáns. Os nosos fillos de hoxe convertéronse en tiranos, non se
poñen en pé cando chega unha persoa de idade, contradín os seus pais; falando
en prata: son moi malos”. (Sócrates, século V, antes de Cristo).
“Perdín toda
esperanza no tocante ao futuro do noso país se a mocidade de hoxe empuña mañá
as rendas do poder, pois esta mocidade é insoportábel, impulsiva, simplemente
horríbel”. (Hesíodo, séculoVIII, antes de Cristo).
“O mundo no que
vivimos acadou unha fase crítica. Os fillos non obedecen xa os seus pais. Polo
visto, o fin do mundo non está moi lonxe”. (Sacerdote exipcio que viviu máis de
dous mil anos antes de Cristo).
Hesíodo |
“Esta mocidade
está podre até o fondo da súa alma. Os mozos son pérfidos e neglixentes. Nunca
se parecerán os mozos doutros tempos. A nova xeración de hoxe en día non saberá
conservar a nosa cultura”. (Texto nunha vasilla de barro atopada nas ruínas de
Babilonia. A vasilla foi construída uns tres mil anos antes da nosa era).
Pensemos agora
algo. Calquera rapaz ten hoxe doado acceso a textos coma estes e pode moi ben
sacárnolos a relucir. Creo que, se queremos axudar a xente nova, se queremos
fornecerlle un criterio mellor, tamén nós, os maiores, debemos prepararnos.
Encontrarémonos cada vez con xeracións máis esixentes. A nosa experiencia
interesaralles pero temos que saber transmitirlla.
Non sei se os sermóns
serviron algunha vez, pero hoxe desde logo son menos útiles que nunca. Para
transmitirlle os nosos coñecementos, temos que empezar por observar os nosos
adolescentes, como fixo Jarmusch. Tamén nós temos que aprender a
contextualizalos a eles, na nova época que todos estamos vivindo.