Páginas

lunes, 25 de febrero de 2019

REMUÍÑO DE LIBROS (57) "É tempo de Entroido!", de Ramón D. Veiga e David Sierra





TÍTULO:  É tempo de Entroido!




AUTOR:  Ramón D. Veiga

ILUSTRADOR:  David Sierra




EDITORIAL: Edicións Xerais. 2018




Si, si, xa se albiscan no horizonte as luces e as cores dun Entroido tan agardado por milleiros de persoas que desfrutan duns días de festa e disfraces. Cada vez máis arraigado, o Entroido en Galicia é variado e ofrece un mundo de espectáculos que deleitan o público en xeral.
     

     Por iso, agradécese que aparezan libros vistosos, ben editados e suxestivos nos que esa festa estea ben representada tanto literaria coma plasticamente. Así sucede con É tempo de Entroido!, onde  Ramón D. Veiga –que xa publicara o álbum Violeta quere ser vampiro. Un conto de Samaín (Xerais, 2017)- e David Sierra – ilustrador doutros tantos álbums-, dan vida a unha obra humorística e chea de vida festiva. Por ela circulan algúns dos personaxes máis representativos do Entroido – o peliqueiro, o boteiro, o cigarrón, o felo, o vergalleiro…ademais doutros seres que forman parte do mundo carnavalesco. E fano entre cores planos e vivos ao tempo, debuxos expresivos que engaiolan. E,felizmente, aparecen en coplas, moi propias desta época, cheas de humor, moi ricas porque están baseadas na poesía tradicional..
    
Ramón D. Veiga (Foto Xerais)

     Un cigarrón / veu de Verín, / trouxo un lacón/ para o festín. Ou esta: E o vergalleiro / trouxo un feixiño / de ceboleiros / moi ben feitiños. Todos estes personaxes xúntanse neste tempo para darse unha boa paparota. Porque ben saben eles que o Entroido tamén é época de fartarse a comer filloas e cocido, entre outras cousas.
     

     É tempo de Entroido! é un álbum de indubidable valor. Nel adentrámonos no espírito dunha das festas máis populares de Galicia. Podemos dicir poemas en voz alta, reflectirnos nos personaxes máis senlleiros perfectamente trazados nas ilustracións e cantar unha canción, É tempo de Entroido!, de Isabel Fdez. Reviriego, se escaneamos o código que figura na contracuberta do libro.
     

     Un libro moi ben pensado que nos permite gozar polo seu carácter festeiro, que alegra ao lectorado dun xeito constante. Un álbum que convida á ledicia dos sentidos e que nos permite respirar mellor.
     
     Ademais, existe unha ligazón ben interesante que permite acceder a varios recursos sobre o libro (canción, versión karaoke e láminas para colorear unha vez impresas).
      
     É a seguinte:  https://www.xerais.gal/libro.php?id=5534781.
      
     Pódese pedir máis?
  
                                 
                                                           



                                                                                                              ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO