Páginas

martes, 30 de octubre de 2018

REMUÍÑO DE LIBROS (52) "As peripecias de Estravaganzza Pérez", de Ledicia Costas








TÍTULO: As peripecias de Extravaganzza Pérez.




AUTORA: Ledicia Costas.




ILUSTRACIÓNS: Óscar Villán.




EDITORIAL: Xerais. Colección: Sopa de libros.






     As peripecias de Extravaganzza Pérez  nace  coma encarga para o Salón do Libro Infantil de Pontevedra no ano 2016 baixo o lema”Canta bichería”.Será dous anos despois cando chegue ás librerías da man da editorial Xerais e na colección Sopa de libros.

     A súa autora, Ledicia Costas, unha das voces máis sobresaíntes dentro do noso panorama literario infanto-xuvenil, que atesoura varios dos premios máis destacados neste eido( Merlín, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, Jules Verne, Lazarillo) achégalles aos lectores, a partir de dez anos, esta historia que vai emocionar tanto a grandes coma a pequenos porque está constituída polos elementos básicos para engaiolar: aventura, emoción, tenrura, agarimo e respecto polo medio natural, onde todo un elenco de animais vai desfilar ao longo das súas páxinas, amosándonos o seu lado máis humano.
 
Ledicia Costas. (Foto de Eugenio Álvarez)
     Estravaganzza é a súa protagonista e todo un mundo desbordante creativo da autora aparece focalizado nesta nena de 11 anos, nada común e coa curiosidade e o amor cara aos animais coma bandeira de presentación.

 A trama comeza cando os seus pais, dous biólogos de fama e extravagantes, deciden marchar en busca de novas especies, pero en realidade, aínda que a súa filla non o saiba, é para algo máis importante. Antes de emprender a súa viaxe danlle instrucións á súa filla do que ten que facer en caso de non ter noticias deles durante dúas semanas. Para iso entréganlle unha pequena chave dourada e mais unha caixa de cartón que abrirá no caso de non saber deles.
 
Ledicia firmando nun centro escolar. (Foto de Trotaauga)
     
     A aparición dos obxectos máxicos, as aventuras que vai vivir en cada viaxe, a desaparición dos pais e as diferentes probas polas que pasará vencendo o medo, danlle ese ambiente de misterio e tensión que vén adubado pola riqueza léxica, a simboloxía das cores, o xogo de palabras e unha pátina constante de humor intelixente, que fai que o lector axiña se identifique coa súa especial protagonista e teña constancia da importancia e o valor da xenerosidade para crear un mundo máis equitativo, sen prexuízos e onde todos colaboremos para manter a natureza humana, vexetal e animal en harmonía.

     As expresivas ilustracións de Óscar Villán danlles vida a Extravaganzza e ao seu mundo totalmente acorde co ton textual.

                                                                                                                 ALBA PIÑEIRO