Páginas

domingo, 29 de abril de 2018

REMUÍÑO DE LIBROS (47) "Leonardo e os fontaneiros", de María Victoria Moreno






AUTORA: María Victoria Moreno.



ILUSTRACIÓNS: Manuel Uhía.




EDITORIAL: Galaxia. Colección: Árbore.





Leonardo e os fontaneiros é unha novela realista onde a súa autora, María Victoria Moreno, escritora homenaxeada nas Letras Galegas deste ano, é quen de penetrar no universo dos adolescentes e amosarnos o mundo segundo a súa perspectiva.

     Esta obra viu a luz primeiro na editorial SM e xa a partir de 1986 en Galaxia. Na colección Árbore saíu en 1990. Colección que foi codirixida  dende a súa creación en1988 por María Victoria Moreno, Antonio García Teijeiro e David Otero, e que tanto achegou á calidade literaria da nosa LIX e doutras coas traducións ao galego.

 
María Victoria Moreno
     
     Leonardo e os fontaneiros engaiola a calquera lector que se deixe levar pola palabra ben construída para argumentar e descubrir o seu poder. Así, coñecemos a través dela a tenrura e a diversión pero tamén a tristura e a crítica que invita á reflexión e que se agocha nas súas páxinas. Trátase dunha novela na que a súa autora deita gran parte do que van ser temas recorrentes, pois coma profesora sabía que a educación dos nenos e adolescentes é o mellor xeito de combater a ignorancia, as inxustizas e desigualdades de calquera tipo e apostar por un futuro plural, equitativo e máis solidario. Deste xeito convida o lector a coñecer a Antón, o seu protagonista e mais a Leonardo, un can da rúa, que se vai converter no seu confidente e, xa que logo, amigo dos fontaneiros, os compañeiros de curso de Antón.
     
     A historia desenvólvese ao longo de todo un curso escolar, oitavo de EXB e vai supoñer unha viaxe iniciática cara á madurez de todos os seus protagonistas, ao ter que enfrontarse a diversos conflitos tanto escolares como persoais e morais e mesmo  ao significado da ausencia como aprendizaxe futura.

     E así, a través da ollada de Antón reflicte a importancia da amizade, do amor aos animais, do respecto aos demais, aínda que non opinen o mesmo, da honestidade, pero tamén sinala o mundo das aparencias e dos prexuízos envoltos sempre coa pátina da ignorancia.
      
     Está estruturada en vinte e sete capítulos curtos sustentados no emprego dunha prosa fluída cunha linguaxe coidada e que se poden ler de xeito lineal ou non, segundo o gusto do lector, como ben indica a autora ao comezo do libro: “Fai o que queiras, amigo, pero le o libro, que para iso o escribo. E que che preste.”

As expresivas ilustracións de Manuel Uhía  danlles vida aos personaxes e están en sintonía co ton textual.



                                                                                           

                                                                                                       ALBA PIÑEIRO